Amosando publicacións coa etiqueta Local Veciñal. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Local Veciñal. Amosar todas as publicacións

venres, 14 de xullo de 2017

Información da reunión do Concello en Nebra

Foto e texto, extraído da páxina de Facebook do Concello de Porto do Son

O alcalde do Concello de Porto do Son Luís Oujo e o seu equipo de goberno, queren agradecer a todos os veciños e veciñas a participación nas reunións parroquiais, xa que entenden que é unha forma de democratizar a vida municipal e facer partícipe a cidadanía das intervencións e coñecer as necesidades de primeira man.

O alcalde explicou as inversións que están previstas executar como pode ser: reparación e melloras de pista, a que da acceso o punto limpo, a da Aguieira, o saneamento, os abastecementos de auga na Aguieira e cruce de Nebra, a recuperación do entorno da igrexa de de Nebra...
Aquí vou destacar as palabras usadas, que foron que «estaba pendente da cesión por parte da igrexa para a a recuperación do seu entorno», e tamén antes dixo que se ían solicitar «permisos para o paso das tubarias secundarias do saneamento», por que, ao contrario do que pasou na Comunidade cando se lles dou por cruzar varios agros cunha pista nos Balados, sen permisos nin proxecto, o Concello vai respectalas propiedades privadas.
Como en cada reunión, recolléronse as demandas dos veciños, que se intentarán levar a cabo na medida do posible.
Aquí engado tamén unha das consultas que lle fixeron os veciños, entre outras cousas, «que pasou coa fonte pública que hai na Aguieira e que agora non está accesible ao atoparse completamente valada por un particular».

A reunión transcorreu con toda normalidade, os veciños participaron comentando e propondo ideas ou alternativas a cousas que, nun papel se ven ben, pero só os que vivimos nos lugares coñecemos a realidade. As cousas que estaban en estudo respondéronse no momento, e doutras, tomouse nota ou emprazábanse a comentar máis polo miúdo cada caso particular ao remate da reunión.

venres, 13 de maio de 2016

NON foi a xente de Nebra a que lle deu a maioría ao PP

Desde o Pleno constituínte non acudirá a outro da actual lexislatura, e o único que saquei claro é que saín bastante aburrido e coido que non fun o único, tras escoitar varios "bostezos", no chamado salón nobre.

A pesar de que agora se celebran ás 20:00 h. a asistencia, baixo a miña opinión foi mínima, xa que apenas pasamos da ducia, contando que 5 eran do BNG.

O que menos me agardaba era que a súa portavoz nos citase por 2 veces aos veciños e veciñas de Nebra, primeiro porque segundo ela, grazas ás obras de última hora a cargo do POS, investido no saneamento (toda aldea de Resúa, Puílla, menos 1 casa e 3 na Aguieira) arrincoulles o seu voto á última hora.

Como o voto é segredo, xa me gustaría saber como está tan segura que TODOS os de esa xente foron parar ao PP, ao igual que os de Beneso.
O gráfico non deixa dúbidas de que o PP gañou en tódalas mesas do Concello, incluso na súa parroquia, polo que non entendo que solo cargara as culpas contra Nebra.
Aínda me resoa nos oídos as risas que soltou moita xente, eu incluído cando nos falou das bondades do monte e como ademais dos porcos lle podíamos sacar máis beneficios. Claro que ese día algunha esquecéuselle dicirnos que a comunidade estaba denunciada polos danos causados que estes lle causaron a un veciño ao que se negaron a indemnizalo, que a día de hoxe non cobrou mentres a outros si que os compensaron.

Das excelencias e mina de ouro que podía ser o monte se gañaban tamén o prometeu no mitin que deron no Son.

Ao mellor Luís e o seu equipo entre outras cousas gañaron en Nebra por isto e iso que daquela non se sabía o que sabemos hoxe de todo o que pasou no monte, porque non foi até setembro cando convocou eleccións ante o "toque que lle deu a Xunta" que apunto estivo de quitarnos o monte. Co que a bo seguro "sería unha arma" a usar contra o PP, porque algúns ven mellor a palla en ollo alleo que a viga «aínda que non estea atravesada» no propio.

