luns, 28 de maio de 2012

Río Sieira

Coordenadas: 42°40'8"N 8°59'2"W

O río Sieira é un dos principais ríos troiteiros do Concello de Porto do Son e constitúe de por si, unha admirable rota de sendeirismo. Paseando pola súa ribeira, coa natureza aínda virxen, sen máis camiños que improvisadas sendas, atoparemos fervenzas, muíños, brañas, vales, pontes e fermosas paisaxes dominadas por carballeiras e árbores frondosas típicas de ribeira.

O rego de Portonovo, que nace en Raña, preto do Outeiro das Castañas, a 400 metros de altitude sobre o nivel do mar, e mailo rego de Rodeiro, que brota na Portela dos Valentes, a 510 metros sobre o nivel do mar, conflúen preto de Calvelle para dar vida a este rio.

Alá comezan os 11 quilómetros que mide ata a súa desembocadura, que o fan o máis longo do concello.

Baixa por terras de Calvelle e forma val encaixado entre o alto de Godón e Pousacarro por un lado, e as ladeiras de Fonte Salgueira polo outro.

Segue o seu descenso atravesando o val que forman, por un lado a aldea de Bustiguillade, onde recibe augas doutro regato daquelas terras, e, polo outro, a Ladeira da Torre e a Agra de San Fiz e Inxerto. En Inxerto, nace outro río que tamén alimenta o seu caudal, para chegar á Madanela en Ribasieira onde, por detrás da capela da santa, unha vistosa fervenza de máis de 15 metros de altitude fai que as súas augas batan con forza na súa maxestosa caída.

Ao pasala ponte situada xunto á capela, as augas xa collen un pouco de acougo, e flirteando paseniñamente deixa Xufres pola dereita, de onde caen augas doutros regatos que nacen preto do alto do Grallade.

O Pouso e As Traves, escoltan o seu discorrer polo fondo do val para entrar en Cabrais onde rega terras desta aldea e as baixas de Cernadas.

No lugar de O Foxo, recibe as augas do regato Casa Vedra, que nace nas ladeiras da Portela de Gourís.

Dende o Foxo ata o Pradomonte, atravesa unha pequena chaira con terras de labranza moi fértiles, mentres segue o seu descenso deixando á súa esquerda as aldeas de Vistipoi, Castelo e Guiandón.

Antes de chegar ás Laxas, xúntanselle as augas procedentes doutro regato que nace no alto da Lagüela, e pasa preto de Pedras Altas e a aldea de Sieira.

De seguido atravesa as aldeas de Laxas, Pozonegro, Pozocho e Zapatal. Por estes lugares as súa augas xa baixan máis que mansas, deixando as terras da Barcia á dereita.

Atravesa a estrada xeral e discorre por debaixo das dúas pontes da AC-550 e uns metros máis abaixo, a vella ponte medieval, preto de A Coviña. Despois, xa manso, as súas augas doces mestúranse coas salgadas augas do Atlántico na praia de Caamaño.

Fervenzas do Barbanza


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os comentarios son libres, só pido sentido.