sábado, 22 de febreiro de 2014

76 cabodano do triplo crime na aldea de Marselle


Ollando na Televisión de Galicia un programa dedicado ás Minas de San Fins, lembreime desta parte da Memoria Histórica de Lousame polo que tirando da hemeroteca, recupero este artigo de Xerardo Agrafoxo, publicado en La Voz de Galicia o 31 de outubro de 2008.
Aldea de Marselle-Lousame
Tres veciños de Lousame foron abatidos pola Garda Civil. Todo sucedeu no curto espazo de tempo. O escenario foi unha pequena aldea de Lousame: Marselle. Os protagonistas involuntarios da dramática historia foron: Pefecto Félix Vilas Romero, María Xosefa Becerra Laíño e Antonio Vilas Romero. O causante da abráiante traxedia, onde por primeira executabase unha muller na comarca, sería o comando da Garda Civil destacado nas minas de San Finx.

O primeiro asasinato tivo lugar nas primeiras horas da mañá do día 23 de febreiro do ano 1938. Era unha xornada fría e estraña. Naquel amencer invernal, un mineiro de 35 anos, Perfecto Vilas Romero, atopábase acubillado na casa dunha veciña. As causas que o levaran a entobarse foran dúas: negárase a que o alistaran coas tropas rebeldes e participara no intento de sufocar a rebelión militar que agromara sete meses antes nuns cuarteis do protectorado de Marrocos.

Naquel fatídico día, un comando da Garda Civil dirixido polo cabo Xosé Ríos, logo de recibir un chivatazo, achegouse con pasos apresurados ata á aldea de Marselle, empoleirada sobre o val onde se atopaban as explotacións de volframio. Despois de arrodearen a casa da veciña María Xosefa Becerra Laíño, conseguiron que Perfecto fuxira a través do alpendre coa intención de perderse nunha fraga próxima. A pesar de que o cabo da benemérita deulle a orde de deterse, Perfecto continuou o seu afoutado intento de fuxida. Partira sen mirar para atrás nin atender os rogos do tricorne. Uns metros máis adiante, as balas homicidas abatérono con varios disparos que lle deron de cheo nas costas.

Tirado no chan

Malia o arrepío que sementou nos veciños e familiares a presenza do cadáver do mineiro tirado no chan, o comando da Garda Civil impediu que o trasladasen á súa casa, situada a uns escasos metros. Só conseguiron cubrilo co cisco que caera dos piñeiros e follato de millo. Alí o velaron toda a noite. Entres os presentes estaba María Pepa Becerra, de 48 anos de idade, que lle dera acubillo a noite anterior, e Antonio Vilas Romero, irmán do finado e que só contaba con 18 anos.

Sobre as seis da mañá do día seguinte, seis garda civís acompañados do cabo Ríos Peiteado, achegáronse de novo á aldea. Rosa Moure Becerra, a filla de Mari Pepa, contounos o que sucedeu naquel estarrecedor instante: «Viñeron moi cedo. Eran varios e rodearon a casa. Era moi de mañá e levaron ao mesmo tempo a Antonio e a miña nai. A Antonio dixéronlle que lles ensinara o camiño de Lousame e xa non volveu á casa. Matárono alí mesmo. A miña nai viñérona buscar á casa. Dixéronlle que lles mostrase o camiño de Vilar de Reconco. Tampouco volveu á casa».

A Mari Pepa executárona na Cruz de Marselle. Encontrouna varias horas despois a súa filla Rosa. Pegáronlle varios tiros no corpo e presentaba as roupas ensanguentadas. A Antonio atopárono no camiño que levaba dende a aldea ata o cemiterio de Seoane. Pegáranlle dous tiros no lado dereita da cabeza, e, pola esquerda, os estragos eran moi grandes.

Enterramentos

Producidos os asasinatos, os corpos permaneceron espallados nos lugares nos que os executaran. Con toda rapidez ordenouse o seu enterramento. Pola necesidade das autoridades de facer desaparecer canto antes os corpos, houbo que improvisar o seu levantamento e inhumación.

Avisados con toda celeridade, na igrexa parroquial de Santa Eulalia de Vilacoba, déronse as ordes precisas para abrir a cova que acollería os tres veciños abatidos. Na aldea improvisaron unhas escadas para trasladar os mortos.

Un silencio amordazado presidiría o séquito. Poucas persoas acompañaban aos portadores das escadas que tiveron que facer varias paradas. Os corpos balanceábanse, os brazos caían colgándose ata o chan e os tres despedían fume das roupas cubertas de sangue. O medo era atroz e os dous enterradores, que xa fixeran outras tarefas semellantes, realizaron o seu labor sen preguntar nada.

O plan trazado por Ríos completouse cunha arrepiante eficacia. O seu corpo pesado e a súa mirada desafiante seguiu a provocar ameazas polo val de San Finx. Nas súas posteriores accións non deixaría latexar ningún asomo de mágoa pola maneira que tivo de rebentar os corpos dos tres veciños de Lousame. Aínda que xa pasaron setenta e seis anos daqueles tristes sucesos, Marselle converteuse na «aldea do crime».

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os comentarios son libres, só pido sentido.