martes, 4 de decembro de 2012

Santo André de Cures

Santo André de Cures é unha parroquia que se localiza no norte do concello de Boiro na comarca do Barbanza. Por vínculos familiares e porque alí repousan os restos de meus avós maternos, considéroa a miña segunda parroquia.

A súa festividade tráeme malas lembranzas. A primeira é que estando a celebrala na Graña, rompín un brazo ao tirarme un cabalo. Mais peor foi que xusto o día do santo, faleceu meu avó materno, un home moi forte até ese momento, pero que non foi quen de superala perda da súa dona uns meses antes.

Pasaron trinta e seis anos, tantos como levaba sen acudir á festa a Cures. Mais debo dicir que dende a Graña, se a memoria non me falla, baixaría só unha sola vez. Primeiramente por culpa do camiño e segundo, porque xeralmente arriba, no cuberto da familia do Borraxeiro de Balteiro, armábase a festa coa música de acordeóns e gaitas, iso si, baixo a luz de candís de carburo ou aceite.

Neste caso non tanto, pero a verdade é que tamén levaban uns anos que non tiñan actividades lúdicas na honra ao seu patrón, salvo os actos relixiosos.


O seu templo parroquial, é froito de continuas reformas executadas ao longo da súa historia. O templo primitivo foi erixido e consagrado en tempos do Románico, estilo do que se conservan certas trazas no nos batentes da súa porta, concretamente restos dunha das súas xambas dun case desaparecido arco de media punta. Noutro relevo primitivo que incrustaron na fachada do mesmo século vese un brazo cunha man cos tres cravos da crucifixión, e tres puntas de lanza.


En 1955, abríronse os seus cimentos e descubriuse unha serie de tumbas cubertas de barro, posiblemente suevas.

O templo está rodeado polo atrio con varias cruces, seguramente un viacrucis, e ao fondo, está o vello cemiterio, con outra cruz na súa porta procedente dun cruceiro do século XVII, e varias de ferro forxado, xa comestas polo oxido.


Tamén conserva dúas pilas bautismais románicas que foron achadas na horta da reitoral.

A torre do campanario, engadida ao edificio, ten unha inscrición no seu lintel que sinala que se fixo en 1745, sendo reitor D. Bernardo Losada.


Un suceso ocorrido no ano 1970 cambiaría drasticamente o seu aspecto até fai uns anos. O impacto dun raio provocou a caída da parte superior na que se atopaban as campás, sendo reconstruída incomprensiblemente con formigón. Emendar os erros do progreso


Quen foi Santo André (San Andrés, en castelán)?

Cures-Boiro







Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os comentarios son libres, só pido sentido.