Amosando publicacións coa etiqueta Doade. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Doade. Amosar todas as publicacións

luns, 30 de agosto de 2010

11ª Malla Tradicional Galega


XI Malla Tradicional Galega celebrada en Codeseda (Doade-Lalín).
Como poden comprobar na foto, os participantes van vestidos para a ocasión con roupa de época. Agachado segundo pola esquerda, Manuel Blanco, que xunto coa súa irmán Amparo dan vida a esta antiga tradición e coidan a Casa Museo O Patrón de Doade, que teñen espallado en varias casas desta pequena aldea chamada Codeseda. Recoméndolles a súa visita xa que ademais de conter unha grande cantidade de utensilios dos variados oficios xa irrecuperables, conservan incluso unha antiga taberna e unha casa intacta coa cociña tradicional galega e varias alcobas de distintas épocas, incluso unha con cama de follacos de millo... que ruído facían cando te dabas a volta. Se non subo fotos nin vídeos e porque respectei os carteis que prohibían facelo, aínda que si houbo xente que non fixo caso.
XI Malla Tradicional Galega
Neste primeiro vídeo faise a entrada na eira tal e como se facía antigamente, ao toque dun corno de mar. Nalgunhas aldeas as eiras estaban empedradas e onde non, segundo comentaban este veciños, uns días antes da malla botaban bosta de vaca para que ao secarse servise como base. Pode parecerlles estraño, pero o excremento deste animal tamén se usaba para selala porta do forno e poder cocela boroa. A verdade é que era un traballo ingrato cando nos mandaba a por ela, lembren que non había guantes coma hoxe, pero a satisfacción viña logo cando collíamos cachos de boroa recen feita.


Neste vídeo explicase a técnica que se usaba para mallar á pedra antes de aparecelas primeiras malladoras. Esta labor séguese facendo aínda hoxe para mallala mosqueira da herba, que logo se sementa no medio do millo e con semente de rabizas,do que saen ao final os famosos grelos galegos.


A malla con mallos, manllos ou manlles, como lles chaman nesta zona.


Mallando xa coa malladora, esta como se pode ver é moi distinta a outras das que xa teño falado e que é moi distinta as que lembro en Nebra.


Celsiño, un contacontos animou este serán dedicado á malla. É largo, pero vale a pena escoitalo.


Cen anos de Historia son os que ten este motor a gasolina.


O dúo Nebra...ska encargouse de que este serán de malla se fixese moito máis corto. Permitinme a licenza de xogar un chisquiño co nome do dúo Nebraska, agardo que non mo tome a mal se dan con este blogue. No vídeo incluso poden comprobar o ben atendido que estivemos con café e gotiñas de augardente de balde, pero é que antes houbo un queixo riquisimo a fartar, melindres e torta de améndoas.


Juan, un asistente á malla tamén fixo a delicia de todos interpretando pezas co seu acordeón e mesmo se atreveu a contar un conto.


Manolo, outro que non quixo ser menos e tamén tocou algo coa súa harmónica.


Gracias Manolo, Amparo, veciños e veciñas, por conservar esta tradición, pero sobre todo pola boa acollida e inmellorable trato que recibimos, como se fósemos uns veciños máis e nos coñeceramos de toda vida.