xoves, 12 de novembro de 2015

D.EP. Señora Emilia

Na misa do 18 de setembro foi a última vez que coincidín con ela
O internamento de Emilia foi un internamento forzoso por unha esquizofrenia. Pero ao ser en contra da súa vontade a pregunta é: por que se fixo isto se Emilia só tiña unha incapacidade a nivel patrimonial? que informes determinaron un internamento sen esperanza de retorno para unha persoa que só sabía vivir no seu pobo, cos seus animais, xardesca e insultante, pero non facía dano a ninguén? que informes médicos avalaron que seguise encerrada? por que non lle informaron, cando a viñeron a coller pola forza, para que se puidese defender cun avogado e loitar pola súa liberdade? por que lle mentiron dicíndolle que a levaban ao médico do Hospital do Barbanza? A lei dálle a calquera persoa privada de liberdade o dereito de loitar pola súa liberdade mediante un avogado e un procurador, que poida ver os papeis dos servizos sociais, dos médicos, do Xuíz. De ai a denuncia, xa que a información que se nos deu a moitos é que Emilia non tivo posibilidade algunha de defenderse desa decisión de privala de liberdade. A incapacidade de Emilia era unha incapacidade parcial, non por tema psíquico senón porque se gastaba todo o diñeiro nas súas mascotas. A Xunta por tanto limitábase a administrarlle o Patrimonio.

Ai a tendes, morta, morta de pena. Emilia era unha persoa moi forte e san, camiñaba moito, compraba nos comercios do pobo. Por certo, ía á Igrexa acompañada dos seus cans, que a esperaban fóra. Agora entrará de novo en silencio, calada, inmóbil. Ai está o resultado despois de mes e medio de peche con "a legalidade na man". Apelamos ás conciencias, a esa parte profunda, que sabe de verdade o que é a Xustiza. Haberá quen diga que "é casualidade" e "que lle pode pasar a calquera". Claro que si. Pero hai algo que non engana: aquilo que sente, alá no fondo dun mesmo, cando todo queda en silencio, cando xa non hai ruído, cando nada che pode despistar e o silencio interpélache até o máis profundo. AÍ, xa non hai posibilidade de autoenganarse. Aínda que mil leis, mil providencias, mil informes e mil legalidades XUSTIFIQUEN tantas cousas inxustas, baixo a escusa de protexer a alguén, A todos chegaranos ese momento e verémolo nos nosos seres queridos. Cando chega o silencio da morte, a verdade, aínda que aparentemente muda, irá tocando as conciencias. Tocaranos ver toda a nosa vida como nunha película; Tocaranos ver o que habemos feito, e o que non fixemos. Isto para algúns será motivo de alegría. Para outros será un inferno. EMILIA, xa está no despois. Dámoslle as grazas e pedímoslle perdón por non podela axudar máis. OXALÁ CAMIÑES POLA BELEZA, EMILIA, con saltóns aos teus pés, flores de azar, limóns e laranxas, con Lucky, con Blanquito (os seus dous cachorros). Oxalá poidas velo todo desde onde esteas, ver que houbo persoas humanas que souberon ver o teu fondo e comprenderche.

Texto orixinal: (María R.R.)

Como gran devota da Semana Santa sonense, pódese ver nestes vídeos.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os comentarios son libres, só pido sentido.