mércores, 6 de abril de 2011

Os últimos para todo


Os veciños e veciñas de Nebra, a parroquia máis grande do Concello de O Son, vamos te-lo privilexio de se-los últimos en poder dispor dunha casa de cultura, se é que algún equipo de goberno se digna a facérnola un día.

A eterna cantilena era que o Concello non tiña terreos apropiados -aínda que nos programas electorais sempre se nos prometía-, esquecéndose que na Aguieira si había, ben para facela alí ou para permutar un terreo céntrico con algún veciño, tal e como fixeron para outras cousas. Con motivo da parcelaria, os veciños e veciñas que tiñamos terreos agrícolas cedemos unha parte proporcional para dispor dunha parcela común para dotala de servizos, entre eles a tan demandada obra.

Non esta de máis falar dalgúns dos "favores" que a parroquia lle fixo ao Concello sen recibir nada en troques. O monte de Cadeiras serviu durante anos de vertedeiro -Baroña tivo compensacións- e o río Quintáns, abastece aos núcleos de O Son e Portosín. Esta tamén é outra, mentres segundas residencias de veraneantes dispoñen de traída municipal, moitos veciños só dispoñen dun pozo propio que no verán lles seca.

Tamén, aínda que non fora expresamente para o Concello, pero si para unha obra tan vital como foi a ampliación do peirao de Portosín, e coido que tamén o de O Son, do monte de Cadeiras saíron miles de toneladas de pedra sen que recibísemos ren. Poida que pensen que no tivésemos edís pola parroquia para pedila, pero é que dende a democracia sempre tivemos un, dous e case me atrevería a dicir que tres nalgunha lexislatura. Coincidindo dous nalgúns equipos de goberno, que xa é dicir.

Secuencia de fotos do terreo cando se estivo achandando


Xuño, a segunda parroquia do Concello ten o privilexio de se-la penúltima en acadala: A aprobación do contrato de obras para a construción da casa de cultura de Xuño foi outro dos puntos que se incluía na orde do día, sendo aprobado cos votos do equipo de goberno e o rexeitamento do PP e os edís independentes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os comentarios son libres, só pido sentido.