1886-1915 DA INFANCIA Á PRIMEIRA MADUREZA
1886-95. Primeira infancia en Rianxo.
Casa onde naceu |
1886 Nace en Rianxo, fillo do mariñeiro Manuel Rodríguez e de Joaquina Castelao.
O seu pai emigra á Arxentina.
O neno queda en Rianxo, ó cargo da nai e dos seus avós maternos.
Con seis anos |
1895-1900. Estadía na Pampa arxentina.
1895 Marcha coa súa nai á Arxentina, onde coñece o seu pai, instalado cun almacén de comercio na Pampa.1897 Nace a súa irmá Josefina.
1898 Nace a súa irmá Teresa.
1900-10. Regreso de Castelao. Estudios en Santiago de Compostela. Revelación artística. 1900 A familia Rodríguez Castelao regresa a Galicia e instálase en Rianxo.
Coa súa familia en Bos Aires días antes de retornar a Galiza en 1901 |
1903-09 Cursa a carreira de Medicina na Universidade de Santiago.
Figura na Tuna universitaria, onde toca a guitarra. Viaxa coa tuna a Portugal.
1908-09 Participa no II e III Salón de Humoristas en Madrid.
1909 Sae en Vigo a revista gráfica Vida Gallega, con cuberta e colaboracións de Castelao nos seus primeiros números. Primeiras cubertas de libros (Princesa del amor hermoso, de Sofía Casanova) e outras publicacións (Almanaque Gallego, de Buenos Aires).
Presenta un óleo á “Exposición Regional Gallega” de Santiago e consegue medalla de ouro.
1910-15. Viaxes a Madrid, e establecemento en Rianxo como médico. Publicación de El barbero municipal. Afianzamento da súa vocación artística, e finalmente, abandono do exercicio da Medicina. 1910 Instálase en Madrid, coa intención de realizar o Doutoramento, que non consegue. Segue o seu labor como ilustrador de libros e publicacións periódicas.
1911 Instálase en Rianxo. Xunto a X. Arcos Moldes, E. Dieste e R. Rei Baltar, edita o semanario satírico El barbero municipal, sostén do bando conservador-maurista e anticaciquil da vila. Alí publica artigos de tema médico e mantén unha sección en galego, "Faladurías", de chismes locais.
Intégrase no movemento universitario 'Joven Galicia'.
Dicta en Vigo a primeira versión da súa conferencia sobre a caricatura.
Colabora coa revista Mi Tierra, de Ourense.
1912 Casa con Virxina Pereira, na Estrada.
Adhire á Liga Agraria de Acción Gallega, liderada por Basilio Álvarez.
Primeira exposición individual, en Ourense, con grande éxito.
Exposición en solitario no Salón Iturrioz de Madrid. Participación na Exposición Regional' da Coruña. Colabora cos xornais madrileños El Liberal e La Tribuna, e coa revista bonaerense La Semana Universal. Deseña o cartaz e programa de man para as festas do Apóstolo en Santiago.
1913 Dicta a súa conferencia sobre a caricatura no Balneario de Mondariz. Por primeira vez, publica o texto desta, baixo o título "Momento de Arte", na revista La Temporada (de Mondariz), de onde é reproducida por El Barbero Municipal.
Colabora coa revista satírica El gran bufón, de Madrid.
1914 Nace o seu primeiro e único fillo, Alfonso Xesús de Braga.
Padece o primeiro acceso de cegueira.
Colabora co diario madrileño El Parlamentario e coa revista La Voz de Galicia, de Buenos Aires.
1915 Colabora coas revistas madrileñas La Ilustración Española y Americana e La Esfera, as principais revistas ilustradas do Madrid daquel tempo.
Deseña a cuberta da novela La Casa de la Troya, de Alejandro Pérez Lugín.
Viaxa a Madrid, onde participa nuna 'Exposición Nacional de Bellas Artes', e dicta a súa conferencia sobre a caricatura no Ateneo. Contra finais de ano, oposita a unha praza do corpo de Auxiliares de Estatística, que gaña, e é destinado a Pontevedra.
1916-1929 O ARTISTA GALEGUISTA
1916-21. Establécese como funcionario en Pontevedra. Incorpórase ó nacente movemento nacionalista das ‘Irmandades Fala’. Comeza o seu labor como orador e ensaísta en galego sobre temas de arte, tamén espreita como narrador.
