xoves, 28 de novembro de 2013

Mártires de Sofán

A gripe de 1918 ou «gripe española», foi a máis mortal do pasado século causando 50 millóns de mortos, en todo o mundo.

Sofán é unha parroquia do concello de Carballo, onde esta pandemia causou a morte de 139 persoas. En só un mes, dende o 18 de Outubro ó 18 de Novembro morren 83. O día que mais xente enterraron foi o 31 de outubro con oito cadáveres e ó día seguinte seis, mais houbo moitos días con máis de seis.

Á vista de tan terrible panorama, incentivado polos caciques, no concello decídese a construción dun novo cemiterio, pero a maioría dos veciños e veciñas opóñense e prefiren a amplialo vello. Para evitalo a xunta local e o concello deciden clausuralo en novembro de 1918.

A xente non está conforme e segue enterrando os seus mortos nel, até que xurde o conflito o domingo 16 de febreiro de 1919 en que se ía a enterrar a un neno dens catro anos. A Garda Civil, como era normal naquela época, ponse ao servizo dos caciques e intenta paralo cortexo fúnebre. A pesares de ser simples labregos, o pobo oponse e a resposta da Garda Civil foi tan desmesurada que acabou coa vida de catro mulleres e varios feridos. As asasinadas foron: María Caamaño Pallas, que tiña sete fillos e estaba preñada doutro (segundo me comentou un veciño, faleceu ao cravarlle un dos Gardas Civis a baioneta, que levaba montada no Mauser, Carme Veira Souto, con catro fillos, María Serrano Paz e Josefa Bolón Mato.

Houbo protestas e intentouse facer unha gran manifestación en Carballo que os caciques impediron, mais fíxose unha na Coruña a pesar de que as familias, veciños e amigos das finadas non puideron ir pois o terror apoderouse da maioría. Nos locais da Irmandade da Fala da Coruña celebrouse un mitin onde falaron entre outros Peña Novo, Vilar Ponte, Blanco Torres e Casares Quiroga. A Nosa Terra recolle a información moi crítica en diversos números solidarizándose coas vítimas, mais tamén lamentando que os labregos non puxeran máis enerxías en loitar contra o caciquismo e outros problemas máis graves que o do cemiterio ou o baldaquino no caso de Oseira. Castelao recolleu no seu Álbum Nós os feitos de Oseira (1909), Nebra (1916) e Sofán.

A masacre de Sofán segue no recordo 90 anos despois


A Peste do 18 (I parte). O cemiterio de Sofán. Por Sefrajo

A Guerra do 19 (II parte). As víctimas mortais. Por Sefrajo



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os comentarios son libres, só pido sentido.