mércores, 9 de xaneiro de 2013

Que Cruz, Señor!!!

Do que se entera un, resulta que a discriminación política que sofre Nebra non é de agora, xa ven de moitos anos atrás. Mal raio os parta: mira que non poder «presumir» que fomos concello por unha cacicada, ten bemois.

Entre outras cousas, igual esa era a solución para que hoxe desfrutásemos dunha casa de cultura, porque a pesar de que no Concello haxa 11, e sexamos 10 parroquias, nós seguimos sen ela, polo que habería que preguntarse que mal lle fixemos a tódalas corporacións democráticas que nos gobernaron. Por votos non foi, xa que Nebra arroupou a varios alcaldes, mais sabemos como nos pagaron.

Aínda que digan que neses efimeros concellos non chegou a haber Casa Consistorial, pola puxanza asociativa que houbo aquí, un exemplo témolo na Liga Agraria, que chegou a ter sede propia, seguramente ese non ía ser o problema.

Xa poñéndonos serios, un dato a ter en conta é que case dous séculos, estamos por debaixo daqueles mil habitantes que había naquel entón. Dubido que agora cheguemos tan sequera aos 900. E iso é moito peor, porque a emigración sen retorno foi un hándicap para moitos pobos, e nisto, Nebra non foi unha excepción.
La Voz de Galicia: A comarca chegou a ter 32 concellos entre 1821 e 1823

A actual crise económica, que todo o cuestiona, puxo sobre o tapete a necesidade de reflexionar sobre unha posible reforma das demarcacións territoriais municipais co fin de redimensionar os concellos e dar lugar a concellos máis grandes mediante fusións ou integracións. A luz desta polémica pode reflexionarse sobre a orixe dos municipios barbanzans e sobre algúns avatares históricos que, nalgúns intres, estiveron a piques de dar como resultado unha ampliación do número de concellos e, noutros, todo o contrario. Entre xullo de 1821 e outubro de 1823, por exemplo, a comarca tivo 32 concellos.

O primeiro paso é recordar a orixe dos concellos da denominada área barbanzana.

Antes do século XIX
Desde o século XI, Barbanza e zonas contiguas estaban divididas nun labirinto administrativo de parroquias, vilas, señoríos e xurisdicións, como a de Noia, por exemplo, que abarcaba o 90% do territorio. Só as vilas -Pobra, Caramiñal, Rianxo, Noia e Muros- estaban rexidas por concellos, cos seus rexedores nomeados polos seus respectivos señores.

Á súa vez, as parroquias tiñan como único cargo administrativo un «mordomo pedáneo». Niso consistía toda a estrutura administrativa antes de 1830.

As orixes
A orixe dos concellos actuais remóntase ao período 1812-1836, e estivo ligado a etapas históricas nas que gobernaban grupos liberais. Partidarios da ruptura radical con todo o que cheiraba a pasado, os liberais sentiron a necesidade de crear «municipios constitucionais» destinados a tomar a vez á división territorial herdada dos tempos medievais e modernos.

Fixérono na primeira ocasión que tiveron: o goberno liberal de Cádiz perfilou, en 1812, os primeiros concellos constitucionais en todos «os pobos que non lle teñan e en que conveña que lles haxa..», como reza o artigo 310 da Constitución de Cádiz, a condición de que contasen con polo menos 1.000 almas.

Con todo, o proxecto encallou: finalizada a Guerra de Independencia, Fernando VII cargouse toda a obra dos liberais de Cádiz.

Trienio Liberal
O Trienio Liberal, 1820-23, abriu unha segunda etapa na creación de concellos. En xullo de 1821, o goberno ordenou crear concellos en núcleos con máis de 1.000 habitantes. De novo, un prematuro cambio político deixou todo en papel mollado.

Noutras palabras, dispúxose a creación de concellos, incluso chegaron a nomearse alcaldes e outros cargos municipais, e a recadar algúns impostos, pero non chegaron a exercer actividades municipais propiamente ditas.

Por que? Porque non houbo tempo para establecer casas consistoriais, consolidar unha organización municipal elemental e por fin ao caos económico, do que son boa mostra que concellos pouco habitados, como Olveira, Asados ou Abelleira, contribuísen ao orzamento provincial con contías moi elevadas -2.511, 3.336 e 2.310 reais-, mentres outros máis poboados, como Ribeira, Pobra ou Muros achegasen cantidades moito máis modestas: 754, 1.858 e 952 reais.

Os novos concellos tampouco cumpriron o criterio de 1.000 habitantes que esixía a normativa para que un núcleo de poboación pasase a ser concello. Lugares con máis de 1.000 habitantes non se converteron en municipios, como Obre e Nebra, mentres que outros con poucos veciños si: Palmeira, Olveira, Toxosoutos, etc.

Xa que logo, os concellos de 1821 só existiron sobre o papel. As súas funcións limitáronse a recadar algúns impostos e a realizar o sorteo de quintas dos mozos para o servizo militar, xustamente as funcións propias dos antigos mordomos. Nunca chegaron a funcionar como tales.

Coñécese só o nome do alcalde e dos rexedores de Palmeira en 1821: «José Benito de Ageitos e Vidal, alcalde José Manuel Somoza, José Domínguez, José Santos, José Antonio Mariño, rexedores, e Andrés Seoane, procurador síndico xeneral», mencionados nun protocolo notarial, pero non os do resto dos seus colegas, porque estes concellos non deixaron documentación algunha, por carecer, precisamente, de estrutura administrativa.

En calquera caso, os 32 concellos da comarca tiveron unha vida efémera: desde o 7 de xullo de 1821 ao 1 de outubro de 1823, cando todo se foi abaixo, unha vez máis, e polo mesmo motivo: a volta ao poder de Fernando VII.

A pesar de todo, o labor do Trienio Liberal deixou unha pegada moi profunda no futuro ata o punto de que aínda hoxe, por exemplo, persoas de Palmeira recordan con añoranza os vellos tempos nos que contaban cun Concello propio. Coas limitacións antes mencionadas. Isto foi verdade, pero xunto aos de Ribeira, Carreira e Olveira, e aos outros concellos con que chegou a contar a comarca.

Habitantes
Os concellos de que constaba a comarca tiñan un total de 37.215 habitantes

Anos
Realmente, os 32 concellos creados en 1821 só estiveron vixentes dous anos

Tributos
Os tributos achegados en 1822 polos concellos ao orzamento foron de 60.372 reais
Relacionadas
As entidades locais actuais configuráronse no reinado de Isabel II
Os proxectos de integración de 1842 e 1868 quedaron en papel mollado
Paraíso planificado e sustentable

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os comentarios son libres, só pido sentido.