xoves, 30 de abril de 2009

Os maios

Dende tempos ancestrais, para que as meigas non entren nos fogares, na véspera do primeiro de maio e antes de que se poña o sol, hai que colocar os maios na porta da casa, nas cortes, no carro das vacas, etc. Desta maneira impídeselles que entren. O maio é a flor da xesta.

Antigamente a esta planta dábaselle un uso moi peculiar nesta zona do Barbanza. No monte collíase un pequeno feixe, atábase firmemente, recortábanselle as puntas e con el varríase a s cinzas do forno de pedra cando se cocían as empanadas, a boroa (pan de millo), pan de trigo e centeo ou cando había festas na Parroquia, as roscas, tamén se varría a borralla da lareira.

Se se lle engadía unha vara, usábase como vasoira na casa. En Nebra e na Graña, chamabámoslle xesta. Trae a xesta para varrelo chan!!! Estas foron "xubiladas" polas de palma.

Por descontado que eran moito máis ecolóxica que as xestas, vasoiras ou escobas de hoxe en día, na súa maioría de plástico. As outras cando lle quedaban poucas ramas, tirábanse ao lume e collíase outro fardo no monte ou comprábase no ultramarinos.


Xeitos de poñelos maios na casa, no alpendre ou no garaxe.

Os maios tamén é unha celebración que se fai en moitas zonas de Galiza. Festéxase a despedida do inverno, a floración das plantas e a aparición dos primeiros froitos; a data de celebración vai desde abril ata mediados de maio.

En Nebra había moita tradición, aínda que o ano pasado algúns criticaron os que se fixeron lembrando esa vella tradición. Lembro aínda perfectamente hoxe, como as rapazas de Resúa os facían e despois percorrían a aldea na busca dunha esmola ou agarimo. Estou a falar dos anos 63 ao 66, despois vinme para Quintáns e xa non había tanta rapazada.

Non me lembro moi ben como eran, pero si que levaban moitas flores, con el nunha especie de anda ían de porta en porta cantando coplas.

Maios do ano pasado feitos por AFUNE (Asociación polo Futuro de Nebra).

Coplas do maio en Nebra

Aquí vai o maio
Feito de oliveira
Nós os de Nebra
Plantamos bandeira

Aquí vai o maio
Por riba das viñas
Aquí vai o maio
Ciscando sardiñas

Aquí vai o maio
Cargado de flores
Aquí veñen os mozos
Que os traen mellores

Santa Cruz de maio
Víndenos buscar
Que aí veñen os mozos
Para nos levar

Angelitos somos
Del cielo venimos
La bolsa traemos
Dinero pedimos

Señora que esta sentanda
Sentada en un sillón
Eche la mano al bolsillo
Saque usted un patacón

Dios se lo pague señora
Su casa viva cien años
Por ser la primera cosa
Que recibo de sus manos

A señora desta casa
Moi ben lle queda a chaqueta
Aínda mellor lle quedaba
Se nos dera unha peseta

Mes de maio mes de maio
Tempo da primavera
Cando os quintos se marchan
Todos xuntos á guerra
Todos xuntos á guerra
Uns cantan outros choran
Outros levan moita pena
Aquel que vai no medio
É o que máis pena leva

Pregúntalle o capitán
Porque traes tanta pena
Se é por nai ou por pai
Ou por xente da súa terra
Ou por xente da súa terra

Nin é por pai nin é por nai
Nin é por xente da miña terra
É por unha moreniña
Palabra de amor lle dera
Palabra de amor lle dera

A moreniña son eu
Que estou pensando por ti
Polo bicos que me diches
Estou morrendo por ti
Estou morrendo por ti

Non teñas pena morena
Non teñas maldita pena
A pena dun amor vello
Outro máis novo a quita
Outro máis novo a quita

Algunhas coplas lembroumas meu pai e outras foron extraidas do libro: Nebra, un lugar por descubrir.

Grazas aos amigos de Certo, deixo este enlace dun veciño de Boiro que viña as festas de Nebra, onde aporta moita máis información sobre os maios que a min se me escapou.

http://25aniversarioiespraiabarrana.blogspot.com/2009/04/o-maio-ramon-laino.html

1 comentario:

  1. http://25aniversarioiespraiabarrana.blogspot.com/2009/04/o-maio-ramon-laino.html

    para completar...

    saúdos!

    ResponderEliminar

Os comentarios son libres, só pido sentido.