semana santa de o son 2012

18/03/12

O pasado venres foi presentado no Centro de Interpretación do Castro de Baroña, o programa da Semana Santa 2012 de Porto do Son e das parroquias do Concello. O acto contou coa presenza do Alcalde, Luís Oujo, da Conselleira de Cultura, Asunción Torres, do Irmán Maior da Cofradía da Paixón do Noso Señor, Juan, o párroco de San Vicente de Noal, D. José, e un nutrido grupo de asistentes.

As procesións ademais de contar coa actuación da banda de tambores da Cofradía xunto con uns gaiteiros, tamén estarán acompañadas por dúas bandas de música. Nun futuro agardase contar coa banda de música municipal de recente constitución. Tamén colaborara nos actos para apoiar a D. José, o párroco de Nebra, D. Ramón.

Concello e Cofradía solicitan a colaboración veciñal, non aparcando nas rúas polas que pasaran os pasos e que previamente a Policía Local sinalizara.

Na parroquia de Santa María de Nebra, o Xoves Santo recuperarase a vella tradición do lavadoiro de pes, polo que D. Ramón agarda a colaboración de 12 rapaces e rapazas.



Con vistas a dar o mellor de si, costaleiros, cofrades, banda de tambores e gaiteiros apuran estes días os ensaios para que todo saia á perfección. Onte daban máis gañas de estar ao pe dunha lareira con uns bos toros de carballo ardendo, que aguantar estoicamente o frío que facía na Atalaia. Desculpen pola calidade das fotos e vídeo, ante a falta de iluminación.





Así celebrábase o Santo Encontro na paraza de España no pasado século. Non sabemos precisar o ano, posiblemente entre 1974 e 1976.


video

Para moita xente da comarca o arranque da Semana Santa pódese dicir que comeza o próximo domingo, coa festividade de San Lázaro en Noia, que xunta a carón das súa capela centos de devotas e devotos.

banana republic

16/03/12
República bananeira, é un termo pexorativo para un país considerado como politicamente inestable, empobrecido e atrasado, cuxa economía depende duns poucos produtos de escaso valor agregado (simbolizados polas bananas, aquí serian plátanos), gobernado por un ditador, unha xunta militar...

Outro trazo notable neste estereotipo é que na "república bananeira" a corrupción é práctica corrente en cada aspecto da vida cotiá, sendo comunmente desobedecidas as leis do país. Tamén adoita identificarse como característica da república bananeira o poder case absoluto que exerce sobre o seu goberno unha gran empresa estranxeira, xa sexa mediante subornos aos gobernantes ou por simple exercicio do seu poder financeiro.

Oficialmente España é un país democrático, pero ollando como os subornos, a corrupción política, empresarial..., comezan a ser práctica corrente en cada aspecto da vida cotiá, quen o diría. A lista de sentenzas condenatorias e procesos abertos por estes feitos non para de medrar. O caso máis fragrante, pola súa connotación, é o que presuntamente implica ao mesmo xenro do Rei. Ver Mapa de Corrupción por Partidos Políticos.

Despois temos casos sangrantes, pero legais, para iso se encargan os beneficiados, perdón, os políticos de aprobalos.

As cortes pagan a Seguridade Social a un exsenador do PP que é directivo de empresas.
As Cortes gastan un millón de euros ao ano en completala pensión a 81 parlamentarios.
O Congreso paga axudas de hasta 3137 euros mensuais a 61 viuvas de exparlamentarios.
O saldo deudor dos deputados españois á Seguridade Social (febreiro 2010).
79.000 euros (aportado) – 416.000 euros (recibido) = -337.000 euros (saldo deudor)

Ben isto a conto porque cada día saen novas na prensa como esta, dan gañas de botarse ao monte.

Retiran a pensión de dependencia a unha muller sen pernas porque mellorou moito.

Angustias Cobo, unha muller de 67 anos que vive sen pernas desde que llas amputaron aos 23, viu reducida a súa pensión de dependencia porque mellorou moito, segundo a Generalitat Valenciana.

Hai 11 anos recoñecéronlle "grao de minusvalía do 75%" e cando entrou en vigor a Lei de Dependencia, a Consellería de Benestar Social estableceu que tiña unha dependencia de "grao 3 e nivel 1", das consideradas "severas". Desde entón cobra 416 euros ao mes, segundo informa o diario Levante.

"Seguen sen crecerme as pernas", chancea Angustias. Pero a Administración valenciana ha decidido retirarlle a pensión co argumento de que a súa situación mellorou de forma notable, baixando a súa dependencia a unha de "grao 1 e nivel 1", pasando de "severa" a "moderada".

En realidade o que fixo a usuaria en máis dunha década é empeorar, "pola idade" e por "outros achaques" como a osteoporose, que lle provocou a perda de gran parte da mobilidade do brazo esquerdo, do que mesmo tivo que ser intervida.

Angustias, que vive no municipio de Quart de Poblet, desprázase pola súa casa nun pequeno taburete con rodas e non pode saír á rúa se non está o seu marido: "Hai tres chanzos no portal que non podo salvar se non me baixan no carro", conta.

Ah, e non esquezan que en abril a luz subirá un 6 % con carácter retroactivo desde outubro do 2011.
Todo isto a pesar de saberse que, os españois pagamos a luz máis cara da UE.