Amosando publicacións coa etiqueta Castro de Baroña. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Castro de Baroña. Amosar todas as publicacións

mércores, 23 de novembro de 2016

O Son coa igualdade

Cartaz pendurado no soportal do Concello para concienciar aos veciños e veciñas pola igualdade.

Camiseta conmemorativa que portaran as primeiras 150 persoas que se inscribiron na andaina: Ruta Castro de Baroña.
Programa
Andaina ruta Castro de Baroña

luns, 27 de abril de 2015

Redescubrindo as entrañas do Castro de Baroña

La Voz de Galicia: Os traballos en Baroña descobren a muralla orixinal do castro.

A que se prevía que sería a última gran intervención no xacemento revelou sorprendentes resultados que abren novas vías de actuación...

sábado, 31 de maio de 2014

sábado, 26 de abril de 2014

Desde Extremadura promocionan visitar Galicia


Casa Perín Hostal Rural

Saludos,

Desde Extremadura, y dentro de nuestras posibilidades, difundimos Galicia, sus rías, pueblos, ciudades y cultura a todos nuestros huéspedes en su peregrinar hasta Santiago de Compostela. Desde nuestros modestos medios, exhibimos en canal Youtube buena muestra de ello, y seguiremos exponiendo lugares de Galicia que en el momento que podamos SEGUIREMOS visitando, filmando y fotografiando para disfrute de quien quiera asomarse a estos lugares tan bonitos y bien cuidados que tenéis en toda Galicia.

Que tengan buen año turístico, una vez pasadas esas borrascas y tempestades que tanto daño han ocasionado a Galicia.

--

Isabel Guerrero Pinilla
"Casa Perin"
casaruralperin
Tlfnos : 924 52 53 56
móbil: 646 17 99 14

22:06 (hace 13 horas)



martes, 10 de xullo de 2012

Pasoume só a min?

O xoves día 5, a Consellería de Cultura do Concello tiña a ben publicar no seu facebook a información de arriba. Por gustar da nosa cultura e destas cousas, decidín inscribirme vía correo electrónico. Vexase na captura de imaxe a súa solicitude de máis información, e a miña contestación.


Nin por teléfono «digo eu para que mo pediron», nin por correo electrónico, se me informou de máis nada, até que vexo publicado de que: un curso para formar guías do vestixio foi un éxito inesperado de convocatoria. Descoñezo como se puxeron en contacto co resto, se é que o fixeron, para confirmarlles a presentación ao curso, ou se unha vez inscritos, xa era cousa nosa presentarnos.

Igual neste caso o único trabucado fun eu, pero por exemplo, agora que tamén teñen aberto outro curso, neste caso para manipulador de alimentos, para poder levalo a cabo facíalle falta un mínimo de inscritos «15», pero se hai máis, no canto de pagar 25€, serian só 20.

O mesmo que pasou para o curso do Celga 4, que tamén era preciso un mínimo. Neste caso si houbo información adicional logo da inscrición, primeiro para avisar de que o comezo das clases demorábase uns días, e logo, para concretarnos a data e a hora. A información que tiven neste, faltoume tamén fai dous anos, cando me inscribira para o Celga 3. Todo este tempo pensando que non se celebrara por falta de xente, até que me informaron neste curso, por coincidir con xente que estivera aquel ano, que si houbera.

Cultura Porto Do Son
Como aula, o claustro de Baroña. Como alumnos, máis de cincuenta veciños interesados en coñecer os segredos que esconden as pedras e o chan sobre o que se levanta a maior icona da súa terra natal: Porto do Son. Así foi o curso que onte tivo lugar no asentamento castrexo sonense, que buscaba crear novos guías turísticos especializados nesta icona arqueolóxica. A actividade forma parte do plan de dinamización do castro posto en marcha polo Concello sonense. Unha actividade coa que se pretende crear novos expertos que o día de mañá, e cando a demanda o requira, poidan exercer este labor con algúns dos 100.000 visitantes que cada ano percorren esta pequena pero concorrida península con vivendas castrexas.

A xornada comezou pola mañá coa parte teórica do curso. Durante dúas horas, os veciños inscritos tomaron nota das indicacións que un dos arqueólogos encargados da rehabilitación do asentamento, Ángel Concheiro, foilles dando. «Comezamos cunha introdución da arqueoloxía en Galicia, para logo abordar a importancia da Idade de Hierro e a cultura castrexa na comunidade pondo varios exemplos», sinalou o mesmo Concheiro. Esta clase teórica realizouse co apoio de material gráfico, debuxos, planos e fotos tanto recentes como pretéritas.

