Amosando publicacións coa etiqueta Casota do Páramo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Casota do Páramo. Amosar todas as publicacións

venres, 14 de xuño de 2013

Quen a sigue, a consigue

El Correo Gallego: Presentan ‘Herdeiros pola forza’ na Cova da Moura de Noia

© Pablo Silva
A Cova da Moura de Noia, un espazo de orixes non megalistismo, acolleu a última hora da tarde de onte a presentación da obra Herdeiros pola forza, un ensaio publicado fai un ano en 2.0 editora dá man de Xurxo Ayán (doutor en Historia e arqueólogo) e Manuel Gago (doutor en xornalismo e profesor dá USC). A presentación do traballo, nun espazo arqueolóxico ao aire libre, é o primeiro que se fai na comarca destas características.

Os organizadores do acto, a empresa Etnoga Patrimonio Cultural coa colaboración do Concello noiés, explicaron que no escenario escollido, do que se fala non libro, investíronse máis de 130.000 euros para ou seu acondicionamento.

Herdeiros pola forza: 3000 quilómetros e 20 presentacións por todo o país


Aínda sendo profano na materia dende a publicación deste libro tíñalle tantas gañas que, fíxoseme de rogar. Profano si, mais como medio me criei na Graña, que é a zona dos Chans do Barbanza onde se se atopa, unha das maiores concentracións do megalítico, atrapoume sempre, sobre todo a Casota do Páramo, porque cando subía de Nebra a visitar a meus avós, tíos e curmáns, digamos que era como a meta ou punto de referencia, antes de avistala aldea, xa que, aí remataba a terrible subida, e logo, todo era costa abaixo. De aí que un día meterame en camisas de once varas mesturando a súa historia con unha de lobos.


Tema a parte foi cando sen ter o menor coñecemento deste Castro, en realidade pareime para tomar unhas fotos do Val de Cures e da Ría de Arousa, mais debido a un recente incendio decateime de que esas pedras amoreadas en círculos, tiñan que ser restos de construción moi antigas, de aí que no vídeo non deixase pegada de onde se atopaba. Foi Manuel Gago o que, tempo despois púxome en antecedentes e agora que o lembro, quedara en indagar se algún veciño podíanos contar algo.

venres, 8 de abril de 2011

Moi boa nova

Tal é como poden ollar en Certo, o Diario Oficial de Galicia recolle hoxe no rexistro de Bens de Interese Cultural varias antas e pedras fitas de Boiro, Noia e Ribeira.

Na provincia da Coruña enuméranse as cámaras megalíticas da Arca do Barbanza e da Casota do Páramo en Boiro. Unha moi boa nova sen lugar a dúbidas para os veciños do Concello de Boiro, pero sobre todo para a xente das aldeas do monte.


Aínda que non son natural de alí, polos vínculos familiares que teño nesas aldeas, a estes bens téñolles unha estima especial, sobre todo á Casota do Páramo, porque indo de Nebra e antes de entrar na Graña era o primeiro que ollaba. Teño pasado tantas veces ao seu carón, que é totalmente imposible de contabilizalas. Parte desa estima amoseina nestas entradas: casota do páramo e outra de lobos.

A Arca do Barbanza coñézoa menos pola súa situación, pero tennos servido moitas veces de acubillo contra choiva e o frío cando xunto con meus primos levabamos os animais a comer aos chans. Un bo susto leveino cando nunha visita rutineira, o 6 de abril de 2008 atopeime o seu entorno todo labrado e con pedras esnaquizadas polas cadeas das eirugas e os ganchos de arar, polo que decidín mandarlles estas fotos aos amigos de Certo.

Ao ano seguinte e por culpa doutras desfeitas, publiquei esta outra entrada: agresións contra o noso patrimonio.

Outras no resto na provincia son: Anta da Mina de Parxubeira en Mazaricos; a Cova da Moura ou Dolmen de Argalo en Noia; o Forno dos Mouros en Toques; a Casa dos Mouros ou Pedra da Arca na zona entre Vimianzo e Dumbría; a Arca da Piosa ou Pedra da Arca entre Vimianzo e Zas; e a Anta de Serramo ou Pedra da Lebre, a Casota de Berdoias, a Pedra Cuberta e a Pedra da Moura integramente no Concello de Vimianzo. Asemade inclúese o Menhir de Cristal ou Bretal en Ribeira. Algunhas téñoas visitado, pero as demais é cousa de marcalas nunha axenda.