1916 Instálase en Pontevedra, que será a súa residencia habitual ata 1936.
Colabora na revista bonaerense Suevia.
Dicta a súa conferencia sobre a caricatura no “Recreo de Artesanos” de Pontevedra.
1917 Publica Algo acerca de la caricatura, en edición de autor. (A data non é segura).
Incorpórase ás recén creadas ‘Irmandades da Fala’. Participará, como membro da delegación da Irmandade da Fala de Pontevedra, nas sucesivas ‘Asembleas Nacionalistas’.
Comeza a colaborar co boletín nacionalista A Nosa Terra, voceiro das Irmandades.
Comeza a exercer como Profesor Auxiliar de Debuxo no Instituto de Pontevedra.
Participa na II Exposición de Arte Gallego, na Coruña. Expón en Pontevedra, xunta o pintor Carlos Sobrino.
1918 Aproba oposicións en Madrid, o que lle permite mellorar a categoría funcionarial.
A causa da epidemia de gripe, decide exercer como médico en Rianxo.
Intervén na I Asemblea Nacionalista, celebrada en Lugo.
Ilustra o folletón Nós do diario El Noroeste, co que tamén colabora.
Comeza a colaboración co xornal madrileño El Sol.
1919 Comeza a publicar relatos breves n’A Nosa Terra.
Pronuncia a conferencia Arte e Galeguismo, que é impresa en folleto á parte.
Participa na II Asemblea Nacionalista, en Santiago.
Incidente caciquil co alcalde de Rianxo, Manuel Viturro, con ampla repercusión.
1920 Ábrese na Coruña a xira de exposicións do álbum ‘Nós’, que obtén un éxito excepcional, e continuará ata 1924 por diversas localidades galegas, Barcelona e Madrid. En 1920, ‘Nós’ mostrarase en Madrid (setembro) e Ourense (novembro).
Conferencia inaugural da exposición: “Humorismo. Debuxo humorístico. Caricatura”, publicada n’A Nosa Terra. Tamén pronuncian conferencias na Coruña arredor de Nós V. Risco (“Arte Nova”) e Johan Vicente Viqueira (“Divagaciós engebristas”).
Comeza a publicarse, baixo a dirección de V. Risco, a revista Nós, da que Castelao será director artístico, e principal ilustrador (incluíndo a súa fermosa portada).
1921 Realiza, pensionado pola Junta de Ampliación de Estudios, unha viaxe de estudios por Francia, Bélxica e Alemaña. Redacta o Diario da viaxe, que permanecerá inéditoa ata 1977.
A finais de ano, ‘Nós’ exponse en Vilagarcía, onde Otero Pedrayo se estrea como orador en galego.
Fai a cuberta para a primeira edición galega do poemario Vento mareiro, de R. Cabanillas.1
1922-29. Comeza a súa colaboración intensiva como humorista gráfico na prensa galega, e revélase como escritor. Intégrase no Seminario de Estudos Galegos. A súa popularidade e prestixio medran enormemente neses anos. Intégrase no Seminario de Estudos Galegos. A súa popularidade e prestixio medran enormemente eses anos.
1922 Publica en Nós artigos sobre arte, tirados do seu diario de viaxe.
Publica na colección ‘Céltiga’ a novela curta Un ollo de vidro. Memorias d’un esquelete, ilustrada por el mesmo, que xa estaba en núcleo na súa conferencia de 1920.
Participa na IV Asemblea nacionalista en Monforte, onde se exhibe a súa mostra ‘Nós’. Alíñase co sector nacionalista radical, capitaneado por V. Risco. ‘Nós’ exponse en Ferrol (abril) e Pontevedra (maio-xuño).
Colaboracións na prensa diaria: La Zarpa, de Ourense, e sobre todo, Galicia, de Vigo, onde comeza a dar a coñecer as súas ‘Cousas da Vida’. Últimas caricaturas no madrileño El Sol.
1923 A exposición ‘Nós’ móstrase en Barcelona (xaneiro), a onde viaxan Castelao e V. Risco, e en Vigo (xuño), onde pronuncia a conferencia inaugural Arturo Noguerol.
Continúa a súa colaboración na revista Nós, con artigos sobre arte e con pequenas pezas literarias ilustradas, xermolo das Cousas.