Volveunos a citar noutro intre que neste momento non lembro, cando se publique a acta se foi recollido, igual escribo algo a maiores.

O que non podo pasar por alto é a queixa que neste caso fixeron tódolos grupos, pola modificación no proxecto dunha pista en Queiruga, aínda que voume deter expresamente no BNG, polo que pasou aquí coa modificación do proxecto do local veciñal, que a pesar de ser obrigatorio levalo de novo a asemblea, o ex-presidente polas presas que tiña "botábanse unhas eleccións enriba", eludiu adxudicando directamente o 2º proxecto, algo que algunha xente da asemblea local do BNG, coñecía e preferiu poñerse da súa banda en detrimento da legalidade.

Por reclamar esa legalidade foi polo que fun expulsado da secretaría da comunidade. Nuns días publicarei varios documentos que me afectan para que se vexa como fun maltratado e ríndose da ignorancia dos comuneiros e comuneiras, aos que mentiron na asemblea do 13 de maio de 2007.

xoves, 12 de agosto de 2010

As cousas non son así

Hai cousas que non logro comprender, tanto en El Ideal Gallego «o primeiro diario que tivo a ben publicarme unha nota de prensa», como La Voz de Galicia ou El Correo Gallego, sempre que-lles mandaba escritos ou acudín persoalmente, debía identificarme e clarificar se falaba en nome propio ou de varios. Hoxe vexo con certa incredulidade que algúns poden facelo sen necesidade de cumprir ese requisito e o que é peor, que poidan falar en nome de tódolos veciños de Nebra e po riba, non dicila verdade:
Los vecinos de la parroquia de Nebra mostraron su malestar al respecto de unas declaraciones realizadas por el alcalde, Xoán Pastor, en las que anunciaba que centraría esfuerzos en dotar a Xuño de una casa de cultura al ser esta la única parroquia que no cuenta por el momento con una infraestructura de este tipo.
Puidera ser que o redactor da noticia escribise veciños no canto de comuneiros, entón eu estaría falando de máis, nun caso, noutros non. Pola contra se dixese comuneiros, entendería que a queixa foi remitida previo consenso da Xunta Reitora da Comunidade de Montes, por algún dos seus membros, aínda que o normal e que se identificase alguén.

Cumpre antes de nada clarificar a diferenza entre veciño e comuneiro. O primeiro é toda persoa que tendo vivenda propia ou alugada en Nebra, more aquí tempadas e sería tamén comuneiro, se o fai como mínimo nove meses cada ano. Cumpren outros requisitos, pero só tentaron aplicarmos a min fai anos para expulsarme por non comungar con rodas de muíño, como facía o resto. Mesmo se tentou implicar a departamentos da Xunta de Galicia e consta nunha acta, pero tiveron que recuncar.
Los vecinos de Nebra recuerdan que ellos tampoco tienen casa de cultura municipal y que el local vecinal del que disponen está construido y financiado "exclusivamente" por la comunidad de montes vecinales, "sen ningunha axuda, máis ben ao contrario" ya que incluso se les habría cobrado la licencia municipal de construcción para este edificio financiado con el esfuerzo económico de los vecinos.
É neste bloque da noticia onde se falta á verdade e ademais terxiversando as cousas. Tal é como manifestei aquí, corrixo ao señor alcalde pero fágoo tamén co seu equipo de goberno, na nota descargan tódalas culpas nel por se-lo autor material da frase, pero obvian, non sei se intencionadamente, ao resto que tampouco o sacou do erro. A diferenza é substancial, salvo que se tentase «protexer a alguén».

Por último méntese claramente ao dicir que o local «está construido y financiado "exclusivamente" por la comunidad de montes vecinales», porque non é verdade. Aquí é onde teño as miñas dúbidas sobre quen remitiu a queixa, porque se foi algún membro da Xunta Reitora, debería dimitir «ipso facto» por isto. É de todos coñecidos que tivemos unha subvención e así mesmo o reflicte a placa que aporto na foto.

