Un ano máis veciños, veciñas e familiares (netos, bisnetos e xa tataranetos) dalgunhas das cinco vítimas abatidas naquel funesto 12 de outubro de 1916, volvemos a lembralos no seu 96 cabodano. Xa son 13 edicións (ou 12 + 1, como diría Ángel Nieto do que fun un gran seguidor), pero nós, nada supersticiosos, xa estamos argallando a próxima homenaxe.
Por motivos de axenda, este ano o señor alcalde, Don Luís Oujo, tivo que delegar na edil do seu equipo de goberno, María José Maneiro, que foi testemuña do que alí se estaba montando, para a súa sorpresa.
Por coincidencia ou buscado (ninguén se puxo en contacto con nós para interesarse polo noso tradicional acto floral), á mesma hora houbo un mitin electoral no lugar. Afirmo que foi un mitin, porque unha das candidatas ao final pediu o voto para o seu partido, e o discurso de ámbolos dous poñentes ían por ese camiño tamén. Isto é o que dende fai seis anos procuran con todo isto, ademais das pancartas que penduraron ocupando elementos públicos incitando a votalos; veñen a demostrar, de novo, que para eles o de menos é lembrar ás vítimas. En fin, alá cada quen, pero polo menos que non obriguen a mentir ao xornal, o cal vilipendian denominándoo "La Coz" cando publica, segundo eles, mentiras doutros.
Ese contratempo foi o motivo polo que nos visemos obrigados a demorar a nosa ofrenda anual, xa que nesta ocasión o acto central teriámolo logo da misa, no local da Comunidade de Montes, onde se proxectaría, nun pase privado, a curtametraxe "Nebra", baseada nos feitos acaecidos en Cans. Con guión e dirección de Marisa Otero, que nos honrou un ano máis coa súa presenza.
Logo explicounos un pouco as vicisitudes que pasou para poder levar a cabo este ambicioso proxecto, que a moitos dos asistentes fíxoselles curto, pero como ben nos explicou Marisa, unha curtametraxe é iso.
Parabéns ao visionario que comentou na entrada do adianto da curta, inculpándonos (O_O;) sermos os que lle quitamos a fita do seu "ramo", fita que, hoxe mesmo pola mañá, seguía no seu sitio, como poden ver na foto.
Velaquí a entrevista a Marisa Otero: http://certo.es/index.php?page=marisa_otero E sobre os "desencontros" ou o querer anotarse medallas neste tipo de homenaxes: que podemos dicir que non se saiba xa? Coma sempre, parabéns por dar a coñecer estes feitos e facelos perdurar na memoria de todos. O que non significa que non volten pasar, como ben indica Marisa na entrevista...
ResponderEliminar