Amosando publicacións coa etiqueta Virxe do Carme. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Virxe do Carme. Amosar todas as publicacións

luns, 29 de agosto de 2016

Misas na honra a San Ramón e á Virxe do Carme 2016

Unha magoa que ninguén se anime a collelas festas. Eu gardo unha amarga lembranza de cando hai anos para evitar que pasase isto mesmo, en menos de 15 días as argallei a pesar de saber que igual tiña que marchar para Noruega sen poder gozalas, tal e como me pasou despois coas da Balbanera.

venres, 28 de agosto de 2015

Festas do Carme e San Ramón de Nebra 2015


Nota: Segundo se deu lectura na misa comunitaria o traslado das imaxes no día dedicado á Virxe do Carme ao campo da festa, seria ás 12:30 H., e a Misa Solemne ás 13:00 H.

venres, 30 de agosto de 2013

Festas de San Ramón e do Carme de Nebra

Sábado 31 de agosto: Na Honra a San Ramón.

Dianas e alboradas a cargo de o Grupo de Gaitas Os Salgueiriños de Noia.

Pola mañá misas rezadas ás 9:00 H. e 11:00 H.

Ás 13:00 H. Misa Solemne e de seguido Procesión.

Sesión Vermú a cargo da Orquestra Pontevedra, onde haberá os seus correspondentes pinchos no Bar da Comisión.

Polo serán, ás 19:30 H. derradeira misa rezada.

Pola noite gran verbena a partir das 22:30 H. de novo coa Orquestra Pontevedra, que este ano cumpre 25 anos enriba dos escenarios.


Domingo 1 de Setembro: Na Honra á Virxe do Carme.

Dianas e alboradas a cargo do Grupo de Gaitas Canlebó de Camboño.

Ás 12:20 H. Sairá a procesión cara ao Campo da Festa onde terá lugar a Misa de Campaña as 13:00 H.

Sesión Vermú co Grupo Alkar. Agardase que será ser longa, polo que de novo haberá avituallamento no Bar da Comisión con máis pinchos sorpresa.

Polo serán ás 18:00 H. Sesión de Xogos Infantís e Festa da Escuma.

Pola noite a partir das 22:30 H. O Grupo Alkar porá o broche final a estes dous días de festa.


sábado, 27 de agosto de 2011

Virxe do Carme de Portosín

The Cartoon Band
A pasada fin de semana Portosín volveu a render homenaxe á Virxe do Carme, onde por segundo ano consecutivo, despois de deixar de facelo uns cantos, a Virxe enfiou de novo as augas da ría a bordo do barco da familia Camariñas «O Pronto». Tal privilexio é alcanzado por se-lo último en engadirse á frota deste porto, adicado preferentemente á pesca do cerco ou gareta e en menor medida, a artes menores.

A comitiva estivo presidida polo historiador local López Calo e o cura párroco Don José Ramón, ademais do alcalde de Porto do Son, Luís Oujo, o patrón maior da Confraría de Pescadores de Portosín, Eduardo Carreño, un delegado da Garda Civil e varios membros da corporación municipal. Xa de volta e antes de enfialo peirao, depositouse unha coroa de flores no mar en lembranza dos mariñeiros e mariñeiras desaparecidos. A imaxe por terra foi portada a intervalos «debido ó seu peso», por mariñeiros en activo e xubilados.

Xa pola noite, a choiva que comezou a caer nada máis comezar a lanzarse os fogos, desluciunos e case se pode dicir que dou por rematada a festa.

Procesión do Carme


















Nesta outra entrada xa dera conta da sardiñada.

mércores, 1 de setembro de 2010

Anécdotas do San Ramón

Programa 1984
Non se sabe de cando ven a tradición de celebralo San San Ramón en Nebra, aínda como me dixo Don Ramón, o cura párroco, suponse que de moito atrás pola súa vinculación coa Orde dos Mercedarios e con San Pedro Nolasco, o seu fundador, e porque na cúpula do Altar Maior da igrexa temos incrustado o escudo deste orde.

