Amosando publicacións coa etiqueta Castro de Taramancos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Castro de Taramancos. Amosar todas as publicacións

mércores, 14 de marzo de 2012

Moita presa se deron


Aínda non pasou unha semana dende que visitei o castro de Taramancos e hoxe sae a mala nova de que nuns días vai quedar sepultado baixo o temible chapapote. Moita presa se deron nesta ocasión na Xunta, porque o sábado non se intuía nada do que hoxe publica La Voz de Galicia: A variante fai desaparecer os restos Castrexos de Taramancos.

Seguramente non será o último que se sume a unha larga lista negra de castros destruídos co visto e prace das nosas? administracións e a inoperancia dos políticos.

Noia nisto xa ten algo de experiencia. Vai facer trinta anos, naquela ocasión coa desculpa de poder verse o Mundial de España, levaron por diante o Castro de San Lois.

En Porto do Son tamén tivemos a nosa vítima, o Castro da Enxa, defendido con uñas e dentes por uns aguerridos xoves da parroquia de Baroña. Nestes intres, por falta de vontade política, no castro de Baroña hai xente que mesmo se dedica a despegalas pedras dos asentamentos.

Algo máis recente foi a desaparición do castro de Punta de Muros: O drama (histórico) do Porto Exterior da Coruña.

Non é un castro, pero a Arca do Barbanza, considerada polo seu tamaño como a catedral das mansións megalíticas do Barbanza, tamén estivo seriamente ameazada por uns tractores orugas e a desidia política.

Isto é só un pequeno exemplo do valor que ten para os nosos políticos, independentemente da súa cor, do valor que lles dan á Nosa Historia e Patrimonio.

Din que o cabalo de Atila chamábase Othar. Othar cabalga de novo sobre a terra. Terra na que os nosos antepasados celtas naceron, amaron e sobreviviron illados do inimigo que viña de Roma. Levantaron os seus castros cerca do mar e fundiron os metais, aleándoos para fabricar as súas armas. Co ouro labraron torques e adornos preciosos para premiar aos seus amores. Elas coidaban do futuro mentres eles partían á descuberta de novos horizontes baixo os que defender as súas vidas. Legáronnos a súa historia, a súa luz e a súa paisaxe, do mesmo xeito que a nós nos gusta legalos para que os fillos dos nosos fillos conserven os muros tras os que habitamos e os cemiterios nos que xaceremos. Pero o novo Atila non entende de historia nin de amores. Non coñece a cor da lenda nin o respecto pola orixe do noso sangue. O moderno Atila atende á cor do diñeiro e respecta o poder dos especuladores sen pensar en sentimentos. Espólea o seu cabalo e obrígalle a pasar unha e outra vez sobre a terra que un día foi santa para os nosos. En ningún outro país da nosa contorna, e tamén me refiro aos países españois, permitirían que os vestixios celtas de Taramancos desaparecesen da noite para a mañá esmagados pola forza e a potencia da maquinaria moderna, cabalos mecánicos sen conciencia guiados á destrución por estes Atila de gravata e traxe Armani que, desde asépticos despachos, liberan como eructos ordes de destrución masiva. Atila defendía a fame do seu pobo. Estes defenden os seus percebes, os seus luxos e as súas vaidades. ¡Que desastre!

sábado, 10 de marzo de 2012

Castro de Taramancos

Vista de Taramancos dende o castro
Facía tempo que tiña pensado darlle unha volta a este castro antes de que novamente desapareza da nosa vista, e desta vez, para sempre. Na hora e pico que me levou a visita tamén se achegaron unhas 20 persoas, pero o que menos me agardaba era escoitar o que lle dixo unha paisana bastante xove aos seus acompañantes: «pero se isto eran catro cortellos e dous pallotes... Non me digades que por iso esta parada a autovía?». (Sic)

Así estamos. Á esta xente se a deixaran plantaba en pleno Castro de Baroña un chale, coa súa lóxica, se outros viviron antes aquí, por que no podemos facer nós agora?.

En fin sobran comentarios, menos mal que hai xente algo máis estudada que ten outra opinión, coa que prefiro quedarme. Notas arqueolóxicas de Manuel Gago: Taramancos vello e o gran problema das aldeas galaicas.

Castro de Taramancos