domingo, 19 de febreiro de 2012

Lembrando a Rosalía de Castro (175 aniversario)

Rosalía de Castro

María Rosalía Rita de Castro naceu o 24 de febreiro nunha casa do Camiño Novo, nun arrabalde de Santiago de Compostela. Filla de María Teresa de la Cruz de Castro y Abadía (1804-1862) fidalga vida a menos, e do cura José Martínez Viojo (1798-1871).

Casa natal de Rosalía

Bautizada o mesmo día na capela do Grande Hospital Real (hoxe Hostal dos Reis Católicos). Actúa de madriña María Francisca Martínez, criada da nai.

O presbítero consigna na partida:
En veinte y cuatro de febrero de mil ochocientos treinta y siete, María Francisca Martínez, vecina de San Juan del Campo, fue madrina de una niña que bauticé solemnemente y puse los santos óleos, llamándole MARÍA ROSALÍA RITA, hija de padres incógnitos, cuya niña llevó la madrina, y va sin número por no haber pasado a la Inclusa; y para que así conste, lo firmo.

José Vicente Varela y Montero
Ao nacer, é a familia do pai a que se fai cargo dela. Estivo coidada por dúas tías. A pesar da súa condición de cura, o pai non a abandona e encárgase da súa educación. Trasládase logo a Padrón coa súa tía Teresa onde a súa nai, Teresa de Castro, asume o seu papel de nai e ocúpase de Rosalía. Viviron en Padrón e posteriormente trasladáronse a Santiago. Alí frecuentaba as aulas da Sociedade Económica de Amigos do País e participaba asiduamente nas festas do Liceo da Mocidade, que estaba no antigo convento de San Agustín.

Ao Liceo acudían figuras da mocidade intelectual santiaguesa daquel momento, entre os que se atopaban Murguía, Aurelio Aguirre e Pondal. Fíxose amiga dunha irmá de Pondal, Eduarda, coa que foi á romaría da Virxe da Barca, pois ambas estaban enfermas de tifus. Rosalía curou pero Eduarda morreu a consecuencia desa enfermidade. En 1856 Rosalía trasládase a Madrid, onde vive na casa dunha curmá da súa nai.

En 1857 coñece a Manuel Murguía despois de que este fixese unha crítica do seu primeiro libro de poemas A Flor. casan no ano 1858 e trasladan o seu domicilio a Santiago de Compostela.

Ao ano seguinte teñen á súa primeira filla, Alejandra. Logo viviron en distintos lugares segundo as actividades de Murguía: A Coruña, Madrid, Simancas, onde parece ser que Rosalía escribiu a maior parte dos poemas de Follas Novas.

Viaxaron por Estremadura, Alacante e estiveron tamén algún tempo en Lugo. Pero os lugares onde habitaron preferentemente foron A Coruña, Santiago e Padrón, onde morreu na súa casa da Matanza o 15 de xullo de 1885.

Foi enterrada no cemiterio de Adina, ao que ela cantara en versos de Follas Novas. En 1891 os seus restos foron trasladados á Igrexa de Santo Domingo de Bonaval en Santiago de Compostela.

Recordamos os seus últimos momentos a través do relato de González Besada:

«...recibiu con fervor os Santos Sacramentos, recitando en voz baixa as súas oracións predilectas. Encargou aos seus fillos que queimasen os traballos literarios que, reunidos e ordenados por ela mesma, deixaba sen publicar, dispuxo que a soterrasen no cemiterio de Adina, e pediu un ramo de pensamentos, a flor da súa predilección, non ben achegouno aos beizos sufriu un afogo que foi o comezo da súa agonía. Delirante, e nubrada a vista, dixo á súa filla Alexandra: -Abre esa xanela, que quero ver o mar-, e pechando os ollos para sempre, expirou...».

Desde Padrón, non pode verse o mar. Impresionan esas últimas verbas dunha persoa para quen o mar foi una perenne tentación de suicidio. Recordemos un dos seus versos:
Co seu xordo e costante mormorio
atráime o oleaxen dese mar bravío,
cal atrái das serenas o cantar.
«Neste meu leito misterioso e frio
-dime-, ven brandamente a descansar».
El namorado está de min... ¡o deño!
i eu namorada del.
Pois saldremos co empeño,
que si el me chama sin parar, eu teño
unhas ansias mortáis de apousar nel.
Rosalía é unha das meirandes escritoras en lingua galega. A súa obra cambiou o panorama das nosas letras tras un paréntese escrito de varios centos de anos, conseguindo unha recuperación do idioma galego e sentalas bases para o posterior resurximento dun nacionalismo romántico.

As súas obras máis importantes son Cantares Gallegos (1863), obra que narra a historia do pobo galego, e Follas Novas (1880), o seu último poemario cheo de filosofía persoal. En castelán habería que destacar En las orillas del Sar (1884). A súa última publicación foi Un Conto Galego, que se editou de maneira póstuma no ano 1923.

A súa influencia é considerada de gran calado e a data de publicación de Cantares Gallegos foi elixida para converter o 17 de maio, como o Día das Letras Galegas.

Para rematar esta pequena lembranza e homenaxe á Nosa Poetisa, a escolla destes vídeos coa voz maxistral Luz Casal, acompañada por Carlos Nuñez, non é nada casual, porque Negra Sombra é o que se aveciña sobre o idioma galego. Cento setenta e cinco anos despois, xurde un novo paréntese...?

Negra Sombra converteuse nunha das máis emblemáticas cancións da música galega, porque o músico, Xoán Montés Capón (Lugo 1840-1899) uniu estas letras cun alalá recollido na Cruz do Incio. Foi presentado por primeira vez no Gran Teatro da Habana no ano 1892.

