domingo, 23 de maio de 2010

Romaría de Santa Rita

Onte foi Santa Rita e unha ano máis en Nebra non tivemos verbena. É para chorar, sobre todo vendo o espazo inmellorable que temos agora, pero que ninguén se equivoque, cedido única i exclusivamente polos que aportamos terreos para á parcelaria. A parte do campo de festas, gozamos de aparcamentos inmellorables e sobre todo gratis, con múltiples saídas e sen os tan temibles atrancos que sufriamos antes.

Pero nada, na última asemblea algunha xente aínda sabendo que a comunidade podía case quedar en números vermellos, pedía non só dotalo de xabre, se non que queren cemento para poder bailar i eu pregunto, para qué? Queremos presumir de roupa nova á vista da xente e andar cos calzóns sen lavar, por non dicir unha palabra máis fea. Hoxe non é día de reproches, deixarei o tema para bitácora da comunidade.

O que si houbo gracias á petición feita por unhas mulleres capitaneados por Don Ramón, o párroco, un grupo de gaitas para animala procesión e a saída da misa, xunto cunha tirada de foguetes. Tamén fixo a súa presentación un grupo mixto de pandeiretas de Nebra: Falcoeira. Nome adoptado dun enclave do noso monte.

Antes da procesión, Don Ramón explicounos que debido ao perigoso que resultaba o paso desta por encima das tumbas e aínda que a Igrexa contaba cun seguro de responsabilidade civil, o mellor era varialo percorrido saíndo do Adro e baixar pola Calzada Romana para subir cara á Pena e retorno á Igrexa.

Aínda que escoitei timidamente pequenas discrepancias, ao final da procesión achegueime á sancristía para darlle os meu parabéns. Así foi tamén como-lle comentei que ía para trinta anos que eu xa tentara facelo mesmo, pero daquela non se deron as circunstancias precisas, non só polo traxecto moito máis inapropiado por aquel entón e que o cura que había, digamos que tampouco colaborou.

Por primeira deixamos de pisalas tumbas dos nosos ancestros, en parte gracias á súa iniciativa de comezar a encintalo cemiterio ao arredor da entrada principal á Igrexa. Agardemos que pouco a pouco isto sexa unha realidade e non algo futurible.

Romaría de Santa Rita 2010



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os comentarios son libres, só pido sentido.