venres, 18 de novembro de 2011

Da man á boca pérdese a sopa


Dinos este refrán usado como titulo da entrada, que algo non se ten asegurado ata que non se posúe ou se termina, pois en calquera momento un problema pode botar todo por terra. Polas promesas que nos levan feito para crealo punto limpo de Porto do Son, xa podiamos ter como mínimo un en cada parroquia.

Neste titular de prensa: Tres de cada dez municipios galegos dispoñen dun punto limpo para depositar residuos, publicado o 11 de decembro de 2006, xa se dicía: están en execución os proxectos de A Gudiña, A Peroxa, Becerreá, Guntín, A Guarda e Porto do Son. Nesa data descoñezo onde se ía ubicar, porque a cesión da canteira de Cadeiras, en Nebra, aconteceu case dous anos despois.

O que non me entra na cabeza é que despois de que criticásemos tantos anos dende a organización na que militaba a proliferación de todo tipo de vertedoiros incontrolados, coma este de Quintáns e do que tantas fotos teño subido a Internet, dende a directiva da comunidade de montes dilátanse tanto a convocatoria dunha asemblea extraordinaria, onde os comuneiros e comuneiras puidésemos debater, rexeitar ou ceder «sen precisións», a canteira para poder rematar dunha vez con esta vergoña.


Hai unha semana que o Consello da Xunta aprobou unha partida de case 300.000 euros para a construción do punto limpo de Porto do Son, e onte estivo na zona inspeccionando os terreos a delegada territorial do Goberno autonómico, Belén do Campo.

A representante do Executivo galego recordou a importancia da infraestrutura, que se licitará nos próximos meses, para evitar as verteduras incontroladas de cascallos e lixo, un servizo que ademais dará resposta á demanda dos veciños do termo. O punto limpo levantarase na antiga estrada de Cans e custará uns 296.000 euros que financiará a Xunta.

Doutra banda, Belén do Campo tamén falou da anunciada actuación na AC-550, no tramo entre Porto do Son e Noia, e reiterou o compromiso da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas coa mellora da rede viaria barbancesa.

Fonte: La Voz de Galicia

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os comentarios son libres, só pido sentido.