domingo, 17 de maio de 2009

Lembranzas de festas en Nebra nos anos 40

Como este ano non temos festas, que mellor que sacar a luz dous documentos dos anos 40, de cando as organizaba meu tío Aurelio do Xordo, de Puilla.

O primeiro documento é o permiso do Concello para poder celebrar a festa, outorgado o 22 de maio de 1948.

Daquela as verbenas non teñen nada que ver coas de hoxe en día, remataban as 9 da noite, e agora empezan á medianoite.

Había que levarse ben co señor párroco, ou do contrario, xa non se podía facela no adro ou preto da Igrexa.

Aínda que a recadación da SGAE moita xente poida pensar que é algo novidoso, xa por aqueles tempos pasaban a "minuta".

No segundo documento esta reflectida a factura dos fogos de artificio, asinada o 21 de maio de 1949.

Na relación aparece media ducia de fogos de luciría para tirar pola noite, algo que segundo me comentou meu pai era unha costume moi arraigada antigamente. Grazas a este documento pódese comprobar isto. Meu avó e meu pai, que organizou as festas de San Ramón cando nos trasladamos a vivir a Quintáns, tamén o teñen feito. Igual por iso se entende que cando seguín os seus pasos, me decidise por facer aquelas tiradas de fogos de artificio que competían coas festas do Carme de O Son e de Portosín, e que case 30 anos despois, moita xente aínda me siga falando delas hoxe en día.

Misas de Santa Rita e Cruceiro de Tores

O próximo venres 22 e sábado 23, celebrase a romeira de Santa Rita e o día do Cruceiro de Tores, na advocación de A Virxe dos Milagres.

Por Santa Rita haberá misas rezadas as 9, 10, 11, 12 e 21 horas. Á 13 horas, misa solemne.

O día do Cruceiro, misa rezada as 9 e solemne, as 13 horas.

Lamentablemente non haberá verbenas, xa se sabe, as festas dan moito traballo e hai que andar de porta en porta e ás veces, aínda levas malos pagos.



2 comentarios:

Os comentarios son libres, só pido sentido.