mércores, 11 de agosto de 2010

Un lapsus, señor alcalde?

Mira por onde, parece que en Nebra temos Casa de Cultura i eu sen sabelo: «Das dez parroquias que forman o termo municipal de Porto do Son, unicamente Xuño carece de casa de cultura, explicou o rexedor sonense, Xoán Pastor Rodríguez, ao referirse á recentemente inaugurada en Portosín». O que resulta cando menos curioso, é que tampouco ninguén do seu equipo de goberno o sacase do lamentable lapsus, ou non interesaba?

Pois non señores, a verdade é que Nebra, a parroquia máis extensa do Concello non ten nin casa de cultura, nin xeito de que nola vaian a facer nun prazo relativamente corto, se é que algún nola fan, e iso que os veciños e veciñas que aportámolas nosas terras para a parcelaria, cedemos entre todos 23 ferrados «9.660 m2» para unha parcela comunal. Que esa é outra, agora son copropietarios no presente e no futuro, mesmo quen non aportou nada.

A desculpa que sempre se nos puxo era que o concello non tiña terreos aquí, claro, porque os da Aguieira serviron só para malvendelos e facer negocio. Tampouco noutras os había e ben que se compraron, en Portosín con edificio engadido.

É certo que somos dez parroquias e que hai nove casas de cultura, pero é que a parroquia de Noal ten dúas, unha no casco urbano e outra, en Loreto. Polo tanto a día de hoxe Xuño e Nebra somos as cincentas do Concello.

O de Xuño tamén ten delito, fai anos que se comezou a facerlle non unha nave, nin dúas, coido que tres, chámolle naves por non dicir outra cousa, porque cada ano que paso por alí en xaneiro, véxoas máis arruinadas. Notase ben que os políticos sexan da cor que sexa, non pagan estas cousas co seu soldo.

Aquí tamén houbo un intento de facela a medias coa comunidade de montes, primeiro impulsada por unha directiva e despois por outra. No primeiro caso non se sabe porque non fraguou esa colaboración e no segundo, presuntamente porque o alcalde por aquel entón se volveu atrás. O certo é que esta última nunca vin clara, todo o contrario no caso dos ex-compañeiros, que sempre me achacaban que daba para atrás a todo. O tempo veume a dala razón, porque non había forma de cadrala a titularidade final do edificio, máis outras argucias de dubidosa legalidade que buscaba o presidente para acadar esa colaboración.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os comentarios son libres, só pido sentido.