Xa pola tarde, alumnos e profesor trasladáronse ao afamado espazo. Sobre o terreo, o encargado de dirixir este curso encabezou unha comitiva na que el levaba a voz cantante: «Visitamos os puntos máis importantes e analizamos como era o castro na súa orixe. Ademais, tratamos a súa forma actual».

Itinerarios variados

Os máis de cincuenta aprendices do castro tamén tiveron a oportunidade de deseñar un itinerario razoado de visitas que logo foi estudado en común para sacar conclusións. Ademais, analizaron o equipamento que fai falta tanto no poboado como na contorna. Aquí, case todos coincidiron na necesidade de crear unha área de recepción e un centro de interpretación especializado no castro sonense. «A dotación de equipamento que máis fai falta, ou simplemente se fai falta, xa que moitos pensan que este lugar está ben tal e como está agora, tamén foi abordado», explicaba o mestre de cerimonias onte.

No apartado de suxestións, os devotos desta icona non deixaron de realizar propostas que axudarían a mellorar este castro: «A xente que veu, e que tiña unha idade moi variada, xa que incluso había unha persoa de 12 anos, propuxo que se dotase dun acceso ata o asentamento para as persoas con discapacidade física, algo que hai que ter en conta polo menos para chegar ás primeiras vivendas», razoou Ángel Concheiro.

O que parece claro con este tipo de actos é que o castro de Baroña empeza a traballar finalmente como un equipamento cultural local onde se aprende historia, arqueoloxía, natureza e ademais un divírtese. Algo que onte, os máis de cincuenta curiosos, entre os que estaba o propio alcalde, Luis Oujo, e un predecesor do seu mesmo partido, gozaron coñecendo un pouco máis sobre o seu pasado, o mesmo que está chamado a contribuír como motor económico deste municipio no futuro.

Fonte orixinal: La Voz de Galicia
Déixolles algunhas imaxes tomadas o 16 de xuño, a raíz da recente rehabilitación acometida neste impoñente castro, que visitei por primeira vez, cando se acometera a última fai máis de trinta anos.


A pesar das prohibicións, algúns campistas parece que non están pola labor de deixar de acampar nas propiedades privadas que hai no seu entorno.


xoves, 22 de setembro de 2011

Sen tempo non foi


Un chiste moi vello e machista «polo xeral todos cando anda polo medio unha muller e un home» comezaba con unha pregunta: Por qué as mulleres non poden ser electricistas?

A pesares de que o Castro de Baroña leva anos «facendo augas», declaralo Ben de Interese Cultural levoulles a homes e mulleres máis de nove meses... que digo meses... anos. O primeiro aviso do que tiven constancia sobre o seu posible parto anunciouno fai máis de catro anos, curiosamente unha muller. «Como din os mexicanos, purita coincidencia». Aquilo foi unha falsa alarma igual que acontece previamente con calquera parto, e logo, cando veñen as prezas, a «criatura» nace no sitio menos pensado, ese non que-lle pregunten a meu irmán que medio tivo que facer de comadroa.

Pero non, este caso foi tan especial, que dous anos despois, agora si, un home, prometeunos que a criatura xa estaba a punto de saír á luz. Como agora sei como son os «partos dos homes», créanme, foi tanta a miña fe que incluso me fixen eco de tal noticia nesta entrada. Iluso de min, tantos anos metido en zarandas políticas como para crer outra mentira máis.

Por fin, catro anos e vinte e dous días daquela primeira promesa «da que teña constancia» vía Xornal Certo, me informo de que o Consello da Xunta aprobou a súa declaración como Ben de Interese Cultural -categoría de zona arqueolóxica-. Sen tempo non foi, aínda que coma moitos agardo que esta declaración non sexa para que mentres falamos dela, soterren baixo formigón o castro que se achou a carón da aldea de Taramancos en Noia. Dos políticos hai que desconfiar máis que dunha serpe moribunda e porque tamén xa sabemos o que opinan algunhas das súas «eminencias» sobre catro pedras.

Agora tamén digo que, se esta declaración non ven acompañada de fondos para protexelo, o titulo ben pouco lle vai servir... salvo para colgalo dunha rocha ben firme.

Fai case dous anos a nivel local tamén dixen: Todos contra o Castro de Baroña

venres, 19 de agosto de 2011

Houston, temos dous problemas

Reporteiras dunha canle televisiva retornando do Castro de Baroña despois de gravalas "falcatruadas" que se están cometendo nel e comprobando tamén se os campistas fan caso a orden que teñen de desaloxalos agros da zona.

