xoves, 9 de agosto de 2012

Virxe do Perpetuo Socorro

Virxe do Perpetuo Socorro de San Caetano
O día de hoxe nas festas de San Caetano de 2012 está adicado á Virxe do Perpetuo Socorro, e no sermón, dirixido por Don Aurelio, o cura párroco de San Pedro de Muro, coñecín a historia desta Virxe.

Trátase dunha icona oriental procedente de Creta e venerado en Roma na igrexa dos Agostiños, a finais do século XV, e dende o XIX na igrexa romana de san Afonso. A datación da icona e imprecisa. Uns sitúano entre os séculos X e XI e outros a comezos do XV.


Segundo unha táboa situada a carón da icona cun resumo histórico da imaxe, o berce deste cadro foi a illa de Creta, no mar Exeo. Un comerciante róubaa dunha igrexa, agóchaa entre a súa equipaxe e embarca rumbo a novas terras. Durante a travesía unha tempestade fai que os pasaxeiros se encomenden a Deus e á Virxe. A lenda conta que o mar recuperou a calma e a pasaxe arribou segura a porto.

Pouco despois, o comerciante chega a Roma co cadro e tras algunha resistencia da muller porque o pretende vender, pasa a ocupar un lugar preferente na igrexa de San Mateu, rexentada polos Padres Agostiños. A igrexa era un templo menor entre as grandes basílicas de San Xoán de Letrán en Santa María a Maior. Alí permanece a imaxe do Perpetuo Socorro durante trescentos anos.

En 1798, coa invasión napoleónica máis de 30 igrexas son destruídas en Roma, entre elas a de San Mateu pero os relixiosos Agostiños salvan o cadro milagroso, que queda no esquecemento por máis de 80 anos.

En 1855 constrúese a igrexa de Santo Afonso, nos terreos onde estivera a antiga de San Mateu. Conseguen que a imaxe da Nosa Señora do Perpetuo Socorro vaia para esta igrexa retornando ó emprazamento onde estivera por máis de tres séculos, ocupando o centro da ábsida.

María do Perpetuo Socorro é unha icona bizantina, unha imaxe representativa da Virxe da Paixón. A interpretación xeral é clara. Os Arcanxos Gabriel e Miguel presentan a Xesús os símbolos da súa paixón futura. Ó contemplar esta dramática visión, o neno, na súa condición humana asústase, estremécese e busca socorro nos brazos da nai agarrándose con forza á man de María. O susto e o movemento están expresados pola contorsión das pernas, o repregue do manto e a sandalia desprendida.

A de San Caetano ten un anxo á súa esquerda e un home negro á súa dereita, como sinal de que non fai distincións entre as razas que profesan a súa crenza.

A súa devoción estendese por todo o mundo xa que lle profesan grande admiración os misioneiros. É patroa de Haití, onde os misioneiros Redentoristas lle adicaron un santuario en Béle-Aire, cerca de Puerto Príncipe.

Unha vez máis, a pesares de que como dixen onte estas festas caen entre sema, acudiu moita xente á misa cantada, que rematou coa procesión e de novo a interpretación do Himno Galego, antes de facela súa entrada os santos na capela.

A parte máis lúdica pola mañá púxoa outra vez o Grupo de Gaitas Rumbía. Pechando a sesión vermú a Orquestra Impacto de Valga, que retornaba ás once da noite, para poñer punto é remate ao día acompañados polo trío Togayán.
Perpetuo Socorro 2012










Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os comentarios son libres, só pido sentido.