Amosando publicacións coa etiqueta Cruceiro de Tores. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Cruceiro de Tores. Amosar todas as publicacións

domingo, 8 de maio de 2011

Festas maio 2011


Despois dun parénteses de tres anos sen festas, recuncan de novo con forza tal e como poden ollar na programación para Santa Rita e Cruceiro de Tores.

Aproveitando a ocasión e no meu afán de compartir con todos que acceden a esta fiestra, información sobre as festas de Nebra e documentos antigos dos que dispoño, hoxe publico este contrato asinado o 26 de abril de 1945, por meu tío, Aureliano Calo Pouso de Puílla, con Eliseo Lojo Romero (Banda Eliseo de Portosín), para actuar o día 23 de maio con motivo da festividade da Virxe dos Milagres, que se venera no Cruceiro de Capela de Tores. Aínda que a banda era máis completa, no contrato estipulase que acudirán seis músicos, que cobrarían duascentas vinte e cinco pesetas.

O seguintes documentos son o permiso do Concello e o "sablazo" da SGAE, que así a bote pronto, era o 10% do que cobrou a banda.



Cruceiro de Tores, baixo a advocación da Virxe dos Milagres
Grupo de Gaitas Chorimas de Queiruga
Grupo de Pandereteir@s Falcoeira (Nebra)
Santa Rita
Banda de Música de Caamaño. Foto: La Voz de Galicia

luns, 24 de maio de 2010

Cruceiro de Tores

Onomástica adicada ao Cruceiro de Tores baixo a advocación da Virxe dos Milagres, que as veciñas e veciños desta aldea se encargan de engalanar para a ocasión.

Ten moitas devotas e devotos, polo que fai un par de anos colocaron ao seu carón unha furna para protexelos cirios que diariamente se-lle acenden e no día de hoxe, mesmo deixan centros de flores.

Por segunda vez a procesión seguiu polo seu novo percorrido, aínda que para elo teremos que solventar algúns problemiñas coas andas, polo resto todo moi ben. Da parte lúdica encargouse unha mestura de gaiteiros de Os Salgueiriños de Noia e Suevia de Porto do Son.

Cando organizaba as festas aló polos oitenta, collín a costume de facela tirada de foguetes da alborada e remate da misa ao seu carón. Nisto estaba un ano cando se achegou unha devota e veciña de Orseño, a señora Elisa da Rabiza (q.e.p.d), que fora deixarlle unha esmola no cepillo que tiña cando aínda se respectaba algo aos santos e sobre todo, as propiedades privadas. Despois decidiu comprarme unhas rifas que tiña para un porquiño i encomendouse ao Cruceiro... pola noite resultou se-la afortunada.

Festa do Cruceiro de Tores



domingo, 23 de maio de 2010

Romaría de Santa Rita

Onte foi Santa Rita e unha ano máis en Nebra non tivemos verbena. É para chorar, sobre todo vendo o espazo inmellorable que temos agora, pero que ninguén se equivoque, cedido única i exclusivamente polos que aportamos terreos para á parcelaria. A parte do campo de festas, gozamos de aparcamentos inmellorables e sobre todo gratis, con múltiples saídas e sen os tan temibles atrancos que sufriamos antes.

Pero nada, na última asemblea algunha xente aínda sabendo que a comunidade podía case quedar en números vermellos, pedía non só dotalo de xabre, se non que queren cemento para poder bailar i eu pregunto, para qué? Queremos presumir de roupa nova á vista da xente e andar cos calzóns sen lavar, por non dicir unha palabra máis fea. Hoxe non é día de reproches, deixarei o tema para bitácora da comunidade.

O que si houbo gracias á petición feita por unhas mulleres capitaneados por Don Ramón, o párroco, un grupo de gaitas para animala procesión e a saída da misa, xunto cunha tirada de foguetes. Tamén fixo a súa presentación un grupo mixto de pandeiretas de Nebra: Falcoeira. Nome adoptado dun enclave do noso monte.

Antes da procesión, Don Ramón explicounos que debido ao perigoso que resultaba o paso desta por encima das tumbas e aínda que a Igrexa contaba cun seguro de responsabilidade civil, o mellor era varialo percorrido saíndo do Adro e baixar pola Calzada Romana para subir cara á Pena e retorno á Igrexa.

