Amosando publicacións coa etiqueta Seráns. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Seráns. Amosar todas as publicacións

mércores, 13 de xullo de 2016

Romaría de San Bieito de Seráns 2016

Un ano máis aproveitando a imposibilidade de non poder traballar, aproveitei para achegarme de novo a esta romaría que grazas á zona prestase moito para que se xunten as familias, aínda que agora trocou un pouco a tradición, xa que a maioría logo de escoitala misa e cumprilas súas promesas, marcha, aínda que este ano como había un posto onde servían polbo á feira ou churrasco, recuperaron forzas para subila costa que hai a partir da capela. Aínda que hai quen aproveita para achegarse por Novás, como fixen este ano.

Desde o Concello organizouse unha camiñada, á que parece que se apuntou bastante xente co alcalde e varios edís ao fronte.

A Misa Solemne celebrada á 1 do mediodía, foi oficiada por Don Carlos Julio Cárdenas, natural de Colombia, que leva as parroquias de Aguiño e Oleiros.

Por desgraza a pesar da presenza de varios Gardas Civís, os carteiristas amargáronlle o día de festa e recollemento a algunha xente.

A máis que centenaria Banda de Música de Caamaño, encargouse de animala mañá e tamén o serán até a misa das 9.

Como é xa tradición os actos da mañá rematan coa tradicional poxa de galos que nesta ocasión foron seis e dúas quicas, sendo a poxa máis alta de 65 €, que polo que me pareceu non foi polo mellor exemplar, se non porque foi o derradeiro.







mércores, 9 de xullo de 2014

Romaría de San Bieito

A romaría estará amenizada pola Banda de Música de Caamaño, con Francisco Olveira Santos, o seu Director, ao fronte. Que tamén será o mestre de cerimonia da poxa dos animais ofrecidos ao Santo.

xoves, 11 de xullo de 2013

San Bieito de Seráns 2013

Imaxes do que dou de si o San Bieito deste ano, que contou unha vez máis coa Banda de Música de Caamaño, para animalos romeiros e romeiras entre misa e misa.

Pese a coincidir no medio da semana, houbo moi bo ambiente, aínda que apenas había xente comendo de campo, como cando coincide na fin de semana.

Ao remate da Misa Solemne celebrouse a tradicional poxa de animais, mais neste ocasión só se ofreceron sobre unha ducia de galos. As poxas máis altas chegaron aos 30 € e a máis baixa non pasou dos 10.

A Verbena neste intre a está amenizada pola Orquestra Panorama a carón da Casa de Cultura.




xoves, 12 de xullo de 2012

San Bieito de Lonxe 2012


Así é como se coñece tamén a San Bieito de Seráns, que se venera na capela que leva o seu nome nunha paisaxe singular. Magoa dos eucaliptos que o estragan.

A San Bieito atribuísenlle poderes milagrosos, sendo especialista na eliminación de verrugas, amén de outros males da pel.

Este ano por problemas de "axenda" non puiden acudir aos actos principais que se desenrolan pola mañá, pero si o fixen polo serán, para levar por primeira vez ao meu afillado, ofrecido por súa madriña.

Os romeiros logo de escoitala misa, "pagan" a súa promesa, ben sexa con diñeiro, cera, ovos ou animais, principalmente palmipedos. Aínda que xa teño visto ovinos que logo se poxan. Outros despois de escoitala misa baixan á fonte a lavala pel coa súa auga, secarse con panos, hoxe en día de papel e deixalos colgados no entorno. Outros prefiren facelo co aceite bendicido que lles ofrecen, e tamén deixan os panos colgado ao sol, neste caso a carón da capela.

Descoñezo a xente que acudiu pola mañá, pero ollando a que había ás sete do serán, no que o inmenso campo que rodea a capela estaba a rebentar, pódome dar unha idea. Así mentres uns aínda despachaban a merenda, outros dedicábanse a escoitala misa, e ao seu remate, á banda de Caamaño, dirixida maxistralmente polo señor Francisco, o seu director e mestre.


Miren se debeu haber romeiros, a pesar de ser entre semana, que os chiringuitos quedaron sen auga e dubido que fosen malos previsores. Aínda que non sexan devotos, solo por admiralas vistas dende tan privilexiado entorno, sobre todo achegándose á capela polo monte Tahume, val a pena ir. Magoa que as fotos do móbil distorsionen tanta beleza, pero estes días non estou para andar coa cámara.

Centenares de fieis acudiron ao longo da xornada de hoxe (onte) ata San Pedro de Muro para cumprir coa tradición ligada á festividade de San Bieito. Houbo misas durante toda a mañá, aínda que a máis concorrida foi a solemne, á unha da tarde. Ao acabar, saíuse en procesión e tivo lugar a esperada poxa de galos. Os devotos cumpriron tamén cos ritos habituais, como a de limparse con panos empapados en aceite zonas da pel que desexan que sexan curadas.

Fonte orixinal: La Voz de Galicia

martes, 13 de xullo de 2010

San Bieito de Seráns

Un ano máis e como cada once de xullo, centos de romeiros e romeiras achegámonos a San Bieito de Seráns, en San Pedro de Muro, para cumprilas promesas ao santo e lavalas verrugas na fonte a carón da capela ou en aceite, e deixalo pano colgado nos muros. Outros aproveitan para pasar un día de lecer nas inmediacións.

En Galicia San Bieito é moi venerado e a este de Seráns, acode moita xente de tódolos concellos da redonda. As promesas poden consistir en escoitar unha misa, xeralmente acompañada dun donativo, acenderlle cirios, levar velas, xeralmente unha grande se a promesa e dun maior, e pequena, se é por un pequerrecho. Outras promesas son levar ovos, ou galos e galiñas para poxar polos asistentes, aínda que este ano tamén lle ofreceron unha ovella.

Sempre que é ano Xacobeo, cae en domingo, polo que este tamén coincidiu coa romaría de As Pardiñas en Miñortos e co Curro de As Canizadas, na Pobra do Caramiñal, o que fixo que moita xente só acudise só a misa e non quedase a comer na zona coma outros anos.

A súa vida e historia:

San Bieito Abad (Nursia, 480 – Montecasino, 21 de marzo de 547), é considerado o iniciador da vida monástica en Occidente, fundou a orden dos beneditinos. O seu fin era establecer mosteiros autosuficientes, ou sexa, que se autoabasteceran, estes comunmente estaban organizados en torno á igrexa de planta basilical e ao claustro; é considerado patrón de Europa e patriarca do monacato occidental. Bieito escribiu unha regra para os seus monxes que foi chamada "A Santa Regra" e que foi a inspiración para os regulamentos de moitas outras comunidades relixiosas.
San Bieito de Seráns