A Dictadura de Primo de Rivera (setembro) suprime as liberdades políticas, polo que o galeguismo se concentra no labor cultural.
1924 A exposición ‘Nós’ pecha o seu periplo en Santiago de Compostela, servindo de marco para unha brillante serie de actos que supoñen a consagración pública do Seminario de Estudos Galegos, no que Castelao ingreso cun discurso sobre ‘O novo espírito na arte’.
Dá a coñecer a través do diario vigués Galicia e da revista ilustrada Céltiga (editada en Buenos Aires) unha serie de pezas do xénero (aínda en xestación) das ‘cousas’.
1925 Fúndase, co seu concurso e o de A. Lousada Diéguez, a Coral Polifónica de Pontevedra, da que será Presidente. Tamén deseñará decorados para actuacións desta.
Publica a súa colección de estampas Cincoenta homes por dez reás.
Ilustra a obra de R. Cabanillas Estoria do bendito San Amaro.
1926 Publica Cousas. Primeiro libro, editado por Lar.
Deseña a cuberta d’O Mariscal, de R. Cabanillas, e ilustra o poemario Na noite estrelecida, que constitúe unha peza cume do modernismo literario e ilustrado galego. Tamén realiza a cuberta de Oraciós campesiñas, de Eladio Rodríguez.
Inicia a colaboración diaria con El Faro de Vigo, onde continúa coas ‘Cousas da Vida’, e con El Pueblo Gallego, onde dá a coñecer máis ‘cousas’.
Recibe a designación de membro da Real Academia Galega.
1927 Continúa publicando ‘cousas’ en El Pueblo Gallego e Céltiga.
Participa na fundación do Museo de Pontevedra, como membro do seu Patronato.
Deseña a cuberta do poemario A rosa de cen follas, de R. Cabanillas.
Contra finais de ano, sobre unha nova crise visual, que o deixa case cego.
1928 Falece o seu único fillo, o que o deixa mergullado nunha profunda tristeza. Durante ese ano, abandona toda actividade pública.
1929 Pensionado pola Junta de Ampliación de Estudios, viaxa a Bretaña, co obxecto de estudiar as cruces de pedra, tema sobre o que tiña recollido un abundante material en Galicia.
Publícase Cousas. Segundo libro, na editorial Nós.
1930-1939 ESPLENDOR E TRAXEDIA: ESCRITOR E DIRIXENTE POLÍTICO
1930-36. Castelao implícase de xeito moi activo e cun papel dirixente na loita política. É elixido dúas veces deputado (1931 e 1936), e funda e dirixe o Partido Galeguista (1931-36). Culmina a súa carreira literaria, e comeza a cultivar o ensaio político. A súa popularidade está no auxe.
1930 Participa na V Asemblea Nacionalista. Coa caída da Dicdatura, participa nas primeiras campañas galeguistas. Mítin no Teatro García Barbón de Vigo, co discurso “O galeguismo na arte” en compaña de Otero Pedrayo e Paz Andrade. Toma parte no pacto republicano-autonomista de Barrantes.
Edita, polo Seminario de Estudos Galegos, o seu traballo sobre As cruces de pedra na Bretaña.
Publica o Almanaque de 1931, do Faro de Vigo.
1931 Edítase, sufragado por un grupo de amigos, o álbum Nós. Reedítase o seu álbum Cincoenta homes por dez reás.
Proclamada a República (abril), preséntase como galeguista ás eleccións, e gaña escano pola provincia de Pontevedra. Intégrase, xunto a Otero Pedrayo, no grupo parlamentario da O.R.G.A. (republicano-autonomista), que apoia o goberno de Azaña. Na discusión da Constitución da República, polemiza no parlamento con Miguel de Unamuno arredor do recoñecemento oficial da lingua galega.
En decembro, as Irmandades da Fala celebran a VI Asemblea, na que se disolven para dar paso á creación do Partido Galeguista, ó que Castelao e Pedrayo adhiren de inmediato.
1932 Intervén no Parlamento a prol do Estatuto de Autonomía de Cataluña. Intensa actividade política, co lanzamento do proceso autonómico galego, que culmina coa Asemblea de Municipios de decembro, en Compostela.
En xuño, recibe unha multitudinaria homenaxe en Lugo.
