luns, 18 de xaneiro de 2016

A auga foi e é vida

O río Quintáns é o máis caudaloso do val de Nebra, do que antigamente os labradores "aproveitábanse" de el, para poder agoalas súas leiras, principalmente para o millo. Labor que se facía en varias quendas, a primeira baixo un regulamento denominado "porroteo" ao que segundo o tamaño da leira correspondíalle X tempo, que nunha quenda tocáballes de noite, tendo que valerse de farois, e outra de día.

Se algunha leira precisaba fora de este regulamento máis auga, neste caso prevalecía a pillaría, por iso este sistema recibía o nome de "auga de pillota".

Cando se sementaba o "millo restrebo" labor que se facía nas leiras dedicadas con antelación ao trigo, centeo ou avea, para que puidese nacer máis ra´pido porque xa se facía entrado o verán, abríanse uns regos na leira e facíase correr por ele a auga e despois labrábase para sementalo millo. Este sistema de regar denominábase "agoar as pallas".

Outro sistema de regadío, era o das brañas, aquí tamén usábase moito a pillaría, xa que os máis trasnoitadores ou madrugadores, podían desviala auga cara á súa propiedade, para poder aproveitar máis horas de auga. Por iso era moi habitual "espiarse" entre eles, e unha vez que alguén facía esta manobra, unha vez que se marchaba, ía o outro e desviáballa para a súa propiedade, polo que algunhas brañas apenas recibían un mínimo de auga, o que motivou que en máis dalgunha ocasión houbese "sachasos" polo medio.

E como colofón a ese aproveitamento están os muíños, outrora en pleno funcionamento e agora en desuso, abandonados e moitos a punto de perderse para sempre. En Nebra calculo que habería como mínimo un cento de eles, e é unha pena que aínda que non teñan un uso, ningún goberno local se implicase en facer rodeiros para darlle valor ao que denomino a arquitectura da auga (muíños, pasais, fontes), limpando os camiños que non levan a eles. Logo co paso da xente por eles como pasaba antes, xa se impedía que pechasen.

Isto non é unha utopía, porque cando de rapaz ía á Graña, os camiños por onde pasaba, xamais se pechaban. Anos despois intenteino e tiven que dar volta.

Ante o dilema de pasear pola estrada co ruído dos coches, no meu caso prefiro mil veces recorrer estas sendas hoxe desaproveitadas.

Fotos e vídeos captados o xoves día 14




Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os comentarios son libres, só pido sentido.