Amosando publicacións coa etiqueta Caamaño. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Caamaño. Amosar todas as publicacións

xoves, 11 de agosto de 2016

Festas Patronais de Caamaño 2016

Non hai verbenas, mais teñen un programa moi galego: Banda de Música e gaiteiros como comezou todo.

luns, 28 de maio de 2012

Río Sieira

Coordenadas: 42°40'8"N 8°59'2"W

O río Sieira é un dos principais ríos troiteiros do Concello de Porto do Son e constitúe de por si, unha admirable rota de sendeirismo. Paseando pola súa ribeira, coa natureza aínda virxen, sen máis camiños que improvisadas sendas, atoparemos fervenzas, muíños, brañas, vales, pontes e fermosas paisaxes dominadas por carballeiras e árbores frondosas típicas de ribeira.

O rego de Portonovo, que nace en Raña, preto do Outeiro das Castañas, a 400 metros de altitude sobre o nivel do mar, e mailo rego de Rodeiro, que brota na Portela dos Valentes, a 510 metros sobre o nivel do mar, conflúen preto de Calvelle para dar vida a este rio.

Alá comezan os 11 quilómetros que mide ata a súa desembocadura, que o fan o máis longo do concello.

Baixa por terras de Calvelle e forma val encaixado entre o alto de Godón e Pousacarro por un lado, e as ladeiras de Fonte Salgueira polo outro.

Segue o seu descenso atravesando o val que forman, por un lado a aldea de Bustiguillade, onde recibe augas doutro regato daquelas terras, e, polo outro, a Ladeira da Torre e a Agra de San Fiz e Inxerto. En Inxerto, nace outro río que tamén alimenta o seu caudal, para chegar á Madanela en Ribasieira onde, por detrás da capela da santa, unha vistosa fervenza de máis de 15 metros de altitude fai que as súas augas batan con forza na súa maxestosa caída.

Ao pasala ponte situada xunto á capela, as augas xa collen un pouco de acougo, e flirteando paseniñamente deixa Xufres pola dereita, de onde caen augas doutros regatos que nacen preto do alto do Grallade.

O Pouso e As Traves, escoltan o seu discorrer polo fondo do val para entrar en Cabrais onde rega terras desta aldea e as baixas de Cernadas.

No lugar de O Foxo, recibe as augas do regato Casa Vedra, que nace nas ladeiras da Portela de Gourís.

Dende o Foxo ata o Pradomonte, atravesa unha pequena chaira con terras de labranza moi fértiles, mentres segue o seu descenso deixando á súa esquerda as aldeas de Vistipoi, Castelo e Guiandón.

Antes de chegar ás Laxas, xúntanselle as augas procedentes doutro regato que nace no alto da Lagüela, e pasa preto de Pedras Altas e a aldea de Sieira.

De seguido atravesa as aldeas de Laxas, Pozonegro, Pozocho e Zapatal. Por estes lugares as súa augas xa baixan máis que mansas, deixando as terras da Barcia á dereita.

Atravesa a estrada xeral e discorre por debaixo das dúas pontes da AC-550 e uns metros máis abaixo, a vella ponte medieval, preto de A Coviña. Despois, xa manso, as súas augas doces mestúranse coas salgadas augas do Atlántico na praia de Caamaño.

Fervenzas do Barbanza


domingo, 22 de abril de 2012

Pedrafurada

Nesta outra entrada explicaba a orixe do culto que se ven celebrando cada Luns de Pascua a carón desta rocha, na parroquia de Santa María de Caamaño.

A ermida onde se celebran os actos litúrxicos é de grande sinxeleza con nave única e fachada que, ademais da porta, só ten unha pequena espadana de un só arco. A entrada á ermida foi variada de ubicación, pois antes estaba na cabeceira, cara ao Camiño Real, na foto de atrás da ermida pódese comprobar moi ben, porque os canteiros deixaron moito que desexar na súa obra.

Está baixo a advocación da Anunciación da Virxe María.

A ermida é símbolo da cristianización dunha antiga crenza de culto ás pedras.
Ermida de Pedrafurada

xoves, 29 de marzo de 2012

Pedrafurada, un antigo culto ás pedras

Foto incrustada na entrada
Tan preto de Nebra e tantas veces como pasei polo seu carón, para descoñecer totalmente a historia deste emblemático lugar. Soe pasar máis dunha vez, que ás veces coñecemos máis o da fora que o da casa. No meu descargo teño que dicir que xamais participei dos actos relixiosos e profanos que se celebra. Aínda que este últimos, igual que en moitas parroquias, nunca son permanentes. Haberá que compralo libro.
Sempre é bo momento para visitar a península de Barbanza, pero a Semana Santa que se aproxima é un momento idóneo para perderse no seus mil e uns lugares máxicos. No libro incluín varios enclaves deste recuncho da provincia de A Coruña, como o dolmen de Axeitos (38), a capela de San Alberto de Ribeira (16) ou A Madalena de O Son (27).

Precisamente neste último municipio atópase, xunto á estrada que une Porto do Son con Ribeira, unha modesta capela que agocha un antigo culto ás pedras. Trátase de Pedrafurada, na parroquia de Caamaño.

Xunto á pequena ermida, dedicada á Anunciación, hai unha pedra que ten diferentes buracos feitos pola choiva, pero tamén cruces e outros símbolos de cristianización que denotan o seu pasado pagán. Non está moi claro cal era o rito que se realizaba antes da súa cristianización, pero a igrexa é frecuentada por mulleres embarazadas e no cruceiro que se atopa antes da igrexa realizábase un rito para atraer as choivas. Por este motivo, sexa cal fose o uso que tiña a 'pedrafurada', seguramente estaba relacionado coa fertilidade, tanto dos campos como das persoas.

O cruceiro
Foto incrustada na entrada
O cruceiro que se atopa na fronte da sinxela igrexa conta cun nicho no que se acha unha imaxe da Virxe, feita en pedra. Mira cara ao oeste, como a entrada da igrexa, aínda que para pedir a choiva debería virarse cara ao sur, segundo a tradición. Seguramente os poderes que antes se lle atribuían á pedra pasaron agora ao cruceiro e á advocación da igrexa.

Dentro duns días, concretamente o Luns de Pascua, celebrarase a romaría principal de Pedrafurada, na que o sinxelo templo vese desbordado pola gran afluencia de público.


Fonte orixinal: 50 lugares mágicos de Galicia