En novembro, dicta na Universidade de Santiago as conferencias “O novo espírito na arte” e “A caricatura”
1933 Estréase en Madrid Divinas Palabras, de Valle-Inclán, con decorados de Castelao.
Racha a alianza cos republicanos de esquerda, pola súa morneza autonomista. Intervén no Parlamento contra o Goberno. Reanímase o pacto Galeuzca, cos nacionalistas vascos e cataláns. Castelao viaxa a Euscadi e a Cataluña. En Barcelona, entrevístase co presidente F. Macià, e con M. Portela Valladares, propietario de El Pueblo Gallego.
Trala disolución das Cortes, novas eleccións, nas que Castelao non é elixido. O Partido Galeguista perde a representación parlamentaria. Soben as dereitas ó goberno, e comeza o ‘bienio negro’.
Edítase o folleto electoral Ideas que defende e fins que se propón o Partido Galeguista, na redacción do cal intervén Castelao.
1934 Edítase Cousas. Libros primeiro e segundo, que constitúe a recompilación das súas pezas publicadas antes en dous volumes. Aparece o volume de relatos Retrincos, ilustrado por Maside. Publícase tamén a súa novela Os dous de sempre. Deste xeito, no mesmo ano sae a lume o conxunto de obras literarias máis importantes escritas por Castelao.
Dá lectura ó seu discurso de ingreso na Academia Galega: As cruces de pedra na Galiza, que constituirá o texto-base para a magna obra ricamente ilustrada que se publicou dezaseis anos máis tarde.
Ilustra as novelas de Otero Pedrayo Fra Vernero e A Romeiría de Xelmírez, especialmente este última, ornada de belas capitais e colofóns.
A crise política de outubro, coa revolución de Asturias e a ruptura da Generalitat catalana co Goberno, dá pé para que este desencadee unha feroz represión, tamén contra os galeguistas: Castelao e Bóveda son desterrados respectivamente a Badaxoz e Cádiz.
1935 Continúa, na primeira metade do ano, o desterro en Badaxoz, desde onde fai unha escapada a Lisboa, para coñecer o escritor portugués Teixeira de Pascoaes. Desde alí, sostén activamente a reorientación cara á esquerda do Partido Galeguista, para o que escribe a primeira serie de “Verbas de Chumbo”, publicada n’A Nosa Terra.
Nomeado Portela Valladares ministro, consegue levantarlle o castigo. Homenaxe en Madrid, impulsado por primeiras figuras da política e a cultura españolas, como M. Azaña e S. Casares Quiroga. Estadía en Trasalba con Otero Pedrayo, íntimo amigo e ademais representante da ala dereitista do P.G., que sen embargo permanece fiel á disciplina partidaria. Viaxe a Francia e Bélxica, antes de reincorporarse ó destino en Pontevedra. O Partido Galeguista pacta con Izquierda Republicana, a troca de que esta apoie a autonomía.
1936 Candidato por Pontevedra nas eleccións xerais de febreiro, ás que o P.G. se presenta coaligado coa Frente Popular. Resulta electo coa maior votación de Galicia. A victoria do F.P. posibilita a convocatoria do plebiscito autonomista. Activa participación na campaña pro-Estatuto, que remata a fins de xuño.
O alzamento militar de xullo sorpréndeo en Madrid, onde xestiona os trámites do Estatuto de Autonomía. Galicia queda a mercé do terror falanxista, que se ceba en toda a esquerda, incluído o Partido Galeguista: caen asasinados familiares e varios dos mellores amigos de Castelao. Castelao colabora activamente en Madrid no recrutamento de galegos para loitar a prol da República. Contra fins de ano, trasládase a Valencia.
1936-40. Guerra e primeiro exilio. Tempos de frenética actividade política, e de producción de propaganda gráfica e verbal pola causa da República e da Autonomía de Galicia. Tempos tamén en que comeza a probar o amargo sabor da expatriación.
1937 Publica en Valencia os seus álbumes de guerra Galicia mártir e Atila en Galicia, nos que retrata nas máis negras tintas a traxedia da represión en Galicia.
Colabora con Nueva Galicia, quincenal antifascista sostido polo Partido Comunista, onde publica as trinta e tres entregas da segunda serie “Verbas de chumbo”, en defensa das reivindicacións nacionais de Galicia e da súa autonomía. Colabora tamén co Nova Galiza, que edita en Barcelona un colectivo republicano-galeguista encabezado por Rafael Dieste. Tamén participa en emisións radiais de propaganda a favor da República.
