luns, 25 de xaneiro de 2010

Grazas Manolo


Os que me coñecen saben que militei moitos anos no BNG e seguro que lles resultará chocante este agradecemento ao grupo municipal do PP de Porto do Son, pero é que a verdade non ten máis que un camiño, comezando con que no seu día presuntamente lle propuxeron ao seu líder ir na súa candidatura, cousa da que, sendo militante, endexamais fun informado.

O primeiro encontro que tiven con Manuel Tomé e con Asunción Torres foi con ocasión da remodelación da estrada AC-550 ao seu paso por Cans. Froito disto foi o resalte da beirarrúa fronte ao monolito erixido por subscrición popular e a instalación por parte do Concello dun panel indicador en pedra (iniciativa de Tomé) coa lenda dos feitos e dando nome ás cinco vítimas.

Dende aquí quero manifestarlle o meu agradecemento público por todo iso e pola súa colaboración ao acudir convidado polo meu fillo aos actos oficiais que cada ano veño celebrando na lembranza das vítimas. A pesar  de ser un acto aberto, hai xente á que non lle gusta a súa presenza, pero esa é outra historia.

Foi a raíz de noticias ou artigos que saian na prensa sobre temas comunitarios, cando comecei a visitalo con certa asiduidade, e todo porque os comuneiros non recibiamos dos directivos a información precisa dos acordos co concello. Dicir que sempre fun recibido con suma cordialidade e saía da alcaldía coa información que demandaba e nalgúns casos, con máis da que me agardaba. Máis dunha vez tiven que dar conta deles en entradas anteriores porque os directivos, na teima de politizar a comunidade, non informaban debidamente.

Foron pouco máis de dous anos os que estivo ao fronte do Concello "prestado", como se sabe, porque tanto aquí coma en Muros os edís electos romperon o pacto que lles impuxeron dende Santiago.

Coma veciño só podo falar do que coñezo e vexo. Nebra, a pesares da súa extensión, para os gobernantes do Concello sempre foi unha das parroquias máis esquecidas e non sería por non contribuír co resto, sirvan de exemplos que, onde se pretende instalalo punto limpo, xa fora empregado coma vertedoiro, do mesmo sitio tamén saíran miles de toneladas de pedra para o peirao de Portosín e dende o río Quintáns, bombease a auga a medio Concello.

E de beneficios? Pois, pouco máis ca alumeado público e reparación de camiños, que na maioría dos casos era grazas ao traballo altruísta dos veciños que botaron formigón que o Concello "doaba".

Nestes dous anos non foi que mellorásemos moito, as cousas tamén levan o seu tempo, pero algo ía trocando. Para min, sen lugar a dúbidas, a mellor obra que se fixo ata o de agora foi a construción do patio da escola, grazas á insistencia dunhas abnegadas nais, xa que dende a Comunidade de Montes, cando inda era eu secretario, tamén o demandara, pero non se fixo presión suficiente. Tamén os nenos periodistas de Nebra reclamaban esta obra tan importante para eles.

De contar con esta infraestrutura non xa dende cando eu a reclamaba, se non moito antes, os comuneiros  e comuneiras poderíamos ter celebrado asembleas ao abeiro e non a intemperie con choiva, e pasando frío, pero ata o de agora non houbo a vontade que por fin atoparon esas nais con ese equipo de goberno.

Outro logro foi restauralo cruceiro de Quintáns. Iniciativa iniciada levada a cabo nesta lexislatura por medio do secretario da Asociación Polo Futuro de Nebra (AFUNE) que mantivo varias reunións co ex-edil de Cultura, Carlos Santamaría. Por certo, nun principio non aparecían nin os restos, e a raíz de preguntar e preguntar foise dando co paradoiro.

Esta restauración xa fora reclamada en anteriores lexislaturas por Mariño del Río e dende a miña posición de secretario da comunidade. A solución que propuxera daquela era nin máis nin menos o que se fixo agora: restauralo e reclamalos gastos despois a quen correspondese. A prensa escrita dou conta da nova: os veciños de Nebra volven a contemplar en pe un cruceiro que levaba roto oito años, Alternativa Veciñal aplaude que se reparara o cruceiro de Nebra, cuxo deterioro denunciou.

Xa fora derribado con anterioridade e a súa restauración pagarámola exclusivamente os veciños da parroquia de Quintáns, con críticas iso si, dos políticos, que nin fixeron nin querían deixar facer: a restauración do cruceiro de Nebra suporá un custo de 3.541 euros.

Outras inversións das que teño coñecemento:

  • Conexión do alumeado do Empalme con Cans (facía moitos anos que levabamos percorrendo este tramo da AC-550 a escuras e por riba, unha veciña foi a gran esquecida).
  • Conexión do alumeado da Igrexa co A Perdigueira.
  • Saneamento na aldea de A Igrexa e outras.

Non quero rematar sen falar da anécdota que me comentou unha nai. Querían inauguralo patio polo Nadal, pero como estaba sen instalación eléctrica (sóalles isto?) e as certificacións correspondentes, tiveron que pospoñela. Notase que é máis doado inaugurar que adxudicar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os comentarios son libres, só pido sentido.