Aínda que escoitei timidamente pequenas discrepancias, ao final da procesión achegueime á sancristía para darlle os meu parabéns. Así foi tamén como-lle comentei que ía para trinta anos que eu xa tentara facelo mesmo, pero daquela non se deron as circunstancias precisas, non só polo traxecto moito máis inapropiado por aquel entón e que o cura que había, digamos que tampouco colaborou.

Por primeira deixamos de pisalas tumbas dos nosos ancestros, en parte gracias á súa iniciativa de comezar a encintalo cemiterio ao arredor da entrada principal á Igrexa. Agardemos que pouco a pouco isto sexa unha realidade e non algo futurible.

Romaría de Santa Rita 2010



domingo, 24 de maio de 2009

Parabéns aos rapaces de AFUNE

Onte foi o día do Cruceiro de Tores e organizado polos rapaces de AFUNE (Asociación polo futuro de Nebra), na procesión e remate da misa contaron coa colaboración desinteresada do grupo de gaitas Chorimas de Queiruga que amenizou o día. Parte de este grupo xa actuara o ano pasado nas festas da Balbanera, acompañados do meu fillo. O día de Santa Rita tiñan gañas de facelo mesmo, pero por mor do calendario escolar do grupo, non lles foi posible.

Polo serán organizaron uns xogos populares (chave, estornela, petanca e o pano) para os rapaces e rapazas... mais animáronse tamén as nais e algúns pais.

Por mor da chuvia só se puido xogar á chave, por certo, con grande entusiasmo por parte duns e outras a pesar de que moitos/as era a primeira vez que o xogaban ou vían xogar. O pano tívose que xogar no interior do local social da comunidade de montes, xogo tamén moi ben acollido a pesar de ser do máis sinxelo.

Agradecer tamén á Asociación Cultura de A Barquiña: A Pedra da Loureira, pola cesión desinteresada do xogo da chave, xa que sen a súa colaboración quedaríanos coxo o evento.

Non me esquezo tampouco de que, organizado por outro veciño, pola noite no local houbo a actuación dun dúo musical.

afune chave afune chave
afune chave afune chave



domingo, 17 de maio de 2009

Lembranzas de festas en Nebra nos anos 40

Como este ano non temos festas, que mellor que sacar a luz dous documentos dos anos 40, de cando as organizaba meu tío Aurelio do Xordo, de Puilla.

O primeiro documento é o permiso do Concello para poder celebrar a festa, outorgado o 22 de maio de 1948.

Daquela as verbenas non teñen nada que ver coas de hoxe en día, remataban as 9 da noite, e agora empezan á medianoite.

Había que levarse ben co señor párroco, ou do contrario, xa non se podía facela no adro ou preto da Igrexa.

Aínda que a recadación da SGAE moita xente poida pensar que é algo novidoso, xa por aqueles tempos pasaban a "minuta".

No segundo documento esta reflectida a factura dos fogos de artificio, asinada o 21 de maio de 1949.

Na relación aparece media ducia de fogos de luciría para tirar pola noite, algo que segundo me comentou meu pai era unha costume moi arraigada antigamente. Grazas a este documento pódese comprobar isto. Meu avó e meu pai, que organizou as festas de San Ramón cando nos trasladamos a vivir a Quintáns, tamén o teñen feito. Igual por iso se entende que cando seguín os seus pasos, me decidise por facer aquelas tiradas de fogos de artificio que competían coas festas do Carme de O Son e de Portosín, e que case 30 anos despois, moita xente aínda me siga falando delas hoxe en día.

Misas de Santa Rita e Cruceiro de Tores

O próximo venres 22 e sábado 23, celebrase a romeira de Santa Rita e o día do Cruceiro de Tores, na advocación de A Virxe dos Milagres.

Por Santa Rita haberá misas rezadas as 9, 10, 11, 12 e 21 horas. Á 13 horas, misa solemne.

O día do Cruceiro, misa rezada as 9 e solemne, as 13 horas.

Lamentablemente non haberá verbenas, xa se sabe, as festas dan moito traballo e hai que andar de porta en porta e ás veces, aínda levas malos pagos.