1938 Continúa a colaboración con Nueva Galicia e Nova Galiza.
Consegue que as Cortes, reunidas en Monserrat (febreiro), dean estado parlamentario ó proxecto de Estatuto de Galicia. Emporiso, os socialistas conseguen bloquear o trámite, negándose a designar representantes na Comisión de Estatutos.
A finais de abril, emprende unha viaxe de propaganda á Unión Soviética, que se prolongará ata xuño. En Moscova é mostrada unha exposición das súas estampas, incluíndo os álbumes de guerra.
En xullo, é enviado en misión de propaganda a Norteamérica e Cuba, onde realiza unha intensa xira de mítins recadando fondos de axuda á república. Publica en Nova York o terceiro dos seus álbumes de guerra, Milicianos, polo Frente Popular Antifascista Galego, un canto á bravura dos soldados do exército popular que loita defendendo a democracia en España.
A xira por terras cubanas prolóngase desde finais de novembro deste ano a febreiro do ano seguinte.
1939 Na súa xira por Cuba, intervén na campaña electoral do Centro Galego da Habana. Dicta dúas conferencias, que son publicadas: “Galicia y Valle-Inclán” (decembro de 1939) e “Federalismo español” (xaneiro de 1939). De Cuba toma inspiración para a serie de debuxos de negros, que realizará en Nova York.
A derrota da República cólleo en Estados Unidos, onde ten que refuxiarse, e continuar coas actividades de apoio ós refuxiados que foxen en masa de España. Realiza unha xira a California.
En setembro, é designado polos galeguistas do Plata xefe supremo do Partido Galeguista. Establécese en Nova York, gañando a vida como pode, pero atopándose nunha ‘gaiola de ferro’. Aproveita para rematar a peza teatral Os vellos non deben de namorarse, que será estreada dous anos despois en Bos Aires e Montevideo, e publicada en libro postumamente pola Editorial Galaxia (1953).
1940 A primeira metade do ano bótaa en Nova York, onde redacta o que será o Libro segundo de Sempre en Galiza, no que inserirá textos publicados durante a guerra, e que rematará durante a viaxe por barco a Bos Aires.
Despois de intensas xestións dos seus amigos da Arxentina, Castelao consegue deixar Nova York e realizar o seu desexo de marchar á ‘Galicia ideal’, na que se xuntan as grandas masas dos emigrados galegos e o fermento dos exilados: Bos Aires. Alí é recibido apoteosicamente.
Publícase en versión castelá Cincuenta hombres por diez pesos. Pinta a serie mitolóxica titulada Faunalia.
1940-1950 O EXILIO. A ESPERANZA ESMORECENTE
1940-45. Exilio en Bos Aires, onde traballa infatigablemente para organizar os emigrantes galegos, dinamizar a súa vida cultural e dotalos de consciencia galeguista e democrática.
1941 Colabora coa revista Pensamiento español, de gran prestixio entre os expatriados españois. Pinta a serie de cegos, titulada ‘Os meus compañeiros’. Estréase a súa obra de teatro Os vellos non deben de namorarse, en Buenos Aires e Montevideo, con decorados, caretas e vestiario deseñados por el mesmo.
Traballa como ilustrador de libros da editorial Atlántida. Deseña a capa do libro Espiñas, de J. Tobío Mayo.
1942 Racha con Pensamiento español. Reaparece A Nosa Terra, que a partir do ano seguinte irá gañando periodicidade, sempre coa colaboración de Castelao.
Ilustra o poemario Jacobusland, de Emilio Pita.
Comeza a redacción do que será o Libro terceiro de Sempre en Galiza, para o que aproveita o texto dos numerosos artigos que publica e conferencias que dicta.
1943 Continúa coa elaboración do Libro Terceiro de Sempre en Galiza. Dálle remate a esta obra, axuntando as Verbas de chumbo de 1935 (Adro), as de 1937/38 (Libro I), o libro escrito en Nova York (Libro II) e o escrito en Bos Aires (Libro III).
Segue colaborando con A Nosa Terra e mais noutras publicacións das sociedades de emigrantes, como Lugo.
