luns, 12 de outubro de 2009

Parabéns Sra. Mercedes


Mentres en Nebra se conmemora o 93 cabodano dos lutuosos feitos acaecidos a carón da Ponte de Cans, na aldea da Igrexa, a señora Mercedes celebra o seu 93 aniversario.

O seu inminente nacemento, non freou a seu pai para deixar á muller a punto de dar a luz e acudir a Cans en defensa do veciño ao que pretendían embargarlle a vaca, feito co que o Concello pretendía amedrentar aos veciños de Nebra.

Tal vez porque no seu destino estaba escrito que tiña que coñecer á filla, saíu ileso do ocorrido naquel día. Quizais aínda con paso temoroso, conseguiu chegar, xunto con outro veciño da aldea, á súa casa, e a carón da súa muller e filla, para poder ollala nacer.


Aclarando a homenaxe

Un ano máis, e xa van 3, a homenaxe aos mortos de Cans acaba sendo noticia polo motivo equivocado. Polo tanto, déixenme recapitular para saber o que ocorre.

Dende hai 10 anos, e por iniciativa propia, veño organizando este acto coa mellor das intencións, aberto á colaboración das persoas interesadas no feito. Naquel tempo, militaba no BNG, pero nunca busquei converter este acto nun evento político ou privado; os descendentes das vítimas merecen un respecto e eu, consecuente del, non empreguei ningún elemento nacionalista no mesmo, como se pode observar na foto que encabeza a crónica de prensa de La Voz de Galicia da primeira homenaxe, Veciños de Nebra renden tributo as vítimas dunha carga policial en 1916, a bandeira galega colocada na ponte de Cans, só ten un crespón negro, ningún elemento nacionalista.

Para o segundo ano, sendo consciente xa dende que comecei con isto que anos atrás houbera un  intento de facerlles un monolito, pedra que desapareceu, decidín recadar fondos mediante a venda de camisetas e lotaría (financiada por Autos Loreto), para erixir un monumento na súa lembranza. O resto, veu dunha doazón dun neto de Antonio Sobrado Luaces, do BNG e da miña parte, sen contalo traballo.