martes, 4 de decembro de 2007

Entre luzco e fuzco

solpor en Nebra

Hoxe saín dar unha volta polo monte e atopeime con esta fantástica conxugación, mágoa que o monte teña un aspecto tan desolador. As poucas arbores que se ven, son só esqueletos no medio da nada. Cruceime cun tractor que estaba desbrozando, pero descoñezo quen ordenou ou aprobou eses traballos, xa que os comuneiros (ou sexa, os propietarios do monte), levamos dende maio sen ser convocados a unha asemblea xeral (a última que se fixo foi na que se me expulsou do meu cargo de secretario).

En La Voz de Galicia, hoxe publicaron unha nova sobre as concentracións parcelarias e nela aparece citada tamén a de Nebra: Medio Rural asegura que dará prioridade no 2008 aos lugares con maior peso do sector primario.

Apañados imos, en Nebra xa non quedan vacas (e chegou a haber sobre 800 cabezas), e as leiras están a barbeito, cando antes gozabamos dunha zona privilexiada para a agricultura.

Chapuzas made in Galiza

Comezo esta bitácora denunciando as "chapuzas" que fixo a Consellería do Medio Rural nos pasos canadenses da miña parroquia.
Estes pasos como saberán, constrúense para evitar que, tanto cabalos coma vacas, accedan a zonas repoboadas, fincas de labranza ou o que é peor, que crucen as pistas ou estradas, co conseguinte perigo de accidentes (de feito, xa causaron diversos). O día que tomei as fotos, podíase ver perfectamente como varios cabalos pastaban fóra da zona delimitada.
Como poden observar tamén, o cemento semella que brilla pola súa ausencia e os ferranchos, amais de estaren moi mal soldados, non estaban o suficientemente inseridos na base.
Nesta zona había outro paso, pero descoñezo porque se anulou, e parece incrible que deixasen eses ferros así ao aire.
O motivo de facer esta denuncia é que, se causan un accidente a persoas ou vehículos, alguén terá que facerse cargo dos danos e prexuízos causados, e a dúbida que lanzo é, quen será o responsable civil subsidiario? A Xunta de Galicia, que foi quen o fixo, ou a Comunidade de Montes, que é a propietaria do monte e que, aparte de recepcionalos, supoño que tivo que dar o visto e prace. A chapuza dende logo non ten nome.
Máis nada, agardo que me acollan nos seus marcadores, e seguirei falando de cousas do meu bonito pobo, Nebra, máis adiante.