A Xunta anuncia medidas para solucionar o caos de Baroña

Dúas figuras feitas con pedras das casas do castro, a maioría delas incluso arrancadas da argamasa coa que foron fixadas. Aquí na foto número 11 poden ollalo mellor.

Os campistas de Baroña teñen que desaloxar hoxe o campamento

A orde sería cursada, pero hoxe pola tarde non se-lles ve moita intención de marcharse.


«Non facemos ruído, o monte está limpo e respectámolo»

Sinto disentir co autor do comentario, pero a primeira falta de respecto é que acampan e fan lume en propiedades privadas e por riba, desfannos os muros. Se se me dese por facer unha queima controla na miña propiedade, por moito que sexa dun, en canto Seprona, Medio Rural ou o Exercito divisen a columna de fume, seguramente me levasen detido para tomarme como mínimo declaración.

Nestas imaxes «non me había decatado hasta hoxe» pódese ollar como presuntamente polas innumerables fogueiras que se fan na zona, están secando os pinos. Esta árbore é tan sensible, que cando lle pasa o lume, aínda que o monte estea coma un xardín, máis cedo ou máis tarde secan. Comeza un e pouco a pouco o resto. Todo o contrario do eucalipto, que aínda que pase un grande lume polo seu redor e difícil de rematar con esta peste.


Xa no noso agro, abaixo á esquerda, ollase como mesmo non dubidan en facela fogueira a carón do pino e polo tanto, enriba das raíces e se amplían a foto, poderán comprobar como outro ao fondo xa comezou a secar. Todo isto sen contar cos que levamos cortado e coa pedras dos lares que temos devolto ao seu lugar de orixe, para que o vindeiro ano nos fagan o mesmo.

Seria pola miña parte irrespectuoso acusalos a todos de porcos, porque seguramente haberá de todo, pero o que levo quitado da zona cando remata o verán non é para contar. No ruído non me meto, porque non solo pasar de noite por alí.


Houston, temos un problema

xoves, 18 de agosto de 2011

Escoitáronme?

Isto é o primeiro que se atopan os visitantes ao Castro de Baroña

Zona onde temos o noso agro.

Ao longo da semana pasada e desta, a prensa vense facendo eco da preocupación dos hostaleiros e das autoridades polas acampadas ilegais que acontecen día tras día no entorno do Castro de Baroña e o que non se-lle debe esquecer a ninguén: en propiedades privadas. Seria pola miña parte pecar de pretensioso se dixese que todo isto aconteceu despois da publicación catro días antes nesta mesma bitácora; da miña posición ao respecto e a explicación dos motivos da denuncia.

Hoxe mesmo na bitácora sonense de Fonforron un anónimo ven de publicalo seguinte comentario: «En Porto do Son, sempre se queixan quen presuntamente menos legais están. Primeiro que intenten legalizar os seus cámpings e logo que reclamen». Parece obvio que esta a favor deste tipo de actividade e suponse que non ten ningunha propiedade na zona, se non, pensaríao dúas veces antes de comentar.

Tanta permisividade ao longo deste anos por parte do Concello e da Xunta, ollase claramente que non era bo e agora en canto alguén tenta poñer un pouco de orde, como non podía ser doutra forma, a xente «rebótase». Curioso tamén é o comentario que fai un paisano ante as cámaras do canalriasbaixas. Vaites... aínda debemos estarlles agradecidos porque ocupen as «nosas propiedades» (sic). Por certo, de confirmarse o que se dixo nas X Xornadas de Historia e Cultura, en canto se aprobe o castro coma BIC e comecen as obras do Centro de Interpretación, isto ten data de caducidade.

Cronoloxía

05/8/2011
Desleixo no castro

09/8/2011
Hostaleiros sonenses denuncian o aumento da acampada libre

11/8/2011
Os controis logran frear o campismo ilegal na comarca

12/8/2011
A Xunta toma medidas para frear o campismo en Baroña

13/8/2011
A presenza do Seprona reduce a actividade campista en Baroña

16/8/2011
Os vándalos arrincaron a sinalización que prohibe o campismo en Baroña
O Concello do Son pedirá axuda á Xunta para resolver o caos de Baroña
Incumprir a norma e retar á autoridade

Castro de Baroña

venres, 5 de agosto de 2011

Desleixo no Castro


Tódolos anos o mesmo e da igual quen goberne na Xunta de Galicia ou no Concello, as nosas propiedades a carón do Castro de Baroña son ocupadas ilegalmente de xeito permanente no verán i esporadicamente, noutras datas, indo en contra claramente dos cámping da zona.

