venres, 14 de outubro de 2016

Centenario

Boas tardes a todas e todos

Moitas grazas pola vosa presenza a este acto público e aberto de lembranza que vai pola súa dezasete edición. Este ano cúmprese o centenario do acontecido aquel 12 de outubro de 1916 aquí, neste lugar no que nos atopamos, e que supón unha carga simbólica máis emotiva ao recordo.

Estamos aquí para, amais de lembrar ás 5 vítimas, foron máis os feridos que tinguiron esta estrada de cor vermella. Tamén, teño que lembrarme da señora María, testemuña directa do masacre, por darme de primeira man o relato do acontecido, como tamén mo transmitiu o señor Pepe, coñecido como o cego de Cans, que xa cego daquela e grazas a ese don que teñen os invidentes, tiña unha memoria prodixiosa, aportando semellante visión que a señora María. Foi información que non tiña lido nos libros que recollían o acontecido.

Non podo esquecer amentar a Henriqueta, neta de Xenerosa, única descendente que coñecía desa xente antes de promover estes actos. Daquela era un tema tabú e xa nese primeiro acto solicitei unha misa, para despois dar esta simbólica ofrenda floral nesta ponte, a onde se achegou a familia de Antonio Sobrado, aí deime conta que aínda había máis descendentes que os recordaban.

Non entendo moito as críticas á misa, é un acto máis para o que queira asistir, e fágoa por un valioso motivo, cando lle comuniquei á neta de Xenerosa o que pretendía facer, pediu expresamente que o fixese así ou non contaba co seu permiso, e aínda que non asinei nada, tal e como me ensinou meu avó da Graña, se dou a palabra, cúmproa.

Agradecer, antes de rematar, a presenza de Francisco Leira, quen amablemente un día se puxo en contacto comigo por este tema, e, aínda sen coñecelo persoalmente, aceptou asistir a este acto central cando llo propuxen. Tamén agradecer a Marisa Otero pola curta que fixo de Nebra, traballo que mesmo despois de ollala varias veces aínda me pon "o coiro de pita" [a pel de galiña], e xa llo comentei, a escena onde Mela Casal lle debulla a historia á rapaza retráeme ao momento de escoitar á señora María ao pé da "bilbaina".

Como remate, clarificar aos presentes o aquí acontecido, estes veciños reuníronse para oporse a un pago imposto dende o concello de Porto do Son da época, derivado da súa mala xestión económica. Deixar claro pois que non foi resistencia ao centralismo español, como se está terxiversando en notas de prensa, nin é un acto político, nin vai contra o día da Hispanidade, dado que, por aquela época nin se celebraba tal efeméride. Tamén aclarar, aos que igualan este suceso cos de Oseira e Sofán, só por que os emparella Castelao nunha lámina, que foron cousas moi distintas, en Oseira foron os veciños ante as imposicións dun arcebispo e en Sofán contra as decisións das autoridades. Mesmo é diferente aos mártires de Sobredo xa que o deles foi unha loita contra os foros. Aquí en Nebra os veciños defenderon o seu dun pago inxusto non só a Nebra, senón a todo o Concello.

Grazas a todos.




Este ano dado a data de tan sinalada efeméride, atendín a proposta dalgúns militantes do BNG local e de Manuel mariño del Río, de facer conxuntamente oun solo acto. A idea de facer dous partiu dalgúns militantes que ao remate do último que coincidiramos xuntos, no Bar Universal expresaron a idea de que non debían de deixalo "escapar" como lles pasara co de Ramón Sampedro, usando o argumento de que o promotor fora eu, ao militar no BNG correspondíalle ao partido tomalo relevo (Sic).

Debo confesar que na primeira reunión que tivemos na terraza do Bar Eugenio de O Son, xa escoitei cousas que non me gustaban, como era vetala presencia do alcalde mais pola memoria de esa xente transixín, até que nunha reunión na oficina xa lles saltei ao propor ao causante de esta "liorta" como moderador no acto a celebrar no local da Comunidade, xa que para min non era de recibo que quen nese intre se estaba burlando dos comuneiros e comuneiras de Nebra, tivese ese papel relevante (sen esquecer que no "cambalache" co curmán e exconselleiro do Medio Rural ordenara cruzar un agro de meu pai con unha pista, para min era como rirse de esa xente que perdeu a súa vida por defendelos seus dereitos.

Logo de "calmadas as aguas", nesa derradeira xuntanza quedamos en que pola súa parte non se exhibiría ningunha bandeira partidista, dándome Ánxela a súa palabra, foi entón cando lles fun debullando o programa que xa tiña previsto como era contar coa presenza do Catedrático Francisco Leira, que se puxera en contacto comigo por outras cuestións e volver a repoñela curta Nebra de Marisa Otero, que tamén quería vir. De feito desde que fixo a película, sempre que pode achegase a Cans ou á misa que desde o primeiro acto vense ofrecendo na súa memoria.

O que non me agardaba é que por detrás me quixesen "putear", primeiro póndose en contacto co fillo que elaborou o díptico, coa intención de conseguilo teléfono de Leira que por suposto me neguei a facilitarllo. Se tanto interese tiñan en falar con el como non lle contestaron ao presunto correo electrónico que no Eugenio dixéronme que lles mandara, pero que como non o coñecían pasaron de el?

E a cousa non quedou aí xa que un día chámame Marisa Otero porque unha paisana (sei que foi, mais non me esperaba iso de ela) a chamara toda preocupada porque non tiña o cd a película. Cando nun dos actos organizados pola miña parte conservo a copia, agasallo da propia Marisa. Ou pensaba que era tan parvo como para improvisar?

Mais se agardaba que esa fose a derradeira "xogada" que me ían tecer, que enganado estaba, aproveitándose que me atopaba gravando o acto no local, xa me chegou o" chivatazo" que ao pe do monólito colocado polo Concello, o BNG de Santiago, había colocado un micrófono e nos altofalantes colocaran a "súa" bandeira contravindo o pacto non escrito que asinaramos no local e pola miña parte á vista da presenza das cámaras da TvG, non era cousa de pórme a obrigarllas a retiralas ou facelo eu mesmo porque así como non emitiron un segundo da miña ofrenda (iso non é censura?) igual si aproveitaban o altercado. Xa antes publicaran unhas notas terxiversando a verdade do acontecido aquel 12 de outubro, no seu proveito.

Non tivo a mesma sorte o presidente da Comunidade que unha vez que o fillo, lle pediu explicacións a Ánxela, conminouno a pórse nun segundo plano.

Dado os anos que departimos nos locais que tiñamos alugados no Son pouco apouco fun coñecendo a esa xente e a verdade é que organizalo acto de forma conxunta non me convencía moito e aos feitos remítome. Ese foi o motivo polo que non lles comunicamos o das camisetas polo slogan creado polo fillo, algo que non lles gustou cando nos viron aparecer con elas.

De haberllo amosado nesas reunións igual o "vendían" como propio á vista do que levan facendo todos estes anos co seu acto paralelo.

E ben certo o refrán: O que con rapaces se deita cagado se ergue!!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os comentarios son libres, só pido sentido.