mércores, 10 de xuño de 2009

Fervenza dos Guerreiros (Cadarnoxo)

Xa o di o refrán: Ata o corenta de maio non te quites o saio.

A semana pasada aproveitaba o mediodía para darme os primeiros baños da tempada, relaxarme ao sol e mesmo tomar unha pequena sesta, ata que chegaba o túzaro (recomendación dos amigos de Certo) de sempre para facelas súas gracias co seu quad sobre a praia e as dunas.

Os invernos deste ano foron invernos-invernos, coma os que lembraba de neno. Coa chegada da primavera empezamos a relaxarnos un pouco e a piques de rematar, parece que en vez de achegarse o verán recunca de novo o mal tempo.

Levamos uns días nos que houbo invernos nos últimos anos que, non choveu tanto e nesta Galicia cando chove, lémbrome que as fontes recupéranse, os rios baixan revoltos e as fervenzas, ferven máis que nunca.

Hoxe achegueime unha vez máis á de Cadarnoxo para inmortalizala de novo en fotos e vídeos, pero chovía tanto que preferín non arriscar as cámaras coa humidade, non obstante como me picaba o gusanillo tomei esta foto dende o coche.

O vao, a escuma e o estrondo que se escoitaba era impresionante, botei case unha hora fronte a ela agardando sen sorte que escampase un par de minutos, que non se deron, pero a visita valeu a pena. Coido que hoxe e no mes de abril do ano pasado foron as dúas das veces nas que máis me impresionou.