domingo, 29 de marzo de 2009

Valoracións dun pleno

Despois de varios anos sen facelo volvín a presenciar un pleno en directo. A verdade é que me causou unha estraña sensación de perda de tempo.

De primeiro decateime que non había cámaras de TV, algo que se prohibira na anterior lexislatura cando gravaba os plenos o desaparecido Canal Tambre, pero coidaba que agora si se gravaban. Por outra parte, a oposición queixase porque tampouco se gravan en cinta.

Non sei cales son as causas reais para que non se graven, pero o que si me decatei é que apenas houbo queixas na redacción dos borradores das actas. Todo o contrario de cando se gravaban que había moitas máis queixas.

Isto lémbrame que sendo secretario na comunidade avoguei por gravalas asembleas, para que os comuneiros fosen conscientes de que as actas ían ser un fiel reflexo do debate, pero os ex-compañeiros deixáronme só cando unha comuneira se queixou e agora nin os gravan.

Xa se sabe que cando un está en política ten a boca demasiado solta, pero creo que nun salón de plenos se deberían gardar un pouco as formas e evitar no posible, entrar ao insulto e a descualificación persoal.

Do mesmo xeito que cando se fan acusacións, hai que ir ben documentado e non caer no de sempre "dixéronme, escoitase" ou pensar, e matizar ben, o que se vai falar. Isto pasou en varios momentos do pleno con ocasión do tema sobre o suposto boicot dende o Concello a unha reunión de Tamaria, que se permita o uso irregular do piano da Casa de Cultura de Portosín ou o tema do soldo do alcalde.

Nos dous supostos anteriores de ser verdade, enténdoos en boa medida, pero coido que tamén é necesario presentar esas probas ou argumentos validos.

No primeiro caso as probas serian levar a aquela xente á que presuntamente se comunicou a cancelación da reunión. Acusar é moi doado e sei perfectamente do que falo porque o vivín en carnes propias.

No segundo caso outro tanto, se é certo que alguén fai un uso irregular do piano, pódese comprobar achegándose á Casa da Cultura para comprobalo.

No terceiro caso non sei que aportaba ao pleno ou aos presentes, que o alcalde tivese que desmentir que non lle dixera a ninguén que só cobraba 1000 €. Non sei o que cobra, pero toda a corporación sábeo perfectamente e por iso non entendo o debate estéril que xerou esa pregunta. A miña dubida é se lle farían a pregunta, se dixese que gañaba moito máis.

Tampouco se entende as alusións ao troco de goberno na Xunta de Galicia, sen vir a conto por parte dun grupo da oposición.

O concelleiro de Alternativa Veciñal presentou unha moción para que se conectase a auga municipal aos veciños da aldea de Mantoño e retirou o apartado onde pedía que tamén se lles conectase o saneamento, porque o seu problema é a comunicación dos pozos negros cos de beber. Isto lémbrame a facilidade coa que se dotou de auga a segundas vivendas no rural, especialmente as construídas por inmobiliarias e se deixa sen conexión as "nosas" ou de primeira e única vivenda.

Outra cousa que me estraña e que algúns concelleiros apenas abren a boca, e nin tan sequera levan unha pequena petición da súa parroquia. Non quero imaxinarme que non teñan ningunha falla.

Nebra sempre aportou concelleiros en todas as lexislaturas e nesta senta dous na oposición, pero tampouco fixeron ningún rogo ou pregunta sobre asuntos parroquiais. Tampouco teremos ningunha eiva?

Para o próximo pleno haberá que tomar algúns apuntes para ser un pouco máis preciso nas miñas valoracións.

O que recolle a prensa do pleno:

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os comentarios son libres, só pido sentido.