xoves, 15 de outubro de 2015

Os veciños de Nebra, non esquecen aos mártires de Cans

Artigo redactado por Toño Calo,
para dar cobertura do acto a La Voz de Galicia para a súa crónica.
Un ano máis, os veciños de Nebra volvéronse xuntar o luns 12 de outubro, para reencontrarse coa súa historia e lembrar aos mártires de Cans. Ás 6 do serán na igrexa parroquial de Santa María de Nebra, contando coa presenza de varias xeracións de descendentes de Antonio Sobrado e Xenerosa Vidal, e comezou a primeira parte da homenaxe que veciños e familiares veñen celebrando desde hai 16 anos en memoria das vítimas daquel fatídico suceso.

Ás 7 do serán comezou a segunda parte da homenaxe facendo a ofrenda floral diante do monólito erixido na súa lembranza no ano 2001. Os encargados este ano de depositar as flores foron Paco do Martelo e unha familiar.
A seguir, Paco do Martelo, ideólogo e fundador desta homenaxe, da un pequeno relatorio aos asistentes, entre os que se atopan o alcalde de Porto do Son, varios edís do equipo de goberno, que con anterioridade acudiron á misa, Xosé Deira (ex-alcalde de Boiro) e un representante do Partido da Terra de Lousame, agradecendo a súa presenza. Expuxo unha pequena cronoloxía dos feitos, poñendo aos asistentes en situación de como ocorreu todo, segundo fora recollendo testemuños de sobreviventes, como foi o dunha veciña que daquela contaba 16 anos e súa nai a agochara debaixo dun cesto, presenciando atemorizada o masacre.
Conta ademais, cal foi o xermolo da homenaxe, a maioría da xente, tiñan unha opinión errada dos feitos, porque pensaba que ditas mortes aconteceran na Guerra Civil, e que as tumbas de 3 das 5 vítimas (2 foron soterradas en Santiago), coñecíanse como "as dos fusilados”. Mesmo prensa e escritores compartían unha visión interesada dos feitos.

Remata Paco considerando necesario recoller dalgunha maneira a realidade dos feitos e que houbese un consenso con tódolos partidos con representación no Concello o vindeiro ano, que sería o centenario. Esas vítimas non morreron só por defender ao veciños de Nebra, se non aos de Miñortos até Muro.

Acaba o acto cunhas verbas dos representantes que asistiron, onde Luís Oujo, amosouse disposto a apoiar todo o que faga falta para a homenaxe, Xosé Deira subliñou que era boa idea que todos vogaran na mesma dirección, e o representante do Partido da Terra mostrouse receptivo, indicando que non hai nada mellor que a unión.

Lamentablemente, non fixeron acto de presenza as demais formacións políticas do concello de Porto do Son, a pesar de seren convidadas expresamente. Outra nota negativa, e que segue sen resolverse dende hai uns anos, é a organización no mesmo día de dous actos iguais pero feitos por diferentes persoas. Insistimos máis de unha vez aos outros organizadores que nos unamos nun só acto, pero só nos atopamos coa súa negativa se non acatamos as súas demandas, que consideramos unha falta de respecto aos veciños e familiares pois só buscan politizar un simple acto de recordo.

Xa estamos traballando para o 100 aniversario.

2 comentarios:

  1. Aínda que non o mencionases todos sabemos quen está detrás do outro, por moito que o da Aguieira diga que o promotor foi el, é que por iso teñen dereito a facelo seu aparte.
    Ás familias calan como calamos todos co que fixo na comunidade.

    ResponderEliminar
  2. Todos os que din que isto partiu do BNG, MENTEN a sabendas, e curiosamente son os mesmos que non estiveron na primeira e se Gonzalo e Chito se achegaron foi porque comuniqueilles no local a miña decisión. Curiosamente é aos únicos que non lles escoitei que a idea partise de eles ou do BNG. Que por que non os desmenten? É algo que non entendo, nin me importa, alá cada un coa súa conciencia.

    ResponderEliminar

Os comentarios son libres, só pido sentido.