sábado, 25 de abril de 2009

Feira de San Marcos en Noia


Como cada 25 de abril, celebrouse en Noia a feira de San Marcos. Antigamente xuntaba moita xente dos pobos da redonda, hoxe en dia lamentablemente pouco a pouco vai perdendo folgos.

De rapaz era unha feira que levaba esperando todo ano. Algúns non puiden ir por diversas causas, unha polo sarampelo e outra, porque tiven que axudar a descargar 3.000 ladrillos a man dun camión de Simón de O Son, que non tiña volquete.

Este ano xa non vin cabalos salvaxes para a súa venda e para os poucos que había con "pedigree", apenas había xente interesada na súa compra.

Tamén se aproveitaba a feira para vender vacas e cochos. Agora xa non hai vacas nas aldeas e aínda que se seguen criando cochos, dende fai un ano esta prohibida a súa venda en Noia porque os políticos sexan da cor que sexan, movéronse de costas ao pobo e clausúranlle a feira por non ter unhas instalacións axeitadas aos tempos.

Este ano tamén había pouca maquinaria agrícola, notase que cada vez abandonase mais o campo, pero ao paso que vamos mais dun vai ter que votar man das súas terras visto o panorama. Tamén pode influíla crise é outras feiras que lle comen terreo.

O certo é que os tempos mudaron e moito, en San Marcos de 30 anos acá.

Antigamente todo estaba moito mais centrado. A feira celebrábase no Campo da Feira, hoxe reconvertida nunha rúa e un pequeno parque. Aí aglutinábanse os animais, estaban as polbeiras, as atraccións (a vaca de 7 patas, a muller serpe, lembro que había un teatro e na entrada tiñan un paisano que tocaba unha especie de guitarra sen corda, etc).

Na rúa que baixa paralela á feira (remataba alí) montábanse os postos de pequena maquinaria que empezaban a vir e no ano 1976, aínda me tocou preparala exposición de Marbán de Noia, con Rufino e Manolo ao fronte. Nos xardíns había postos mais pequenos e coido que se celebraba a verbena, aínda que por aquelas datas non me levaban.

Onde hoxe esta o Instituto estaba a praza de touros, e coido que me levaron dúas veces. Nunha lembro que un touro saltou a barreira e mandou a 7 persoas ao sanatorio que había a carón da praza. Outro ano, debido que a saída dos touros a xente saia case en estampada, pillou a un coche no medio. O condutor perdeu os nervios e arremeteu o coche contra todos, menos mal que estaba alí a Garda Civil e salvouno dunha voa.

A meu avó materno encantábanlle os touros e comentábame como antigamente era un dos que cedía vacas bravas que tiña na Serra do Barbanza para tourealas no Curro. Despois devolvíanas ao monte porque era un espectáculo sen morte.