mércores, 16 de maio de 2012

Dezasete de maio: Día das Letras Galegas

Gustoume este traballo de María, a nosa profesora de galego do Celga 4. Co seu permiso comparto con todos... agardo que non se me enfade.
O 20 de marzo de 1963, tres membros da Real Academia Galega (Manuel Gómez Román, Xesús Ferro Couselo e Francisco Fernández del Riego) presentaron nesta institución unha proposta histórica: que se declarase o día 17 de maio de cada ano DÍA DAS LETRAS GALEGAS, como data para “recoller o latexo material da actividade intelectual galega".

Aquel ano celebrábase o centenario da publicación da obra de Rosalía de Castro, Cantares Gallegos (1863). Este libro de poemas simboliza o rexurdimento da lingua e da literatura galegas despois dunha etapa de silenciamento escrito do noso idioma.

Propúxose o día 17 de maio por ser este o día en que a autora lle dedicou a obra á tamén poeta Fernán Caballero.

Polo tanto, dende o 17 de maio de 1963, anualmente en Galicia celébrase o Día das Letras Galegas. Este acontecemento mobiliza persoas e actividades en todo o país. Dende o ámbito cultural preténdese darlle a máxima visibilidade ao homenaxeado ou homenaxeada.

LETRAS GALEGAS 2012: VALENTÍN PAZ ANDRADE (Pontevedra, 1898 - Vigo, 1987)

Foi xurista, economista, político, empresario, escritor, poeta e xornalista galeguista. Este ano, no día da nosa literatura, a sociedade galega réndelle homenaxe pola súa achega ás nosas letras.

1. Actividade antes da Guerra Civil
Comezou a interesarse na literatura e na cultura de Galicia da man do seu tío, o poeta Xoán Bautista Andrade. Foi tamén el quen lle presentou a Castelao, un dos intelectuais que máis influíron na súa obra, e que durante a súa etapa formativa o iniciou no movemento galeguista. A consideración que lle tiña Castelao pode reflectirse no alcume de “o Mozo”, co que se refería a el nos faladoiros que frecuentaban.
Presidiu tamén o primeiro grupo galeguista estudantil en Santiago, o Grupo Galeguista Galego de Estudiantes. Anos despois dirixiu en Vigo o Grupo Autonomista Gallego (1930) e militou no Partido Galeguista, ademais, participou activamente na súa fundación en decembro de 1931 e chegou a ser o seu secretario.
A única novela que escribiu foi Soldado da morte, xestada na Guerra de Marrocos e inédita, de feito nunca chegou a rematala.

2. Guerra civil e posguerra
Co estalido da Guerra Civil Española axudoulles a fuxir a diversos intelectuais galeguistas e defendeu outros das condenas que lles eran impostas. Posteriormente, foi desterrado a Verín, onde sufriu un intento de paseo por parte duns falanxistas dos que conseguiu fuxir, e logo, en 1937, a Requeixo (Chandrexa de Queixa). En abril autorizóuselle a residir en Castro Caldelas e, días despois, na Pobra de Trives. Este tempo no desterro fixo xurdir nel a necesidade de escribir poesía, e aí naceron moitos dos versos que logo formarían parte de Sementeira do vento ou de Cen chaves de sombra.
Entre 1955 e 1958 publica tres obras en Bos Aires: o poemario Pranto matricial (1955) e os ensaios Sistema económico de la pesca en Galicia (1958) e Galicia como tarea (1959). Este último recolle as conferencias ditadas dous anos antes no Centro Gallego de Bos Aires, e foi cualificado por Méndez Ferrín como "o gran manifesto político e económico do nacionalismo galego progresista".
En 1964 foi nomeado membro numerario da Real Academia Galega e o seu discurso de ingreso titulouse: "A galecidade na obra de Guimarães Rosa".

3. Restauración democrática
Co retorno da democracia volveu ao mundo da política. En 1975 formou parte da Xunta Democrática de Galicia e, cando recibe nese ano o Pedrón de Ouro, inclúe no discurso de aceptación a reivindicación da democracia e da autonomía. En 1976 foi nomeado en representación de Galicia, como independente, na Comisión Negociadora da Oposición co Goberno, ata a súa disolución en 1977. Ademais, foi elixido senador por Pontevedra pola Candidatura Democrática Galega nas Cortes Constituíntes (1977-1978).
En 1979 publicou Cen chaves de sombra, que Lorenzo Varela describiu como "poemas dun loitador, dun home con coraxe á hora de escribir e á hora de pelexar".

En 1982 publica Castelao na luz e na sombra, completa e detallada biografía de Castelao: “Non quixen facer unha biografía fría, erudita, acartonada. Eu quixen dar un Castelao vivo, como foi, cunha liña anecdótica que o retrata”.

En 1985 publicou Galiza lavra a sua imagen.

4. Obra
Escribiu ensaios literarios, históricos e económicos, nos que reflectiu a súa preocupación polo progreso de Galicia. Tamén escribiu varias obras como técnico especializado en temas pesqueiros.
Como poeta formou parte da Xeración de 1925 e na maior parte da súa obra poética evidénciase unha motivación patriótica, como se pode observar en Pranto matricial (1954); Sementeira do vento (1968), en que canta a paisaxe e a xente galega, ademais do exilio e o amor ausente; Cen chaves de sombra (1979) e Cartafol de homenaxe a Ramón Otero Pedrayo (1986), en que incluíu as composicións dedicadas ao autor ourensán.
Utilizou a lingua galega durante toda a súa vida para a obra poética e narrativa. Para os ensaios utilizou o castelán ata 1975 (se ben é certo que estas obras foron publicadas en Madrid e Bos Aires) e o galego desde entón. Con respecto aos artigos, publicou en castelán os de temas pesqueiros e en galego os de temática literaria e cultural. Defendeu o uso do reintegracionismo como norma para o galego escrito e usouno no seu último ensaio (Galiza lavra a sua imagen, 1985).

Colaborou en revistas como Grial, O Ensino e Outeiro con artigos sobre literatura, especialmente ao redor da figura de Castelao; e en Industria Conservera, El País e La Vanguardia con artigos económicos e políticos.

Se queredes ler algunha composición de Valentín Paz Andrade podedes ir ao seguinte enderezo web: Valentin Paz Andrade/anacos-literarios. Unha vez entredes, premendo nos nomes dos poemas, poderedes lelos completos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os comentarios son libres, só pido sentido.