mércores, 1 de outubro de 2014

Antonio Castro: 2 décadas facendo feliz ao seu pobo

«O San Roquiño engancha moito»

Os seis veciños que se encargan da organización desta edición das festas de San Roquiño son uns expertos na materia, pois todos eles repiten tarefa. Algúns, levan incluso décadas lidiando con fogueteiros e representantes de orquestras. É o caso de Antonio Castro, que empezou hai nada menos que 22 anos responsabilizándose do programa do domingo dos festexos e agora mesmo vese incapaz de deixalo. Asegura que está enganchado.

Os veciños de Tállara e, por extensión, os de todo o territorio de Lousame, están desde o domingo mergullados nas súas festas grandes. En poucas localidades de Barbanza se presenta un cartel con tantos días de festa e orquestras deste nivel. Esta noite serán Salsa Rosa e Charleston as que amenicen a verbena.

Pero xa desde primeira hora da mañá, o son das bombas e os pasarrúas que ofrecerán os gaiteiros de Airiños do Río Vello e a charanga Apeles anunciaranlle aos veciños o comezo dunha nova xornada festiva. Un dos momentos máis destacados desta cuarta xornada de festexos chegará ás 13.00 horas, coincidindo co comezo da misa solemne que se oficiará na honra de San Miguel e que culminará, coma sempre, coa procesión. Os músicos de Apeles e a orquestra Salsa Rosa encargaranse despois de caldear o ambiente nunha animada sesión vermú.

A verbena posterior promete, pois ao escenario subiranse dous grupos que forman parte da selecta lista das grandes orquestras galegas. Pero os veciños están obrigados a dosificar as forzas, xa que mañá recalarán en Tállara o Combo Dominicano e Pontevedra. O venres pecharán Triunfo e Jerusalén.

Castro encargouse do programa do domingo. Foto: Marcos Creo

-Como decidiu vostede entrar na batalla festiva que cada ano se lidia en Tállara?
-Pois foi un pouco de broma. Cando deixou a persoa que se encargaba de organizar a festa o domingo, meu sogro retoume a coller o relevo. Empecei medio obrigado e agora resúltame moi complicado abandonar.

-Non hai entón quen queira asumir o reto?
-Non se trata diso, pois seguro que hai xente que está disposta. O que ocorre é que isto méteseche dentro e non hai forma de abandonar. Eu sempre digo que este ano é o último, pero despois non son capaz de deixar. O San Roquiño engancha moito.

-Tanto como para estar máis de dúas décadas dedicándolle ás festas parte do tempo libre?
-Pois si, porque o certo é que a organización das festas supón un esforzo importante, tanto para nós como para os veciños. Hai que ter en conta que somos seis pedindo polas mesmas portas. Hai días que empezo despois de traballar e estou ata a medianoite percorrendo as casas.

-Agradecen os veciños este traballo desinteresado?
-A xente pórtase de marabilla. Os veciños están moi concienciados co tema das festas. En agosto, cando empezo a pedir, chego a algunha porta e xa me din que van apartar os cartos para o San Roquiño e iso dáme ánimos para seguir.

-Como se leva esa competitividade que existe entre os seis organizadores?
-Cada ano tentamos superarnos uns aos outros, pero sen maldade.

-Cando se poñen mans á obra?
-Empezamos normalmente en xullo o proceso de contratación das orquestras, pero mantemos o segredo ata o último día.

-Se todos piden polas mesmas portas e recadan cantidades similares, ¿cal é o truco para gañar esta batalla ?
-O que se fai normalmente é ter un par de anos frouxos e gardar o diñeiro para, ao terceiro, dar a sorpresa e amolar aos demais. A técnica é esa.

-E este ano semella que gañou o do xoves...
-Pola cantidade de xente que se vai xuntar no campo si, pois o Combo Dominicano atrae a moito público. Pero eu tamén me considero gañador.

-Ten pensado dar vostede a badalada para o ano?
-Algo estou xa pensando, pero hai que ter en conta que a min me toca a xornada máis complicada, pois o domingo é moi difícil competir. O caché das orquestras é máis elevado.

-As orquestras lévanse a maior parte do orzamento entón?
-Si, aínda que outra parte importante vai para as bombas. Ao mellor gastamos uns dous mil euros por día.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os comentarios son libres, só pido sentido.