martes, 13 de xullo de 2010

San Bieito de Seráns

Un ano máis e como cada once de xullo, centos de romeiros e romeiras achegámonos a San Bieito de Seráns, en San Pedro de Muro, para cumprilas promesas ao santo e lavalas verrugas na fonte a carón da capela ou en aceite, e deixalo pano colgado nos muros. Outros aproveitan para pasar un día de lecer nas inmediacións.

En Galicia San Bieito é moi venerado e a este de Seráns, acode moita xente de tódolos concellos da redonda. As promesas poden consistir en escoitar unha misa, xeralmente acompañada dun donativo, acenderlle cirios, levar velas, xeralmente unha grande se a promesa e dun maior, e pequena, se é por un pequerrecho. Outras promesas son levar ovos, ou galos e galiñas para poxar polos asistentes, aínda que este ano tamén lle ofreceron unha ovella.

Sempre que é ano Xacobeo, cae en domingo, polo que este tamén coincidiu coa romaría de As Pardiñas en Miñortos e co Curro de As Canizadas, na Pobra do Caramiñal, o que fixo que moita xente só acudise só a misa e non quedase a comer na zona coma outros anos.

A súa vida e historia:

San Bieito Abad (Nursia, 480 – Montecasino, 21 de marzo de 547), é considerado o iniciador da vida monástica en Occidente, fundou a orden dos beneditinos. O seu fin era establecer mosteiros autosuficientes, ou sexa, que se autoabasteceran, estes comunmente estaban organizados en torno á igrexa de planta basilical e ao claustro; é considerado patrón de Europa e patriarca do monacato occidental. Bieito escribiu unha regra para os seus monxes que foi chamada "A Santa Regra" e que foi a inspiración para os regulamentos de moitas outras comunidades relixiosas.
San Bieito de Seráns

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os comentarios son libres, só pido sentido.