sábado, 30 de abril de 2011

Arquitectura Popular: muíños de Oseira-Cea

Muiño do Casledo e canle para abastecelo de auga

Os muíños hidráulicos documentase en Galicia desde a Idade Media e supuxeron un avance tecnolóxico de grande importancia pola calidade da fariña que producen e pola rapidez do proceso. Só necesita un caudal importante de auga, preferentemente estable ao longo do ano, e un terreo que permita a construción das construción de abastecemento e dos edificios. A difícil conservación da fariña e o feito de que o pan, nas súas diversas composicións, fose o alimento básico da poboación provocou unha masiva construción destes enxeños, que ateigaron os nosos ríos. Moitos deles só moian un días ao ano.

En principio instaláronse naqueles lugares onde era máis doado, pero o crecemento da poboación, o desexo de empregalos todo o ano ou a necesidade de construílos sen danar o caudal dos xa establecidos supuxeron un importante desafío para os enxeñeiros anónimos. Foi necesario crear complexas canles e conducións, cubos ou depósitos para almacenar e forzar a auga, presas, etc. Os modelos máis sinxelos presentan unha pequena canle e aproveitan a forza da auga para crear un movemento nunha roda xiratoria (o rodicio), que a través dun eixe vertical se transmite á outra que é a que moe (a moa). A maior parte dos muíños galegos pertencen a este tipo.


Noutros casos foi preciso aumentala presión coa que entra a agua, ben porque o caudal do río é minguado, ben porque o desnivel non é suficiente para xerala forza. A solución consistía na construción de cubos e canles elevadas: a diferenza de altura entre a canle e o rodicio xeraba a presión necesaria para poñer en marcha todo o mecanismo.
Muíños en Ríos
O mecanismo interno dos muíños é basicamente o mesmo. O centeo e o millo transfórmanse en moas de granito, mentres que o trigo -para ter unha calidade mínima- precisa ser moído cunha pedra máis branda; estas son as chamadas pedras brancas ou albeiras, moi comúns nas comarcas trigueiras.

A construción e mantemento destes artefactos non é doada, xa que para facelas conducións e poñer en marcha os mecanismos precisan coñecementos de enxeñería hidráulica e mecánica; maila que o funcionamento cotiá estaba en mans dos propietarios ou dun muiñeiro, a reparación das pezas de pedra (moa e capa) correspondía a artesáns (canteiros) especializados.


Os muíños podían ser propiedade privada, da aldea ou de varias persoas que o compartían por quendas establecidas, cadaquén moendo o seu gran (muíños de partes ou herdeiros); na maioría de casos tratase de pequenas instalacións cunha soa moa. Outros son manexados polo muiñeiro que aboa unha renda ao propietario; os que van a eles deben aboar unha parte do gran ou da fariña (a maquía). Neste caso adoitan ser edificios de maior tamaño, ás veces con varias moas, e teñen enriba unha vivenda para o muiñeiro.


En muíños coma estes elaborábase até hai pouco a fariña coa que se cocía o pan de Cea. Naquel tempo as panaderías tiñan que moer cada pouco, o que implicaba visitalos muíños con frecuencia, ás veces a horas intempestivas impostas polas quendas. O gran número de muíños que houbo nas beiras do río dese concello son testemuño máis da fortaleza histórica da súa industrial artesanal do pan.

Unha noite no muíño
unha noite non é nada
unha semaniña enteira
esa si é muiñada.

O muíño do meu pai
eu ben lle sei o tempero:
cando está alto, baixalo
cando está baixo, erguelo.

Fun esta noite ó muíño
nin moín nin muiñei;
perdín a trenza do pelo
iso foi o que gañei.

Muíñada
Os muíños

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os comentarios son libres, só pido sentido.