mércores, 25 de novembro de 2015

Manifesto sonense contra a violencia de xénero

Arredor de vinte e cinco persoas acudiron á chamada do Concello en contra da Violencia de Xénero, encabezada polo alcalde Luís Oujo, acompañado por varios edís do seu equipo de goberno.

Con anterioridade o domingo 22, organizouse unha andaina con saída do Centro de Interpretación do Castro de Baroña até o mesmo castro.
Foto cedida
Jose Manuel Dean Pouso: Andaina contra a violencia de xénero

Manifesto lido ao remate da andaina e na concentración de hoxe

No que vai de ano xa son cincuenta e cinco mulleres mortas no noso País, asasinadas, vítimas da violencia de xénero. Cincuenta e cinco nais, fillas, irmáns, amigas. Cincuenta e cinco vidas arrebatadas pola lacra do machismo que algúns individuos exercen sobre as mulleres.

En pleno século XXI, o simple feito de nacer muller pode supor un factor de risco para a propia vida. A violencia, calquera clase de violencia, é detestable e condenable, sen dúbida, mais a violencia no ámbito familiar, contra a muller e en moitos casos tamén contra os fillos e fillas, debería avergoñar a calquera sociedade que aspire a denominarse xusta. Porque cada caso, cada situación, é un fracaso colectivo. A violencia afástanos do obxectivo de igualdade e xustiza social.

Nacións Unidas definiu en 1980 a violencia contra a muller como o "crime encuberto máis frecuente no mundo". Fronte a esta realidade, estamos empeñados en acabar con esta lacra, un drama que non é un fenómeno exclusivo dun determinado segmento social, económico e cultural. A violencia verbal ou física contra a muller prodúcese moi preto de nós. En tódolos estrato sociais.

E non é, claro que non, froito de ningunha enfermidade, ás veces leemos a expresión "crime pasional". Tampouco é o caso, a paixón no traballo como na vida, é outra cousa ben diferente. O maltratador utiliza a violencia contra os fillos como forma de control sobre a súa parella ou ex parella, son selectivos na súa violencia. Por iso é tan difícil detectar estas situacións que solo ocorren "de portas para dentro".

Desgraciadamente, en moitos casos, cando esas condutas transcenden é porque xa é demasiado tarde.

Desde o Concello do Son queremos facer efectivo o noso compromiso contra a violencia de xénero. Queremos trasladar a nosa condena e repulsa ao campo da acción, facendo especial incidencia na educación como forma de preparar ás futuras xeracións nese cambio de mentalidade polo que hoxe estamos loitando e farémolo levando a cabo un plan de igualdade dende os servizos sociais, animando a que as vítimas denuncien e rompan o círculo no que se encontran.

Pouco a pouco vamos avanzando mais non é suficiente, sen dúbida. É esencial que toda a sociedade comprenda que o maltrato contra a muller é un problema real, próximo, que nos afecta a todos. Só tendo coñecemento da realidade, pódese chegar a transformala. Por iso hai que seguir traballando, segue sendo preciso o compromiso de todos para lograr, en definitiva, unha sociedade máis xusta, máis libre e igualitaria.

Moitas grazas a todos e todas por participar nesta concentración que pretende ser unha mostra de apoio a tódalas mulleres que se encontran nesta situación!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os comentarios son libres, só pido sentido.