venres, 22 de abril de 2016

22 de abril de 1909: “Mártires de Oseira”

Traballo realizado por: Soqui Cea Vázquez

Cúmprense 107 anos da cruel matanza ocorrida no Mosteiro de Oseira. O motivo da masacre foi a decisión do bispo de Ourense, Eustaquio Ilundain, de levar a outro lugar o baldaquino da igrexa do mosteiro. Non contaba o bispo con que as xentes do pobo non ían permitir perder parte do patrimonio que tanto veneraban. A oposición do pobo, con pedras e paus como únicas armas, foi brutalmente contestada con balas. O tenente Salinas ordenou abrir fogo ós máis de vinte gardas civís que o Gobernador mandara a Oseira para protexer ós carpinteiros encargados de retirar o baldaquino do templo. O resultado foi sete persoas mortas: Cinco homes, unha nena de 14 anos e unha muller de 28 anos embarazada de xemelgos; ademais dun bo feixe de feridos.

Estes sucesos causaron unha fonda conmoción na Galicia do momento. A matanza encheu xornais en todo o País, chegou ao Parlamento español na voz de Castelao, ó Senado nun acendido discurso de Eugenio Montero Ríos acusando ó Goberno da traxedia, inspirou personaxes e alusións en novelas de Blanco Amor, apareceu nos debuxos de Castelao do álbum "Nós" e ata o propio Murguía opinou ó respecto. Pero, axiña veu o obrigado silencio e o esquecemento.

O alcalde de San Cristovo de Cea dende hai 25 anos, José Luis Valladares (PP), non ten interese algún en falar do tema, nin moito menos lembrar nin honrar a memoria das vítimas. Hai veciños de Cea que levan tempo querendo erguer un monumento para lembrar aqueles feitos, pero atópanse sempre coa oposición do señor alcalde que seica non quere remexer esas augas.

Pasado un século, seguen inxustamente esquecidos aqueles pobres inocentes que só pretendían protexer e manter no seu pobo o que consideraban seu. Cando visitedes o fermosísimo mosteiro de Oseira, lembrade á mociña de 14 anos, María Paz Fernández; á muller embarazada, Manuela González, ou a José Moure, tres dos sete labregos vilmente asasinados hai 107 anos.

As coplas de cego da época dicían aos asasinos de Oseira:
Que nunca sosiego gocen
ni jamás disfruten calma
y purguen en el infierno
tan horrorosa matanza.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os comentarios son libres, só pido sentido.