É certo que o Concello non nos dou ren e por riba cobrounos a licenza municipal, aínda que coido que-lle teño escoitado nunha asemblea ao ex-alcalde Antonio González Groveiro, que durante o seu mandato para obras sociais se había excluído este tipo de pagos. Curiosamente obviase tamén quen gobernaba cando se nos cobrou e non é por defender a ninguén, pero son dos que penso que non se pode acusar e agochala man ou andar con medias tintas: gobernaba o PSOE.

Digo isto, porque cando se levou a unha asemblea cedelos terreos para o Punto Limpo, máis dun comuneiro e comuneira botáballe a culpa ao ex-alcalde Manuel Tomé.

Voume tomar agora a licenza de dicir dúas cosas, porque me saen de dentro. Con respecto ao local, cando o presidente dixo que ía regatealo prezo co construtor, a todo o mundo salvo a 3 ou 4, pareceunos unha tomadura de pelo, porque cunha obra súa podía facelo que-lle petase, pero neste caso tiña que volver a poxalo en sobre pechado, como fixeramos ao primeiro, co proxecto que era o da casa de cultura. En que comunidade se viu tal cousa, coma aquí en Nebra?

E por último lembrarlle tamén aos autores da nota, que a recuperación do solar onde esta o local, ata o momento foi sufragado única i exclusivamente por este comuneiro, sen ningún tipo de axuda, nin moral nin económica por parte da maioría. Máis ben todo o contrario.

mércores, 11 de agosto de 2010

Un lapsus, señor alcalde?

Mira por onde, parece que en Nebra temos Casa de Cultura i eu sen sabelo: «Das dez parroquias que forman o termo municipal de Porto do Son, unicamente Xuño carece de casa de cultura, explicou o rexedor sonense, Xoán Pastor Rodríguez, ao referirse á recentemente inaugurada en Portosín». O que resulta cando menos curioso, é que tampouco ninguén do seu equipo de goberno o sacase do lamentable lapsus, ou non interesaba?

Pois non señores, a verdade é que Nebra, a parroquia máis extensa do Concello non ten nin casa de cultura, nin xeito de que nola vaian a facer nun prazo relativamente corto, se é que algún nola fan, e iso que os veciños e veciñas que aportámolas nosas terras para a parcelaria, cedemos entre todos 23 ferrados «9.660 m2» para unha parcela comunal. Que esa é outra, agora son copropietarios no presente e no futuro, mesmo quen non aportou nada.

A desculpa que sempre se nos puxo era que o concello non tiña terreos aquí, claro, porque os da Aguieira serviron só para malvendelos e facer negocio. Tampouco noutras os había e ben que se compraron, en Portosín con edificio engadido.

É certo que somos dez parroquias e que hai nove casas de cultura, pero é que a parroquia de Noal ten dúas, unha no casco urbano e outra, en Loreto. Polo tanto a día de hoxe Xuño e Nebra somos as cincentas do Concello.

O de Xuño tamén ten delito, fai anos que se comezou a facerlle non unha nave, nin dúas, coido que tres, chámolle naves por non dicir outra cousa, porque cada ano que paso por alí en xaneiro, véxoas máis arruinadas. Notase ben que os políticos sexan da cor que sexa, non pagan estas cousas co seu soldo.

Aquí tamén houbo un intento de facela a medias coa comunidade de montes, primeiro impulsada por unha directiva e despois por outra. No primeiro caso non se sabe porque non fraguou esa colaboración e no segundo, presuntamente porque o alcalde por aquel entón se volveu atrás. O certo é que esta última nunca vin clara, todo o contrario no caso dos ex-compañeiros, que sempre me achacaban que daba para atrás a todo. O tempo veume a dala razón, porque non había forma de cadrala a titularidade final do edificio, máis outras argucias de dubidosa legalidade que buscaba o presidente para acadar esa colaboración.