A miña pequena homenaxe a Vieiros e ao día da Patria Galega, rescatándolles un vello artigo publicado o 24 de xullo de 2002. Ata sempre compañeiros!!!
Puido ser en orixe unha celebración pagá celta reconvertida polo cristianismo. O pasado pérdese na escuridade de séculos, pero o futuro, como dicía Alexandre Bóveda en vésperas do 25 de Xullo do 1935, «...o futuro é da Terra e Noso».
Nun 25 de xullo....
Era o ano 893 cando el-rei Afonso III faille doazón á igrexa de Santiago da vila de Areas. No 1311, Fernando IV concédelles aos arcebispos de Santiago o señorío sobre a cidade. En 1846, A Xunta Superior do Goberno de Galicia proclámase soberana. No 1908 redáctase o Regulamento Xeral da Exposición Rexional de Produtos artísticos e industriais de Galicia. En 1909 inaugúrase en Santiago a Exposición Rexional Galega. Alí exhíbense produtos artísticos e industriais de Galicia.
Pero as orixes da celebración como tal desta xornada remóntanse ao 1920, ano no que as Irmandades da Fala organizan o primeiro Día de Galicia como acto de afirmación da nosa identidade colectiva.
A II Asemblea Nacionalista acorda institucionalizar o «Día da Patria o 25 do mes de Santiago». Dende esta primeira convocatoria, as manifestacións organizadas para conmemorar o Día da Patria estiveron sempre condicionadas pola situación política do momento, aínda que sempre co eixo central da reivindicación dos símbolos e a identidade do país.
Nos anos 21 e 22 celébrase sen obstáculos. Con liberdade e ata con certa esperanza de renovación. Coa ditadura de Primo de Rivera as arelas vense freadas e o endurecemento da política impide as celebracións ata 1931. Retoman entón as Irmandades o seu discurso sobre os valores galegos. «O Día de Galicia. O día da Nosa Fala Nacional», así o definen.
Non é unha festa máis para adorar un ídolo ou un festexe... É a evocación das antigas arelas de liberdade, renovadas ao longo das centurias nos peitos fidalgos e nos nobres espíritos, Roberto Blanco Torres (A Nosa Terra, 1923)
O Día de Galicia son todos, Lesta Meis (A Nosa Terra, 1924)
O Día de Galicia será cando se faga a recolleita do sentimento do sacrificio, en que os homes se convertan: de pai en patriota, de veciño: en irmán Varela do Campo (A Nosa Terra, 1922)
Son anos dunha ilusión que toma forma no Estatuto de 1936. Cúmprense agora 77 anos desa data sinalada na nosa historia. Logo, como dicía Otero Pedrayo no ano 36, «para ir vivindo convén espazar as cousas tristes. Todas xuntas afogarían ó peito máis bravo».
O franquismo
A Guerra Civil trae moitos días de silencio, tamén para a reivindicación da patria. Paseniñamente irase recompoñendo a conciencia dende mediados de século cando se recupera a misa en galego na honra de Rosalía. Arredor dalgúns galeguistas históricos mantense vivo o facho en Compostela onde en peregrinaxe chegan os narradores e poetas da época para asistiren ao oficio de Santo Domingo de Bonaval en honor dos versos de Rosalía. En definitiva a renderlle homenaxe á voz silenciada do pobo. Na longa noite de pedra tamén as sociedades galegas na emigración manteñen acesa a convocatoria.
A finais da década dos 60, as organizacións nacionalistas comezan a convocar concentracións en Compostela o 25 de xullo.
Mais non é ata ben entrados os anos 70 cando se avanza outro chanzo. Chega a hora das reivindicacións da soberanía nacional. No lume dun réxime que esmorece e co ímpeto das cada vez máis emerxentes inquedanzas políticas do país, o que era un pequeno acto simbólico na intimidade intelectual dun grupo de amigos convértese nunha referencia para moitas gorxas con ánimo reivindicativo.
Cara finais dos 70, a celebración recibía nome diferente segundo as opcións políticas. Para o PCE ou o PSOE era o «Día Nacional de Galicia». O PG ou o POG estreaban a denominación de «Día da Patria». É no 1973 cando se empeza a utilizar o termo "Día da Patria Galega", denominación que pouco a pouco se vai consolidando e que se mantén na actualidade.
Chega a autonomía...
Dende a instauración da democracia e a promulgación do Estatuto de Autonomía, organizacións políticas e institucións públicas programan todo tipo de actividades para conmemoraren esta data. Declaracións institucionais da Xunta de Galicia e do Parlamento Galego. Bandos municipais chamando ós veciños e veciñas a celebrar o Día e a colocar a bandeira galega o mesmo 25 de xullo en rúas e balcóns. Conferencias, mitins e xornadas de confraternidade que preceden ou teñen lugar o propio día do Santiago. E por suposto, as manifestacións populares que ese mesmo día percorren as rúas de Compostela.
O Santiago matamouros ao que gababan os xornais doutras épocas por esas datas, dálle paso a outro Santiago ben diferente. Das malleiras da policía e as viaxes aos cuartelillos pasouse á evidencia e a normalidade da democracia que o converteu no que hoxe é unha festa cun significado especial: O Día da Patria.

Ningún comentario:
Publicar un comentario
Os comentarios son libres, só pido sentido.