domingo, 28 de outubro de 2012

Curro da Graña 2012

Antonio de Sabuceda
Aínda que os vídeos xa os subín neses días, con máis atraso do previsto aquí están as fotos prometidas a moita xente, entre eles a un paisano de Barcelona, que deu co curro de casualidade, e co que entaboei unha pequena amizade, explicándolle en que consistía esta ancestral costume. A magoa foi que, tívose que marchar sen poder ollalas carreiras de cabalos, que comenzaron máis tarde do previsto e as de burros, que remataron baixo a luz de candeas.

Apenas tomei un par de fotos da loita coas bestas e da rapa en si, xa que no relax do curro e despois de picar algo no posto disposto polos organizadores, achegueime até a aldea de Sabuceda e a súa fraga composta por centenarios carballos, acivros e loureiros reais. De volta atopeime co amigo Moncho do Grego de Balteiro, que invitoume a pasar á casa e conto vai e ben, lembrando vellas lembranzas e penurias familiares pasadas, pasóuseme o tempo.

A pesar de que é un curro recente con referencia a outros de máis longa tradición, estase facendo un oco no calendario. Tal vez influenciados polo bo tempo, a afluencia do público foi moi numerosa, tanto que segundo me comentou o meu curmán Joaquín, un dos organizadores, superáronse tódalas expectativas previstas. Queixábaseme iso si, do pouco apoio institucional que tiveron en contrapartida con outros anos. Parece que a crise aperta, mais a publicidade que se lle fai ao Concello, ben podía ser un pouco máis xeneroso.

A nota negativa foi o accidente dun veciño e familiar de Noceda, que participaba nas labores da procura de cabalos para baixalos ao curro. Isto mobilizou nun primeiro momento a ambulancia que se encontraba na zona, pero que ante a imposibilidade de achegarse a el para poder evacualo tiveron que pedila colaboración dun helicóptero. A día de hoxe aínda segue recuperándose da operación á que foi sometido.

Curro da Graña 2012
















Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os comentarios son libres, só pido sentido.