San_Ramón_Nonato é o patrón das parturientas e parteiras debido ás circunstancias do seu nacemento. Ramón significa protexido por la divindade
Escudo da Orde da Mercede
A primeira vez que organicei a súa romaría, foi en 1984, ano das Olimpíadas de Los Ángeles, e foi de rebote, xa que ata esa data a súa festa máis a do Carme eran organizadas por distintas comisións. Primeiro botei man desta última, pero ao deixalo a última hora a de San Ramón, vinme obrigado a collela por tres cuestións: doeríame que por primeira vez quedase sen festa, porque tiña pechado o programa e contratos do Carme e porque non sendo culpa miña, moita xente deixaría de aportalo diñeiro que previamente me había prometido se se quedaba sen festa.

Ante a falta de tempo material para facer o petitorio previo, vinme obrigado a confeccionalo programa sen cumprir ese requisito. O certo é que unha vez confeccionado, a xente foi xenerosa, e aínda sobraron cartos para engadirllos á romaría da Balbanera.

Este feito supuxo que a terceira xeración da miña familia organizase esta romaría, que comezou con meu avó. El foi tamén o que no seu día fixo unha coleta para comprarlle o estandarte. Despois seguiulle meu pai ata que tivo que emigrar e ao contrario que hoxe, o fogo botábase na véspera. É así como lembro verllos tirar un ano vivindo xa en Quintáns, polo que debía ter coma moito, 6 ou 7 anos.

Este dato non o sabía, pero comentoume que un ano tamén botou fogos de luces, non como as tiradas que coñecemos hoxe e que varios anos despois del botei por primeira vez polas festas da Balbanera, se non que eran foguetes máis coñecidos como de luceria, que podía botar calquera.

Do último ano que organicei estas festas gardo moi malas lembranzas, pero iso é cousa de comentalo noutra entrada.

San Ramón e o Carme

luns, 31 de agosto de 2009

San Ramón en Nebra

Nebra (Porto do Son)
Procesión no día de San Ramón de Nebra
O 31 de agosto celebrase en moitas parroquias a festividade de San Ramón, en Nebra tamén. O Carme adiantouse ao día 30.

Para que o día da festividade tivese un pouco máis de "color", o meu fillo acompañou o alzar coa gaita, e logo co tambor a procesión. Moncho de Xusto, da aldea de Calo, encargouse de botar uns foguetes froito dunha promesa.

Ao igual que aconteceu nas festas patronais, non tivemos verbenas, pero no caso de San Ramón é a segunda vez en 60 anos que se queda ser verbena e o Carme, moitos máis.

Isto case houbo de acontecer por primeira vez en 1989, pero daquela gracias a unha iniciativa propia, acudiron moitos veciños ansiosos á chamada e logrei nunha semana organizalas verbenas. Ademais acadei que tamén se celebrase a romaría da Balbanera, que levaba o mesmo camiño de non organizarse, inda sabendo que eu esas non as ía poder desfrutar.

Aquel ano recadaranse 543.450 ptas, gastaranse 490.475 ptas e tiveramos un superávit na recadación casa por casa de 52.975 ptas.

Gastos:
  • Orquestra Tauro, 100.000 ptas.
  • Orquestra Concorde, 125.000 ptas.
  • Fogos pirotécnicos, 118.000 ptas.
  • Banda de Gaitas Infantil Os Amables de Negreira, 35.000 ptas.
  • Grupo de Gaitas e Baile Os Emigrantes, 35.000 ptas.
  • Xerador, 35.000 ptas.
  • Permisos e SGAE, 11.758 ptas.
  • Outros gastos, 30.000 ptas (edición rifas, carneiro, Seguridade Social, invitacións orquestras e gaiteiros, etc).
Outras recadacións:
  • Bar da comisión 25.000 ptas, despois de deducir tres gratificacións.
  • Venta rifas 19.550 ptas.
Como anécdota engadir que o agraciado co carneiro (mercado por 10.000 ptas) decidiu agasallárnolo.

Esas cantidades sumadas ao superávit sumaron un total de 97.525 ptas, que como dixen, quedaron para as festas da Balbanera.

Noutra entrada, tal vez me decida a contalo final desta rocambolesca historia.

Nebra (Porto do Son) Nebra (Porto do Son)