sábado, 25 de maio de 2013

Onde vai a coherencia da xente e políticos?

Vaia por diante que sempre sufría cando na casa matabamos o porco. De pequeno, xunto con meu irmán, sempre nos escamoteabamos, porén segundo íamos cumprindo anos iso xa non nos foi posible. Xa eramos grandes e había que botar unha man, ben meténdolle a cebola na boca para que non gritara ou remexendo a sangue, para poder facelas filloas.

Ninguén se poden imaxinar o alivio que sentimos cando por primeira vez veu o señor José de Veliña «q.e.p.d», veu matárnolo co seu rifle, o seguinte foi Mariño e o derradeiro Antonio do Facho.

Porén hoxe non toca falar dos porcos, porque a pesares de sufrir moito menos que os touros e tratarse dunha forma de supervivencia no rural galego e non dun divertimento de masas, a Xunta de Galicia, sacou unha Lei que prohibe acoitelalos, sen antes atordalos ou sacrificalos con pistola.

Se o matachín era certeiro o tempo de agonía duraba un minuto escaso, mais a angustia dos touros pode facerse eterna, dende a sorte de varas, banderillas, espada de matar, espada de descavillo cando o toureiro non acertaba matalo á primeira, ou subalterno coa puntilla, para rematalo.

A dúbida que teño sobre as corridas e outros espectáculos onde conxéneres seus, son os tristes protagonistas, é saber se sofren menos, cando goberna a dereita ou gobernos que se autodenominan «progresistas»? Na pasada lexislatura A Coruña estivo gobernada polo PSdeG e polo BNG, e logo de levarse celebrando máis de 20 anos corridas baixo as masivas maiorías absolutas de Paco Vázquez, estas seguíronse celebrando a pesar de que, de portas para fora parece que houbo un «choque» no pacto do goberno, que como se viu non pasou a maiores. Poderoso cabaleiro Don Diñeiro, que primou máis o peto que a conciencia...


Praza: Moción popular contra as touradas na Coruña

A feira inaugurarase con touros de Fernando Pena para Enrique Ponce, Francisco Rivera Ordóñez "Paquirri" e David Fandila "O Fandi".



Faro de Vigo: Vigo converterase na primeira cidade de Galicia en prohibir os circos con animais

O Concello apela a cuestión de sanidade e seguridade para evitar que caravanas e carpas se instalen en parcelas municipais - No poderán impedir que o fagan en fincas privadas.

Faro de Vigo: Ourense prohibe a actuación na cidade de circos con animais

Ourense é desde onte un dos 111 municipios de España nos que quedan prohibidos os circos con animais. Foi o resultado dunha moción presentada polo BNG e defendida con vehemencia pola edil Ximena González, e que derivou nunha disparatada sucesión de intervencións absolutamente circenses, para defender posturas atopadas respecto diso.

A moción saíu adiante cos votos do PSOE e o BNG. O PP abstívose ao ser rexeitada a súa emenda na que propuña a prohibición en Ourense dos circos que fagan números nos que se degrade ou se lesións aos animais, e os edís de DO votaron por separado. Nun exercicio de democracia interna, Susana Gómez de DO apoiou a moción do BNG e Gonzalo Pérez Jácome votou en contra, tras defender o seu curioso razoamento que logo fora moi rechiado polo cal o uso de animais, forma parte da evolución humana e de feito "o homo sapiens sobreviviu porque foi capaz de domesticar ao can e o Neanderthal non".

Nun escenario acrobacias dialécticas, Miguel Abad do PP deulle un xiro bioetico ao asunto para defender o uso respectuoso de animais nos números de circo, mostrou unha foto do alcalde disfrazado de domador no pasado entroido, para facer un símil entre os faquires, acróbatas, e malabarista e magos e a xestión do goberno local, e mesmo tivo tempo de lembrarlle ao BNG a incongruencia defender esta moción mentres en Allariz "levan a un boi atado polos cornos".

Hoxe precisamente comeza por terras alaricanas esta festa?



Discordia pública en Noia

Os 'touros' do Barbanza e as súas peculiares corridas (1)
Os ‘touros’ do Barbanza e as súas peculiares corridas (2)

Á vista dos documentos e fotos publicadas na ligazón, haberíalle que preguntar a algúns grupos políticos que entenden por tradición secular?


O 25 de abril de 2009, tres anos antes da anterior ligazón, facíame eco dunha transmisión oral de meu avó de A Graña, que cedía vacas bravas para tourealas no curro pola Feira de San Marcos.

Non estou reivindicando as corridas porque como dixen ó principio, sufro cando se maltrata un animal ou o matan, de feito xamais fun quen de facelo coas galiñas galos ou coellos. Como ben digo nesa entrada, sendo moi rapaz leváronme a presenciar unha en Noia e non recunquei.

Do que non tiña constancia era que aquí, no Son, tamén houbo corridas.


E para rematar...
Cataluña sen touros e algúns sen ética
Hai máis zonas onde os valentes?, mulleres incluídas a súa ética pásana polo forro...

Máis salvaxadas que nalgúns pobos xa pasaron a mellor vida.

Peña Taurina Gijona

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os comentarios son libres, só pido sentido.