Un ano que solicitei un permiso de queima, o día que estaba na faena achegáronseme dous gardas de Medio Rural para comprobar se tiña todo en orde e agora parece que están desaparecidos ou fora de combate. Dende o tráxico incendio de Gualajara no ano 2007, unha Lei estatal prohibe facer grellas en épocas de risco e aquí non fan unha, nin dúas, nin tres, se non as que-lle apetecen e tódolos días de Deus e non hai ninguén que se achegue a pedirlles explicacións e de vez en cando, atopámonos con pinos secos. Por se fose pouco, este ano Medio Rural mesmo prohibe botar foguetes en zonas de risco e non fai moito, o lume dunha grella causou un grave incendio. Se aquí un día lles escapa, xa non seria o primeiro, a quen-lles vamos a pedir responsabilidades?

A parte diso esta o tema de salubridade, porque en pleno apoxeo podémonos atopar con preto de 50 tendas ocupadas por dúas persoas, aínda que tamén as hai familiares. Boten agora contas da xente que usa os nosos agros como retretes para facelas súas necesidades fisiolóxicas e por se fose pouco, tirar neles os coeiros, as compresas e os porcos de todo, o resto de vasoira, como se pode ver nesta foto.


O que máis me «rechifla» de todo isto é que hai xente que fai promoción en Internet e xactándose de que está prohibido e que a 200 metros esta o cámping... «pero aquí es gratis y las vistas son inmejorables», Sen palabras. Fai uns días mesmo a Asociación de Empresarios Sonense ligaba unha páxina no seu facebook, algo que me pareceu mal e non creo que ao dono do cámping lle agradase moito dita publicidade. Non me quedou máis remedio que pegarlle a ligazón desta foto.

Aproveitando que o Pisuerga pasa por Valladolid, non quixera pasar por alto o que está pasando estes días en Madrid, no que se impide a libre circulación da xente por rúas e prazas públicas e algúns, mesmo propoñen mobilizar os seus para impedir ditos asentamentos, a parte xa dos «paus» que reparte a policía. Pois señores do Goberno, da Xunta e do Concello, aquí tamén temos campistas, pero os indignados somos os donos dos terreos. Mesmo estou tentado de comprarme a miña primeira tenda de campaña para emular aos nosos ancestros e irme a durmir co rumor das ondas batendo nas rochas e respirar o ar salitroso da zona. Canto creen que duraría a miña aventura?

A outra solución que me queda seria esta: Donos de fincas xunto a festas ou praias cobran desde 10 euros por acampar.

Canto batume tería que apañar? Como tería o lumbago? Por que no vendemos? «Seguramente no lo pagarían ben, pero como non se pode construír».

Epitafio: se temos que aturala súa merda, algo lle teremos que gañar... digo eu.

Non deixen de léelos comentarios explícitos das fotos, porque comento cousas que non digo aquí e nalgúns casos son máis graves e punibles.

Desleixo no Castro

xoves, 3 de decembro de 2009

Agora si, castro bic


Malia que no último pleno presidido por Manuel Tomé Piñeiro, o PSOE e o BNG votaron en contra do Castro de Baroña, a Xunta de Galicia parece que por fin o vai declarar BIC (Ben de Interese Cultural).

Curiosamente a noticia recollina dun grupo Editorial que aglutina a tres xornais: Diario de Pontevedra, El Progreso (de onde enlazo a noticia) e o Galiciaé, xornal que xa anunciaba en agosto de 2007 que a Xunta do bipartito pretendía declaralo, pero ben, agardemos que agora si, o Castro de Baroña sexa BIC.

Así se tramita un Ben de Interese Cultural:
Segundo a Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio Histórico de Galicia, no seu titulo I, artigo 8: “Os bens mobles, inmobles e inmateriais máis sobranceiros do patrimonio cultural de Galicia serán declarados bens de interese cultural mediante decreto da Xunta de Galicia por proposta da Consellería de Cultura, e inscribiranse no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia”. Estes bens serán clasificados atendendo as seguintes clases: monumento, conxunto histórico, xardín histórico, sitio ou territorio histórico, zona arqueolóxica, lugar de interese etnográfico e zona paleontolóxica.

Para os efectos da presente lei teñen a consideración de lugar de interese etnográfico, aquela paraxe natural, conxunto de construcións ou instalacións vinculadas a formas de vida, cultura e actividades tradicionais do pobo galego.