Agora falta que aos veciños e veciñas de O Son, a Xunta tamén nos dea un día de estes unha alegría co Castro de Baroña, aínda que eu xa fai tempo que tirei foguetes sen pólvora: agora si, castro bic.



mércores, 11 de agosto de 2010

Raposo curioso

Hoxe toca lembrar ou facer un pouco do desaparecido Felíx Rodríguez de la Fuente, con esta serie fotográfica que por primeira vez logro acadar dun raposo tan preto e a pleno día. Téñome encontrado varias veces cos seus conxéneres, pero a maioría das veces saíame a foto borrosa ou só pillábaos pola sombra.

Polo xeral é raro que non fuxan con rabo entre as pernas ante a presenza do home, pero este, moi noviño, non só non fuxiu, se non que foise achegando paseniñamente e ao mesmo tempo observándome até que se detivo un bo rato para mirarme fixamente. Foi entón cando debeu pensar que ese era o seu límite de seguridade e decidiu enfilar cara á Casota do Páramo, para baixar igualmente con moita parsimonia cara á Graña ou a súa guarida.

xoves, 10 de xuño de 2010

Casota do Páramo

Este túmulo funerario está na Graña, na parroquia de Cures. É da época neolítica e de grandes proporcións. No seu centro afloran os restos dunha gran cámara megalítica da que se conservan o sete ortostáticos da cámara, un do corredor e dúas laxas da cuberta da cámara e outra do corredor. Ten unha solución arquitectónica na configuración do corredor moi orixinal. Consiste nun primeiro tramo de corredor megalítico e un tramo exterior construído con muros de mampostería.


Foi aldraxada e incluso seccionada a súa tapa por mandato dun ex-alcalde franquista de Boiro. Tamén foron removidos os seus chantos laterais, laxes cravadas verticalmente. Xa na Democracia, a Sociedade de Caza e Pesca de Porto do Son fíxolle unha pintada.
Nesta visita e xa van unhas cantas, decateime por primeira vez das marcas duns grilos de canteiros, cos que tronzaron a chanta que fai agora de entrada.


A novidade en comparación con outros dolmens é que posúe unha enigmática inscultura no seu interior, un sol e unha especie de copa moi ben conservadas todas elas. Da copa saen unha especie de brazos.
Sen dúbida é a máis fermosa e mellor conservada de tódalas descubertas do Barbanza.

Dende o seu emprazamento, en azul ollase a que foi a última morada de meus avós da Graña, aos que visitaba case tódolos fins de semana dende Nebra, e a pesar de ser moi raparigo facíao só polo medio do monte.
Dado que comecei con máis de sete anos á escola, ata esa vivía máis alí que en Nebra, xa que me encantaba levar a pastar con meus curmáns e os amigos, as ovellas e as cabras na nosa quenda, e o resto dos días, as 6 ou 8 vacas mansas, que tiñan meus avós.
Nesta foto moito máis amplía, pódese ver en vermello o bar O Seara, do meu curmán Antonio, e as novas pistas da parcelaria.


A parte dos lobos que daquela habíaos e moitos, quizais o máis perigoso era a néboa, por moito que se coñecera a zona. En boa hora o diga nunca tiven contratempos, tanto nas miñas visitas coma de pastor, pero foron moitos os que se desorientaron e perderon no medio dela, o último caso fora o dun rapaz de A Figueira, do que se encontraron os seus restos anos despois.
Lobos lembro habelos visto pola Graña, e unha cría viva no maleteiro do coche do finado de meu tío Antonio da Graña, que non lembro a onde o levara. Collerana nunha das batidas que-lles facían, xa que a parte do ataque a cabalos e vacas en liberdade, como nos quedase unha ovella ou cabra atrás, non volvía a aparecer.
Nestes momentos venme a memoria o mudo de Noceda (Ramón), da casa do Grego. A pesar da súa minusvalía era unha persoa moi activa e nas batidas, sempre adoitaba levar un pau moi grande e ía por diante de todos facendo ruído para que o lobo fuxise.
Abaixo a pista que dende Moimenta ou dende Nebra, nos leva á Graña e cruza toda Serra.


Arousa Norte/Audioguias