Considérase un dos cantos máis fermosos e elementais de Galicia, e as súas letras fúndense co trazo melódico de modo que xa non se conciben separadamente.

Máis información
Rosalía de Castro
Wikipedia en galego
Wikipedia en castelán
Wikipedia en inglés
Rosalía de Castro

Rosalía de Castro - Escolma Poética - Cantares Gallegos


O próximo venres, día 24, cúmprese o 175 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro. Con motivo de dita efeméride ao longo de esta semana o blogue estará dedicado integramente á súa figura e obra, aproveitando esta gran ferramenta que é Internet para poder documentarme.

Hoxe, con dúas entradas simultáneas, toca facerse eco de parte da súa vida e de Cantares Gallegos, cualificada como a súa obra mestre, que durante o resto da semana irei debullando.

Prólogo do libro a cargo da autora

Dedicatoria que lle fai a Fernán Caballero

Señora:

Por ser mujer y autora de unas novelas hacia las cuales siento la más profunda simpatía, dedico a usted este pequeño libro. Sirva él para demostrar a la autora de La Gaviota y de Clemencia el grande aprecio que le profeso, entre otras cosas, por haberse apartado algún tanto, en las cortas páginas en que se ocupó de Galicia, delas vulgares preocupaciones con que se pretende manchar mi país.

Santiago, 17 de mayo de 1863


Rosalía de Castro de Murguía


Cantares Gallegos

Composición.

O libro esta enmarcado entre os poemas 1 e 36, que son prólogo e epílogo. Rosalía ponos en boca dunha alegre rapariga campesiña que é solicitada para que cante a Galicia en lingua galega, e ao final escúsanse modestamente pola falta de graza da súa canción. Rosalía cede a palabra a esta rapariga cantora cédea á súa vez a distintos tipos populares dos que se poden distinguir hasta 3 eus superpostos: o eu do personaxe que fale, o da rapariga cantora e o eu de Rosalía.

O tema amoroso pode desenvolverse mediante o dialogo do galán e a nena, e así ocorre nos poemas 4, 26 e 27. Tamén son diálogos, pero non de amor os números 3 e 5. Hai un grupo de poemas de costumes, fumes e sátira que a veces son claramente monologados, e outras poden ser considerados como expresión directa da autora ou da súa pálida intermediaria. Fórmanse este grupo cos números, 6, 7, 8, 13, 16, 20, 21, 24, 30, 32 e 34. Importancia capital para a significación do libro ten uns poemas de carácter social, números, 15, 17, 18, 28 e 29 postos en boca de diversos personaxes distintos de Rosalía, excepto o 28 onde Rosalía responde sen disfrace algún a Ruiz Aguilera. A "Alborada", 35, único poema que non se apoia en letra algunha, resulta por iso estraño á economía de cantares. Non supón ningún eu ficticio como soporte vocal. Parece non estar rexido por ningunha razón estrutural.

Métrica.

Nos cantares achasen manifestacións de dous sistemas métricos distintos: o puramente rítmico, baseado na acentuación e o fundado no conto das sílabas. Pertencen en principio ao primeiro as composicións números, 1, 27, 30, 32, que utilizan o verso chamado de muiñeira. Dentro do sistema de sílabas contadas dominan as formas populares de arte menor: romances de versos de 8, 7, 6 e 5 sílabas; cantar popular; triadas e seguidillas.

Lingua.

A lingua galega había deixado de ser unha lingua literaria e reduciuse ao uso oral. Nos documentos oficiais tamén había ido deixando de empregarse, non por imposición do castelán como lingua oficial, senón como consecuencia da invasión do país pola nobreza forasteira. Coa intervención da potestade real para pór fin ás loitas feudais, acentúase a presenza en Galicia de autoridades e escribáns casteláns. O idioma que tiñan á súa disposición os iniciadores do Renacemento romántico era unha lingua dialectal empobrecida. Nesa lingua, escribiu Rosalía é unha lingua viva pero non pura, influída polo castelán.

Intención.

Cantares galegos non foron escritos cunha finalidade puramente estética nin sequera son produto dunha mera actitude sentimental ou nostalxia ante o país nativo. A intención que persegue a autora é a apoloxía da súa terra e da súa lingua. Proponse demostrar, que a paisaxe e os costumes de Galicia son encantadores e que o seu idioma non é o que groseiramente parodian.

Critica.

A crítica, española e estranxeira, aceptou unanimemente Cantares Gallegos como unha obra mestra. As reservas que en determinados momentos suscitaron Follas novas e Nas beiras do Sar, ou o esquecemento en que foron envolvidas as novelas da nosa escritora non alcanzaron nunca esta obra.

Se os cantares adquiriron enseguida, e mantiveron sempre a súa posición de libro clásico dentro da literatura galega, non é menos certo que a evolución das ideas literarias acabou por investir, a orde de valoración das obras de Rosalía, colocando a súa lírica subxectiva nun plano de interese máis elevado e afastando cantares da atención crítica. Cantares incubase no clima do realismo nacente, aínda non desprendido dun certo realismo romántico. Este clima persistiu na literatura galega até o final da primeira guerra mundial. Rosalía proxectaba os seus cantares galegos como o reflexo poetizo da súa terra. O libro presenta con gran riqueza a vida aldeá, que Rosalía coñecía moi ben. Cantares non son fundamentalmente lírica senón máis ben épica, unha epopea popular de ambiente, con heroes populares individuais que reflicten diversas facetas do heroe que é a Galicia campesiña. Trátase dunha épica democrática, da que esta proscrita a clase señorial.