«Co tranquilos que viviamos sen que ninguen soubese de nos e ti andaslle enseñando onde vivimos os de fora, sera para que veñan a roubarnolo pouco que temos».Así de rotundo foi este anónimo que deixou este mensaxe na web que teño de Nebra: Libro de visitas.
É difícil razoar con alguén que se agocha no anonimato para dicir todo este tipo de sandeces. Isto só pode dicilo alguén que acaba de descubrir Internet, e non lle vexo ningunha lóxica.
Simplemente dicirlle que Nebra estaba en Internet moito antes de que eu chegase e a dese a coñecer nas miñas páxinas, onde por certo, coma na comunidade, sempre dou a "cara".
Recomendaríalle que visite earth.google.es para que descubra como se pode ver a súa casa dende calquera confín do mundo e de paso, que aproveite para mandarlles outro anónimo ou mellor dito, que de a cara e que pida a retirada desas imaxes ou non se molestaran nin en ler a súa queixa.
Neste caso e outros, ao mellor non lle sabe mal que sexamos vistos polo mundo e o que lle molesta é que isto o faga un veciño por aquilo de que ninguén é profeta na súa terra. Como nada debo e pago relixiosamente a miña cota de conexión, mentres un xuíz non diga o contrario, seguirei mantendo activas tódalas miñas páxinas persoais.
Podería facer un relatorio das noticias boas e malas polas que Nebra saíu en libros, prensa, radio, televisión, pero non vale a pena facerlles perdelo seu tempo e o meu. Simplemente reafirmarme no que digo de Internet na entrevista de Certo.
«Coido que ben usado Galiza pode saír reforzada por esta gran rede».