A súa catalogación é un paso preliminar e necesario para a valoración e restauración medioambiental e arquitectónica do conxunto e para que este restauro se leve a cabo segundo unhas directrices que salvagarden a súa integridade histórica e cultural.

Se tivese esta catalogación fai anos, seguramente hoxe non teríamos esa aberración que o mira de fronte.

luns, 9 de novembro de 2009

Todos contra o castro de Baroña

Pode ser que esta entrada algúns a vexan coma un intento de descualificación á moción de censura que esta semana veñen de presentar o PSOE e BNG contra o actual rexedor Manuel Tomé, pero irían mal encamiñados. Se non a publiquei antes (o esbozo é do día 1) foi porque agardaba elaborar un vídeo aproveitando imaxes do resumo semanal da Barbanza Televisión, recollendo as verbas no pleno dos portavoces do PSOE e do BNG (emitidas nas noticias do luns 2), explicando os motivos polos que se negaban a aprobalo Plan Especial do Castro de Baroña. Lamentablemente dita noticia foi suprimida do resumo, pero non por iso vou de deixar de lado a entrada.

Tanto El Correo Gallego como La Voz de Galicia, non recolleron fielmente ditas verbas, non sei a acta, aínda así como estiven presente no pleno, son consciente do que se dixo.

Unha das escusas buscadas para votar en contra, era que así evitaban que os veciños que teñen terreos na zona fosen expropiados. Aínda que o alcalde negou iso, non calou neles.

Para ser políticos, como dixo no pleno a líder do Bloque, descoñecen un pouco os procedementos para ir á expropiación forzosa. Por certo, aínda que é unha lei franquista, parece que non hai moita presa en derrogala.
Artigo 9.
Para proceder á expropiación forzosa será indispensable a previa declaración de utilidade pública ou interese social do fin a que hai de afectarse o obxecto expropiado.
Non son xurista, mais coido que para que o Concello poida abrir un proceso expropiador ten que contar necesariamente coa aprobación do pleno, aínda que xa digo, podo estar errado.

Porén, todo este procedemento foi vulnerando con premeditación e aleivosía durante o goberno do bipartito na Xunta de Galicia polo PSOE e BNG, nunha propiedade de Pepe do Martelo. O delito cometeuno a Consellería do Medio Rural, avalada por algún directivo da comunidade de montes que dou orde de cruzarlla con esta pista. Deste feito tivo coñecemento a líder do BNG cando se me chamou a unha reunión en vésperas das eleccións municipais para evitar que as discrepancias existentes entre o presidente da comunidade e o secretario (eu) afectasen á súa campaña. Cando os informei, tanto a ela coma outros militantes escollidos, non todos tiveron acceso a dita reunión, díxome que iso non era para tanto. Esta visto que ela ou eles non foron os afectados.

Visto o visto, parece que para algúns hai veciños de segunda e primeira.

Outro argumento para votar en contra foi porque non daban credibilidade as verbas do alcalde, quen aseguraba ter comprometido un millón de euros de Patrimonio e Turismo para construílo Centro de Interpretación, pero tanto uns coma outros consideraron que iso era unha mera promesa, e carece de validez, ao non estar escrito nun documento.

Agora entendo porque O Son parece que, de momento queda sen polígono e escola infantil: todo foi unha promesa do bipartito, sen nada aprobado en documentos... ou esa foi a conclusión que me levei neste asunto no pleno, quen non?

O peor de todo, na miña opinión, é que con ese voto negativo pecharon a posibilidade de que o Castro de Baroña acade, de momento, a denominación de Ben de Interese Cultural (BIC), que seguirá sen un Centro de Interpretación como ten o Castro de Neixón en Boiro, que seguirá sen uns accesos adaptados a persoas de mobilidade reducida (e iso que a PSOE e BNG, parécenlles poucos os 3 accesos dispostos na rúa Escamas de Portosín), que seguirá o mastodonte imperturbable na Arealonga e por último, seguiremos, os que temos propiedades na contorna, aturando que os "campistas" fagan o que lles pete nas nosas terras.

Un apunte máis, tirando de hemeroteca, é que a Xunta do bipartito "prometese" o 31 de agosto do 2007, que xunto ao de Baroña, ía declarar outros 19 castros de Galiza coma Bens de Interese Cultural... outro exemplo de compromiso non levado a práctica?

Para rematar, déixolles un álbum de imaxes do Castro, a contorna e as propiedades colindantes.
Castro de Baroña