Amosando publicacións coa etiqueta Abrañeira. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Abrañeira. Amosar todas as publicacións

domingo, 11 de xullo de 2010

Tradicional malla do centeo

Pequena reportaxe elaborada sobre a recuperación da Tradicional Malla do Centeo a cargo do colectivo veciñal ABRAÑEIRA, nas festas de Boiro. O mestre de cerimonia é Manuel Calo, que en todo momento estivo atento á labor dos seus discípulos e discípulas. Como poden ollar, o futuro desta tradición está máis que asegurado.
Mallas tradicionais e innovadoras

Un pouco máis sobre a historia das mallas. Esta antiga i esforzada labor foi substituída polas malladoras. En Nebra ata onde lembro houbo dúas, unha na casa Das Pousas de Quintáns e outra en Puilla, na casa de Santiños. A da foto concretamente é de Marzoa-Oroso.

Estas malladoras ían montadas sobre carros tirados por bois ou vacas e movíanse por medio dun motor de un pistón. Para refixéralos usábase un bidón con auga, na que os rapaces metían mazáns para cocelas.

A malla facíase na eira comunal ou particular, e cada casa ía co seu gando a buscala a onde estivesen mallando. Como o gran saia mesturado con pallas, para separalo había unha limpadora movida manualmente e ía sobre outro carro. Segundo fose trigo, centeo ou avea, intercambiábanselle as cribas.

A malla eran un acontecemento social, que xa empezaba coa cega. Os veciños colaboraban uns cos outros e cada un tiña o asignado o seu posto, uns achegaban os monllos á máquina e outros de retirala palla para levala a onde se facía o palleiro. Sempre había piques por ver quen o facía mellor e o de quen era máis grande. De recollelo gran á saída da malladora encargábanse as mulleres e de movela limpadora, os homes. Ao remate servíase un ágape acompañado de viño, isto traia como resultado que ao remate da xornada algúns vían máis dunha máquina e sobre todo, reinaba unha gran cordialidade.

A palla servía como alimento dos animais cando escaseaba a herba verde, tamén se estraba algo con ela e facíase o sancosmeiro, un sombreiro para as mulleres que lle teño visto facer de rapaz a miña avoa.

A esta malladora sucedeuna unha especie de clon, pero montada sobre un remolque de tractor e movida coa súa tracción, coa boa nova de que separaba totalmente o gran da palla. En definitiva foi un gran adianto, porque ademais era moito más rápida e as veces, demais. A primeira e única que veu para Nebra, foi a da casa do Xouleiro que aínda hoxe esta en activo. A da foto foi a usada na recuperación da malla tradicional en Miñortos-Porto do Son.

Agora coas modernas segadoras simplificouse totalmente este traballo, xa que non é necesario segalo trigo e tamén se deixou de facelo palleiro, ao empacarse a palla coa empacadora.


Hoxe sería inimaxinable ter que segar e mallar todo a man, vexan se non, como defendía Rosalía de Castro aos noso segadores polo trato que recibían cando ían cegar a Castela: Castellanos de Castilla.

Máis información:
A Malla
O Mallo