xoves, 22 de setembro de 2011

Sen tempo non foi


Un chiste moi vello e machista «polo xeral todos cando anda polo medio unha muller e un home» comezaba con unha pregunta: Por qué as mulleres non poden ser electricistas?

A pesares de que o Castro de Baroña leva anos «facendo augas», declaralo Ben de Interese Cultural levoulles a homes e mulleres máis de nove meses... que digo meses... anos. O primeiro aviso do que tiven constancia sobre o seu posible parto anunciouno fai máis de catro anos, curiosamente unha muller. «Como din os mexicanos, purita coincidencia». Aquilo foi unha falsa alarma igual que acontece previamente con calquera parto, e logo, cando veñen as prezas, a «criatura» nace no sitio menos pensado, ese non que-lle pregunten a meu irmán que medio tivo que facer de comadroa.

Pero non, este caso foi tan especial, que dous anos despois, agora si, un home, prometeunos que a criatura xa estaba a punto de saír á luz. Como agora sei como son os «partos dos homes», créanme, foi tanta a miña fe que incluso me fixen eco de tal noticia nesta entrada. Iluso de min, tantos anos metido en zarandas políticas como para crer outra mentira máis.

Por fin, catro anos e vinte e dous días daquela primeira promesa «da que teña constancia» vía Xornal Certo, me informo de que o Consello da Xunta aprobou a súa declaración como Ben de Interese Cultural -categoría de zona arqueolóxica-. Sen tempo non foi, aínda que coma moitos agardo que esta declaración non sexa para que mentres falamos dela, soterren baixo formigón o castro que se achou a carón da aldea de Taramancos en Noia. Dos políticos hai que desconfiar máis que dunha serpe moribunda e porque tamén xa sabemos o que opinan algunhas das súas «eminencias» sobre catro pedras.

Agora tamén digo que, se esta declaración non ven acompañada de fondos para protexelo, o titulo ben pouco lle vai servir... salvo para colgalo dunha rocha ben firme.

Fai case dous anos a nivel local tamén dixen: Todos contra o Castro de Baroña

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os comentarios son libres, só pido sentido.