domingo, 1 de maio de 2011

Xa está aquí o maio

Seguindo a tradición dos nosos ancestros, na tardiña do 30 de abril antes da posta do Sol, moitas familias aínda seguimos apañando unha flores de xestas (chorimas), para penduralas nas portas das casas e alpendres dos animais para darlle a benvida ao Maio para evitalos malos espíritos.

Nalgún casos, ao seu carón tamén se coloca un toxo da envexa (toxo manso).


Na zona é a única tradición que se conserva, xa que non fomos quen de inculcarlle ás nova xeracións a Festa do Maios, e cando en Nebra o intentamos fai un par de anos, aínda houbo quen nós criticou e iso que non lles pedimos ren. Sen embargo onde si se xoga cos cartos de todos e todas, ben que calan.

Aquí ven o maio
de frores cuberto...
puxéronse á porta
cantándome os nenos;
i os puchos furados
pra min estendendo,
pedíronme crocas
dos meus castiñeiros.

Pasai, rapaciños,
calados e quedos,
que o que é polo de hoxe
que darvos non teño.
Eu sónvo-lo probe
do pobo gallego:
¡Pra min non hai maio,
pra min sempre é inverno!...

Cando eu me atopare
de donos liberto
i o pan non me quiten
trabucos e préstemos,
e como os do abade
frorezan meus eidos,
chegado habrá estonces
o maio que eu quero.

¿Queredes castañas
dos meus castiñeiros?...
Cantádeme un maio
sin bruxas nin demos;
un maio sin segas,
usuras nin preitos,
sin quintas, nin portas,
nin foros, nin cregos.

CURROS ENRÍQUEZ

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os comentarios son libres, só pido sentido.