martes, 28 de febreiro de 2012

Cantares Gallegos: 30 e 31


« 30»


Cando a luniña aparece
i o sol nos mares se esconde,
todo é silencio nos campos,
todo na ribeira dorme.
Quedan as veigas sin xente,
sin ovelliñas os montes,
a fonte sin rosas vivas,
os árbores sin cantores.
Medroso o vento que pasa
os pinos xigantes move,
i á voz que levanta triste,
outra máis triste responde.
Son as campanas que tocan,
que tocan en sons de morte,
i ó corazón din: N'olvides
ós que para sempre dormen.

¡Que triste! ¡Que hora tan triste
aquela en que o sol se esconde,
en que as estrelliñas pálidas
tímidamente relosen!
Aló as montañas confusas
de espesas niebras se croben,
i a casa branca en que el vive
en sombra espesa se envolve.
En vano miro e máis miro,
que os velos da negra noite
entre ela i os meus olliños
traidoramente se poñen.
¿Que fas ti mentras, meu ben?
Dime donde estás, en donde,
que te aspero e nunca chegas,
que te chamo e non respondes.
¿Morreches, meu queridiño?
¿O mar sin fondo tragoute?
¿Leváronte as ondas feras
ou te perdeches nos montes?
Vou perguntando ós airiños,
vou perguntando ós pastores,
ás verdes ondas pergunto
e ninguén ¡ai! me responde.
Os aires mudiños pasan,
os pastoriños non me oien,
i as xordas ondas fervendo
contra os penedos se rompen.

Mais ti non morreche, ingrato,
nin te perdeches nos montes;
ti quisais mentras que eu peno,
dos meus pesares te goces.
¡Coitada de min! ¡Coitada!
Que este meu peitiño nobre
foi para ti deble xunco
que ó menor vento se torce.
¡I en recompensa ti olvídasme!
Dasme fel, e dasme a morte...
¡Que este é o pago, desdichada,
que á que ben quer dan os homes!
Mais ¡que importa! ben te quixen...
Querreite sempre... Así cómpre
a quen con grande firmesa,
vidiña i alma entregouche.
Ahí tes o meu corazón,
si o queres matar ben podes,
pero como estás ti dentro,
tamén si ti o matas, morres.

« 31»

I
Si a vernos, Marica, nantronte viñeras
á festa do Seixo na beira do mar,
ti riras, Marica, cal nunca te riches
debaixo dos pinos do verde pinar.

Á sombra dos pinos, Marica, ¡que cousas
chistosas pasaron!, ¡que rir toleirón!
Relouca de arriba, relouca de abaixo,
iñamos, viñamos i o bombo... ¡pon!.... ¡pon!

As cóchegas brandas, as loitas alegres,
os berros, os brincos, os contos sin fel,
todiños peneques, alegres todiños....
I a nosa señora detrás do tonel.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os comentarios son libres, só pido sentido.