xoves, 22 de marzo de 2018

Rebeldía Galega

O pasado luns, 12 de marzo, asistín na compaña do primoxénito, á presentación do primeiro monográfico do selo «De Nós» editado por Sermos Galiza, que trata sobre as revoltas galegas contra a inxustiza de principios do século XX. Os Mártires de Nebra ou Cans están presentes no volume, e non podiamos deixar pasar o convite. Na sala ateigada puidéronse escoitar as verbas de Eliseo Fernández, autor da parte correspondente ao capítulo de Nebra, e Francisco Rodríguez, quen se encargou do capítulo de Trasancos, no mesmo lugar, Ferrol, onde ocorreu a revolta popular de marzo do 1918.

Pensando que esta era unha desas ocasión que se a perdes, non tes oportunidade de volver saber de propia voz do autor, o seu relato dos sucesos, solicitámoslles que viñesen ata Nebra facer a presentación do monográfico. Xa nos contaron que entraba nos plans da editorial facelo, mais aínda non tiñan o tema pechado nin comezaran coa rolda de solicitudes nalgún dos lugares que se citan no volume. Pero temos a certeza de que poderemos contar coa presentación no Local Veciñal de Nebra (ou, en todo caso, na Casa de Cultura do Son, por ampliar o abano de asistentes).

Aproveitando o remate da charla, pasouse á sinatura de exemplares, e aí pousei o meu na mesa agardando pola sinatura dos conferenciantes, mentres nos comentabamos o tema de Cans, sorprendéndose da asistencia de tan lonxe, pero como lle dicía, «os actos culturais nútrense de xente que asista e non de gústame no facebook». Despois da pequena conversa, escribiume no libro Francisco (polo que sempre dei a cara para que representase a Galicia no Parlamento español), que son un bo galego e un bo home.

O certo é que a miña actividade en defensa do xusto xeroume críticas na parroquia, na Comunidade e na política. Seguimos conversando que o que me levou a lembrar ás 5 vítimas de Cans aquel fatídico 12 de outubro de 1916, era que para min foron un exemplo de valentía e defensa do seu ante os caciques. Son cousas que sendo eu máis mozo non vía que servisen de exemplo aos veciños comuneiros que se deixaban manipular por nefastos xestores, aproveitándose da súa ignorancia e analfabetismo, e enchían os petos sen dar contas. Iso era todo o que sempre denunciei e por máis que tentei expoñerllo á xente, non entendían que seriamos cómplices se algún día a Xustiza actuaba.

Hoxe, lonxe daqueles días non tan distantes, calquera pode comprobar a documentación da Comunidade, que a nova directiva pon á vista de quen o desexe, sen nada que agochar. Se ninguén ousa mirala é porque non se atreven a descubrila verdade, por non darme a razón e iso que lamentablemene eses presuntos delitos xa prescribiron ao igual que prescribe un asasinato aos 20 anos en España, non así nalgúns outros paises: «Spain is different!»

1 comentario:

  1. Las tiras a dar y a tus excolegas no les va a gustar, sobre todo a tu vecino que te llamó retrogrado.

    ResponderEliminar

Os comentarios son libres, só pido sentido.