Participa en abril no multitudinario mitin convocado en Montevideo pola oposición democrática española, canda primeiras figuras desta. O texto deste mitin cerra Sempre en Galiza.
1944 Sae do prelo o seu texto político máis importante, Sempre en Galiza, colectánea de ensaios que constitúe o testamento da xeración de Castelao e será considerado a ‘Biblia do galeguismo’. Co gallo desta publicación, celébase unha grandiosa homenaxe en Bos Aires.
Contra finais de ano, A Nosa Terra publícase mensal, servíndolle de instrumento de comunicación político.
En novembro, constitúese o Consello de Galiza, como garante do dereito de Galicia ó autogoberno, formado por parlamentarios galegos expatriados e presidido por Castelao. reavívase o Pacto Galeusca.
1945 O final da Segunda Guerra Mundial, coa derrota do eixe nazi-fascista, fai concibir a esperanza do final do réxime franquista, alidado a aquel. A actividade política do exilio español entra en efervescencia. Castelao participa en actos organizados por Galeuzca.
En xuño, exposición en Montevideo das súas estampas, celebración do aniversario do plebiscito autonomista e homenaxe ó Consello de Galiza.
Contra finais de ano, aparece en Bos Aires a revista Galeuzca, onde Castelao publicará, neste ano e no seguinte, varios artigos.
A fins de ano, co gallo da convocatoria das Cortes republicanas en México, realiza un periplo continental, que o leva a Río de Xaneiro, Nova York e A Habana. Na sesión parlamentar de México, onde se reconstrúen as institucións da República, Castelao consegue que finalmente se constitúa a Comisión de Estatutos.
1936-40. Guerra e primeiro exilio. Tempos de frenética actividade política, e de producción de propaganda gráfica e verbal pola causa da República e da Autonomía de Galicia. Tempos tamén en que comeza a probar o amargo sabor da expatriación.
1946 Fórmase, baixo a xefatura do republicano José Giral, un goberno republicano de amplo espectro, para o que Castelao é designado Ministro en representación das forzas democráticas galegas. A mediados de ano, trasládase a París para incorporarse ó Goberno. Este Goberno preséntase ante as forzas aliadas e a comunidade internacional (a ONU está en pleno proceso de constitución) como alternativa á dictadura franquista.
1947 Crise do goberno Giral, por disensións entre fraccións da oposición republicana. Castelao sae do goberno, gravemente desiludido. A súa saúde reséntese. Regresa de París e Bos Aires cunha terrible sensación de illamento e fracaso.
1948 Reincorpórase ás súas tarefas en Bos Aires. Publica, anonimamente, o opúsculo sobre o Estatuto de Galicia. Antecedentes e comentarios, onde ofrece unha pequena historia do galeguismo, e notas ó texto do Estatuto. O día de Galicia, pronuncia o seu famoso discurso ‘Alba de Groria’, reproducido n’A Nosa Terra, e postumamente en folleto (1951).
1949 Os síntomas da súa doenza agrávanse, e diagnostícaselle cancro de pulmón. Pasa case todo o ano encamado no seu domicilio, padecendo terrible dores e baixo constante atención médica.
Os seus compañeiros de Bos Aires apresúranse a dar ó prelo a súa obra As cruces de pedra na Galiza, profusamente ilustrada polo autor, que só chegaría a ver impreso o primeiro prego.
1950 Nos primeiros días do ano, os médicos deciden realizarlle unha intervención cirúrxica á desesperada, para aliviarlle a dor. Non dará superado o post-operatorio, e falecerá pouco antes da medianoite do día sete no Sanatorio do Centro Galego de Bos Aires.
O velorio do seu cadáver e o enterro dos seus restos mortais no cemiterio de La Chacarita dan azo para impresionantes demostracións de loito da comunidade galega expatriada, e de tódolos sectores da oposición democrático-republicana española.
As autoridades franquistas dan instrucións para amortecer o impacto da magoante nova nos medios de comunicación galegos, taxando a información sobre o pasamento do eximio rianxeiro e relegándoa ás páxinas interiores, sen acompañamento gráfico nin referencias á súa actividade política.
Fonte: Múseo de Castelao
A súa derradeira foto |
A miña pequena contribución no 125 aniversario do seu nacemento
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Os comentarios son libres, só pido sentido.